DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo colabora coas actividades organizadas por Club Peña Trevinca os días 6 e 8 de xuño

Recollida de lixo, ruta en kayak e sendeirismo para celebrar o Día Mundial dos Océanos 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 02/06/2021

Pulmóns do planeta, fonte de alimentos e medicinas e parte fundamental da biosfera. Estas son algunhas das principais funcións que cómpren os océanos, que cobren máis do 70% do planeta Terra, e que albergan a maior parte da biodiversidade do planeta. Non obstante, estes grandes organismos son uns dos grandes damnificados da acción humana, responsable da diminución do 90% das poboacións de peixes grandes e da destrución do 50% dos arrecifes de coral. Co obxectivo de concienciar á poboación da necesidade de protexer e preservar o océano e todas as formas de vida que alberga, a ONU volverá celebrar o vindeiro 8 de xullo o Día Mundial dos Océanos, que neste ano 2021 marca ademais o inicio do Decenio das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible, que se estenderá ata 2030.

Co gallo desta efeméride a UVigo colabora e invita á comunidade universitaria a participar nas actividades que Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia programou para celebrar o Día Mundial dos Océanos. O domingo 6 de xuño realizarasen dúas recollidas de lixo, unha delas na praia de Camposancos, que comezará cunha marcha que se iniciará 3 quilómetros antes de A Garda, ata chegar a desembocadura do Miño en Camposancos. Durante o traxecto as persoas participantes irán recollendo lixo e completarán a xornada cun percorrido para subir ao Monte de Santa Trega e descender cara A Garda. A outra marcha comezará en Salcidos e irá ata a mesma desembocadura do río en Camposancos. No transcurso do percorrido as e os participantes recollerán o lixo que atopen, dirixíndose á praia da Armona para dar comezo a segunda parte da xornada, remontando o río Miño en kaiaks, desde os que tamén irán apañando os desperdicios que atopen na ribeira do río. As persoas da comunidade universitaria que queiran participar nas actividades programadas para esta xornada deberán anotarse chamando ao teléfono do club: 986 420541.

Proxección do documental O mar o fin do mundo

Os actos continuarán o propio Día Mundial dos Océanos coa proxección do documental O mar do fin do mundo; marcados para sobrevivir e posterior coloquio co seu produtor, José Irisarri. O audiovisual proxectarase no auditorio do PP. Capuchinos, na rúa Vázquez Varela 15 (Vigo), onde tamén se colocará un posto de venda da obra da ilustradora mariña Rena Ortega.