DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida por profesoras a alumnas da Facultade de Ciencias da Educación

Unha recollida de sinaturas reivindica os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 21/01/2008

Promovida por profesoras e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación, está a levarse a cabo no Edificio de Ferro e na Biblioteca unha recollida de firmas en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos. A campaña xurde en solidariedade coas mulleres procesadas xudicialmente por abortar en diferentes clínicas de España e a posterior persecución por parte de determinados sectores da sociedade das clínicas nas que se realizan estas intervencións.
Purificación Mayobre, profesora de Filosofía e unha das impulsoras da iniciativa, explicou que “como docente de Filosofía, xénero e diferenzas sexuais, e codirectora do posgrao de Estudos de Xénero imparto materias de teoría e historia feminista. Con motivo disto analizamos a realidade das mulleres a nivel social en todos os ámbitos e nestes últimos tempos estábamos a analizar a persecución contra a liberdade e a intimidade das mulleres por parte de determinados grupos”. Foi a raíz desta perda de dereitos e de liberdades “que críamos que estaba conquistada dende fai décadas” cando decidiron, xunto coas alumnas, que tralo esforzo que supuxo acadar certos dereitos e ter voz e palabra propia non podían quedar caladas e que debía reivindicar a capacidade da muller para decidir. “É necesario que esta lei do aborto limitada sexa modificada a favor dunha lei de prazos como na maioría dos países europeos e democráticos, incluídos Portugal e Bélxica, tradicionalmente moi católicos” comentou Purificación. Así o aborto deixaría de estar contemplado no Código Penal e a muller tería total capacidade de decisión dentro dun determinado prazo que xiraría arredor das 14 semanas de xestación.
A iniciativa enmárcase dentro da campaña da Federación de Centros de Planificación Familiar para reivindicar os dereitos sexuais e reprodutivos xa que no Congreso do Cairo do 94 sobre poboación e desenvolvemento humano “declarouse a interrupción voluntaria do embarazo como un dereito humano” explicou.

Boa acollida da iniciativa

En canto á resposta dos estudantes non puido ser máis satisfactoria, “a afluencia está a ser moi importante, con momentos de cola enorme para achegarse a firmar” explicou a profesora que engadiu que “a de Educación é unha facultade moi feminizada polo que gran parte do alumnado séntese directamente afectado. Os homes tamén son cómplices nisto e a participación está sendo moi boa pero son elas as que se senten, loxicamente máis implicadas”. Ante o balance tan positivo desta campaña, os organizadores xa pensan na próxima iniciativa: “a de agora é unha reivindicación dos dereitos pero cando remate estamos pensando en realizar unha campaña de autoinculpamento. Aquí en Galicia iniciárona Ana Míguez e o colectivo de mulleres de Alecrín e tamén comezou Carla Otero outra campaña semellante. Está habendo moitas mulleres referentes sumándose a ela” finalizou.
A campaña de recollida de sinaturas repetirase este mércores no Edificio de Ferro e na Biblioteca de 12.00 a 14.00 horas.