DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un ciclo achega as experiencias profesionais de tres ex-alumnas de Economía e ADE

Receitas para ser economistas sen límites

As conferencias arrancaron este xoves coa analista Rita Álvarez

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Académica
M. Del Río DUVI 12/09/2019

Coñecer as experiencias laborais de economistas en activo que saíron das aulas da Universidade de Vigo é o obxectivo principal das xornadas Mulleres Economistas... sen límites, unha serie de relatorios que durante os meses de setembro e outubro achegarán ao campus vigués a varias mulleres que traballan no eido da economía e a empresa e que se formaron na facultade viguesa en Economía ou ADE. Esta actividade, financiada pola Unidade de Igualdade, trata de achegar ao alumnado casos de éxito, experiencias laborais de mulleres economistas que contarán de primeira man a súa traxectoria laboral, as oportunidades que presenta o mercado de traballo e tamén as dificultades que se atoparon no camiño, xunto con consellos e claves para converterse nun ou unha economista sen límites. 

Begoña Álvarez, profesora do centro e unha das impulsoras desta iniciativa, explicaba na apertura do ciclo, que a finalidade é dar a coñecer experiencias profesionais diversas e, para iso, “escollemos perfís de mulleres egresadas, facendo ver tamén que o xénero non ten que ser un límite nas aspiracións profesionais e que a meta vai depender do esforzo que cada un poña en facelo”.

Rita Álvarez, primeiro exemplo

A primeira convidada foi este xoves Rita Álvarez, licenciada en Economía pola Universidade de Vigo en 2010 e actualmente analista sénior nunha ONG, quen explicou que dende que se graduou traballou en diferentes países e organizacións. Fixo en fincapé que “non hai límites” e recordoulle ao alumnado asistente que “os únicos límites son os que vos poñedes vós e dende xa, podedes comezar a pensar que é o que queredes facer, o que vos gusta e a onde queredes chagar”. Tamén remarcou que mais aló da titulación, é moi importante a formación e as actividades complementarias, destacando sobre todo os beneficios e potencialidades de facer unha experiencia de intercambio no estranxeiro, que “axuda tanto a saber desenvolverse como a perfeccionar os idiomas”, algo tamén moi importante para o perfil profesional. “É unha das mellores experiencias da vida, que axuda a saber enfrontarse a situacións novas e fai gañar unhas perspectivas que dende a Universidade non se teñen”, sinalaba. Tamén os programas de voluntariado, as prácticas de investigación ou as laborais en empresa con factores clave para completar o currículo, remarcaba Álvarez, en referencia á súa propia experiencia, pero sempre e cando “sexan cousas que vos motiven ou que vos poidan axudar no futuro”.

Para os mozos e mozas que xa comezan a pensar na etapa posterior ao grao, a economista destacou a necesidade de preguntarse polo camiño a seguir: continuar estudando, facer prácticas, buscar un emprego relacionado (ou non) cos estudos, marchar a outra cidade ou país, etc. “Tedes que pensar que materias vos gustaron máis, a que carreiras profesionais vos poden levar, que vos motiva... e falar con profesores que vos poidan aconsellar, con xente que estudiase a mesma carreira, etc”. Con todo, tamén lles recomendou saber repoñerse aos reveses, “porque as cousas non saen sempre como un pensa”, e para iso é preciso saber buscar alternativas.

Próximas citas

O próximo encontro será o día 9 de outubro ás 12.00 horas, con María Rada como protagonistas, que explicará o seu traballo no eido dos mercados financeiros internacionais. O 23 de outubro tamén ás 12.00 h haberá outra cita, desta volta con Patricia Lorenzo, vice-presidenta de Compass Lexecom, unha das principais firmas de consultoría económica do mundo.

Todas as charlas teñen lugar no salón de grao da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.