DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dos 45 IES participantes en Galicia, 21 elixiron a universidade olívica para realizar os proxectos

Un recoñecemento ao esforzo e talento dos 128 estudantes que completaron na UVigo o Bacharelato de Excelencia STEMBach

O reitor destacou a utilidade do programa para reducir a fenda de xénero en titulacións tecnolóxicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Visitas
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/06/2023

Acompañados pola súas familias e por parte do seu profesorado, as e os estudantes que acaban de rematar o Bacharelato de Excelencia STEMBach 2023 recibiron este venres os seus diplomas acreditativos. En total foron 128 estudantes de 21 institutos das catro provincias galegas os que elixiron a Universidade de Vigo para participar neste proxecto impulsado pola Xunta de Galicia no que alumnado de Bacharelato desenvolve proxectos de investigación titorizados por profesorado das universidades galegas. 

Os proxectos son bianuais e nesta ocasión entregáronse os diplomas correspondentes aos desenvolvidos entre o 2021 e o 2023. En total, nesta edición participaron en toda Galicia 45 institutos, dos cales 21 apostaron pola UVigo como entidade de acollida, para o que contaron coa colaboración de 96 profesores da universidade olívica. Ao acto deste venres, celebrado no paraninfo do edificio Ernestina Otero, asistiron boa parte dos estudantes, xunto co seu profesorado, persoal investigador da UVigo que titorizou proxectos e arredor dun cento de familiares e amizades dos estudantes. 

Manuel Reigosa: “O único que queremos como universidade é ver que hai canteira”

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, foi o encargado de darlles a benvida a todos e todas a este acto, que serviu para agradecer a confianza depositada polos institutos na Universidade e para recoñecer o esforzo realizado polo alumnado para sacar adiante os seus proxectos. Subliñou que a “combinación de talento e esforzo” que se reflicte nos proxecto STEMBach “é o que nos vai permitir ser unha sociedade de primeira, baseada no coñecemento e na cal a Universidade ten un papel moi importante que desenvolver”. A todos estes mozos e mozas, que o próximo curso comezarán os seus estudos superiores, lembroulles que o “sistema universitario galego é un excelente e proporciona todas as ferramentas necesarias para facer das persoas que se integren nel cidadáns con sentido crítico e capacidades profesionais importantes”. Reigosa amosouse desexoso de que elixan a UVigo, unha institución que aposta pola igualdade, que ten un marcado carácter galego e que está aberta á internacionalización, obxectivo para o cal “é a universidade que máis destina a bolsas en función do seu tamaño”. 

Por outra banda, Reigosa aproveitou para poñer o foco na fenda de xénero nas titulacións relacionadas coa ciencia e coa tecnoloxía. “Precisamos que as mulleres ocupen o seu lugar neses eidos, o 51% que lles corresponde, e que non se creen diferenzas entre as distintas titulacións”, e nese senso, o programa STEMBach pode ser “unha ferramenta moi positiva” que, ademais, tamén permite “traballar de xeito conxunto a profesorado de distintos niveis educativos e de diferentes eidos do coñecemento”. Finalmente felicitou a todos polos proxectos presentados que demostran “que hai talento e hai traballo, non precisamos nada máis ca iso, o único que queremos como universidade é ver que hai canteira e que cheguen ás nosas aulas persoas con capacidade de traballo, con entusiasmo, con interese e tamén con talento. Os que estades aquí hoxe sodes unha excelente combinación disto”. 

Un esforzo extra en anos complicados

A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, puxo en valor esta modalidade de bacharelato impulsado pola Xunta de Galicia para favorecer a adquisición das competencias clave para o século XXI, tanto as transversais, como as máis propiamente vinculadas ao ámbito STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemática) sempre dende unha perspectiva ampla, non circunscrita a estas materias, senón transversal e en colaboración cos diversos sectores e axentes sociais. Ademais, a vicerreitora agradeceu o esforzo e dedicación do profesorado implicado, tanto dos institutos como da UVigo, xa que representa unha carga de traballo extra. Para o alumnado tivo verbas de felicitación, por teren traballado nestes proxectos “ao longo de dous anos difíciles, nos que hai que preparar a ABAU” e nos que demostraron “ser comprometidos, ter capacidade de esforzo e ter moitas inquedanzas”. Caparrini rematou presentando un vídeo de resumo dos proxectos defendidos no bienio 2021-2023, que ademais tamén foron expostos en diferentes paneis na zona de acceso ao paraninfo do edificio Ernestina Otero. 

A continuación interviñeron Beatriz Legerén, profesora da Facultade de Comunicación da UVigo e titora STEMBach, e Cecilia García Cordero, profesora do IES Sofía Casanova de Ferrol. A primeira fixo fincapé na interdisciplinariedade da iniciativa, que non se centra unicamente no eido científico e tecnolóxico, senón que se abre a todas as ramas e ademais permite “saltar os límites non escritos entre as mal denominadas ciencias e letras”. Recalcou que “a ciencia é multidisciciplinar e abarca todo, pero as letras tamén o son, porque son a forma de comunicar os resultados científicos aos que se chega”. Pola súa banda, Cecilia García incidiu na fenda de xénero nas titulacións STEM, onde os homes representan máis do dobre das mulleres e reclamou un cambio de rumbo nun contexto no que “cada vez hai máis alternativas laborais” como consecuencia das novas tendencias e necesidades relacionadas co eido tecnolóxico. Aos estudantes que se implicaron no STEMBach felicitounos “polo valor e esforzo que require desenvolver iniciativas totalmente voluntarias e enfrontarse a desafíos en momentos nos que as vosas vidas están cheas de incerteza” con “motivación, dedicación e curiosidade pola ciencia”.

Tardes de venres para a ciencia e coñecemento

Por parte do alumnado, foron os estudantes do IES Valadares os encargados de contar a súa experiencia no proxecto STEMBach. Sofía, Inés e André repasaron como foron estes últimos dous anos, con moitas tardes de venres dedicadas voluntariamente a un proxecto que lles permitiu “observar como se traballa nas universidades, na de Vigo en concreto, na que varios de nós imos comezar a estudar o próximo curso”. Como lembraba André, “aprendemos sobre laboratorios e técnicas de investigación e vímonos obrigados a saír da nosa zona de confort aprendendo a traballar en espazos novos”. Para todos eles, foi “unha grande experiencia” tanto a nivel académico como persoal e por isto quixeron agradecer tanto aos seus profesores como aos investigadores da UVigo a súa axuda a titorización. 

De seguido procedeuse á entrega de diplomas da man do reitor e de Betriz Legerén, Virxilio Rodríguez e Laura Docío, profesores da UVigo e titores Stembach.