DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Álvaro Ferreirós afondou na súa tese na empregabilidade da mocidade

Receitas para unha mellor transición da escola á vida laboral

No estudo recoméndanse cambios significativos nos servizos públicos

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 24/10/2018

Máis protagonismo ás entidades locais e maior coordinación entre administracións; máis preocupación pola calidade do emprego; respecto ao carácter formativo dos contratos de formación e prácticas; redeseño da formación profesional atendendo ás demandas do mercado laboral e programas de detección temperá ante os primeiros síntomas de desvinculación escolar. Estas son algunhas das propostas recollidas na tese de doutoramento do xurista Álvaro Ferreirós para facilitar a transición á vida activa de mozos e mozas en España.

Factores do sistema educativo e do laboral

A tese, titulada A transición á vida activa da xuventude, estivo dirixida por Jaime Cabeza e Marta Fernández e foi presentada este ano na Facultade de Dereito do campus de Ourense. “O tránsito cara o mercado de traballo constitúe un momento transcendente no desenvolvemento profesional futuro da xuventude. Independentemente da parte de responsabilidade que asumen os propios mozos coas súas eleccións e actitude no acceso ao mundo laboral e á marxe da subxección do mercado de traballo ao devir dos ciclos que determinan a economía, o estado adquire o compromiso de deseñar as medidas que resulten máis eficientes co fin de que a transición ao emprego da mocidade se configure como unha etapa de aproveitamento dos recursos educativos investidos”, sinala o investigador.

Na súa investigación Ferreirós Rey analizou aqueles aspectos do sistema educativo e das políticas de emprego que maior influencia exercen sobre o tránsito de mozos e mozas á vida activa. De carácter explicativa e realizada baixo a óptica dos enfoques teóricos existentes en materia de desemprego xuvenil, a tese divídese en tres partes segundo explica o seu autor. Na primeira parte da investigación, despois de identificar cales son os factores que caracterizan a actual situación da mocidade en España, analízase a problemática da inserción laboral xuvenil no momento da transición desde a escola ao traballo. Na segunda revísase o papel que desempeñan as modalidades contractuais laborais na inserción laboral xuvenil, principalmente os contratos formativos e a tempo parcial. A terceira parte do traballo centrouse no estudo da implementación de medidas eficientes nas políticas activas e pasivas para o acceso ao emprego do colectivo estudado.

Recursos e contratación

Sobre os principais resultados acadados, o xurista comenta como a investigación “pon de manifesto que o interese lexislativo recente por incentivar o emprego xuvenil non está orientado a xerar un emprego estable da xuventude e de calidade en consonancia cos seus esforzos formativos”. Por este motivo, no estudo “recoméndanse cambios de entidade nos servizos públicos de emprego”, entre os que destaca a necesidade dun maior protagonismo das entidades locais e maior coordinación das administracións locais, autonómicas e estatal. “O fortalecemento competencial das entidades locais en materia de emprego dotaría ás políticas de emprego dunha maior eficacia no seu territorio”, sinala Álvaro Ferreirós. Ademais, subliña, a mellora da empregabilidade das e dos traballadores e o ofrecemento dun servizo individualizado de calidade “demanda un forte investimento en xestión de persoal público, tanto en contratación como en especialización”.

A tese presentada no campus de Ourense tamén plasma como “as medidas lexislativas adoptadas nas últimas reformas laborais para reducir o desemprego xuvenil non fomentan un emprego estable e de calidade, senón que supoñen un risco que pode facer que se incremente a alta temporalidade deste colectivo”. Segundo explica o seu autor, os estímulos á contratación dirixidos á contratación de mozos e mozas, que veñen marcados pola utilización de reducións ou bonificacións á seguridade social como mecanismos de inserción social, “resultan de dubidosa eficiencia na creación de emprego”. Neste contexto Álvaro Ferreirós apunta como prioritaria a preocupación pola calidade no emprego co fin de que as medidas se orienten a unha redución do desemprego a longo prazo.

Sobre os contratos en prácticas e para a formación e a aprendizaxe, o xa doutor indica na súa tese que teñen que ser fomentados desde o respecto á súa intrínseca finalidade formativa, porque na súa opinión se erixen no instrumento máis axeitado para que mozos e mozas accedan de forma progresiva ao mercado de traballo. “A pesar de que o contrato en prácticas cumpre unha loable función de fomento do emprego xuvenil, o seu verdadeira ratio legis é a finalidade formativa”, matiza, apuntando como as medidas lexislativas teñen que evitar o uso abusivo destas modalidades de contrato. Sobre a contratación a tempo parcial de mozos e mozas que pretenden compaxinar estudos e traballo, o investigador sinala que representa unha vía de entrada idónea para a inserción gradual no mercado de traballo. A regulación, apunta Ferreirós, debe fomentar que “este traballo atípico serva de tránsito cara a un traballo típico (indefinido e a xornada completa) e non se produza un estancamento na parcialidade”.

Outras medidas

Na súa análise, Álvaro Ferreirós tamén recolle como o deseño da formación profesional se debería orientar “cara a adecuación ás necesidades das cualificacións profesionais que demanda en cada momento o tecido produtivo, tanto no relativo á revisión dos contidos curriculares como na estruturación dos ensinos dos centros educativos”. O desaxuste entre os requirimentos do posto de traballo e as superiores competencias adquiridas polas e polos traballadores, detalla, “esixe unha resposta rápida do sistema educativo ante o que o mercado laboral demanda”.

O documento tamén recolle, entre outros moitos aspectos, como a adecuación da orientación educativa e profesional ás necesidades dos mozos e mozas esixe unha redefinición das actuacións. Ademais, engade, a detección temperá dos primeiros síntomas de desvinculación escolar, a activación da participación dos proxenitores no seo da comunidade educativa e a flexibilización da estrutura educativa, “constitúen accións transcendentais para evitar o desaproveitamento de recursos humanos que supón o fracaso escolar”. Os programas destinados ao alumnado con traxectoria educativa erradas, apunta, deben tratar de evitar a segregación escolar e buscar a dignificación das distintas alternativas educativas. “Unha formación específica do profesorado é indispensable para afrontar con éxito a docencia destes grupos heteroxéneos e complexos de alumnos”, detalla Álvaro Ferreirós.