DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aroa Otero foi galardoada co primeiro Premio de Investigación Asac Galicia

Recoñecen unha docente do campus por un estudo que contribúe á identificación de escolares con altas capacidades

Centrado na aplicación da teoría PASS da intelixencia á avaliación deste colectivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Eido
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/01/2026

A investigación que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Aroa Otero desenvolveu para a súa tese de doutoramento converteuna na gañadora da primeira edición dos premios de investigación da Asociación de Altas Capacidades de Galicia (Asac Galicia). Otero Rodríguez centrou o seu estudo na aplicación da teoría PASS da intelixencia á avaliación do alumnado con altas capacidades intelectuais, constatando que un dos procesos cognitivos que centran este modelo neuropsicolóxico, o procesamento simultáneo, constitúe un elemento identificador das altas capacidades.

Sustentada na concepción da intelixencia como un conxunto dinámico de procesos, a teoría PASS é un modelo que, recoñece Otero, “apenas fora aplicado en España ao estudo” deste colectivo. “Isto permite achegar unha nova perspectiva para a súa identificación e comprensión, desde un enfoque cognitivo máis amplo e menos centrado unicamente no cociente intelectual”, engade a docente do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, que defendía en 2024 no campus de Ourense a súa tese de doutoramento, desenvolvida cunha axuda predoutoral da Xunta de Galicia e dirixida por Sonia Alfonso e Manuel Deaño.

Esta investigación permitiu a Otero converterse na primeira gañadora do Premio de Investigación Asac Galicia, co que esta asociación busca “promover, fomentar e recoñecer o traballo de investigación sobre as altas capacidades intelectuais”, como sinalan nas súas bases. Cunha dotación económica de 1000 euros, trátase dun premio ao que podían concorrer traballos inéditos, realizados nas universidades galegas entre os cursos 2020/2021 e 2023/2024, que Asac Galicia entregaba recentemente nun acto celebrado en Santiago de Compostela.

“Para min, este recoñecemento supón un aval a moitos anos de dedicación, esforzo e compromiso co ámbito das altas capacidades intelectuais”, recoñece Otero. Nese senso, o premio constitúe tamén “un impulso” para continuar “desenvolvendo novas liñas de investigación que poidan ter un impacto directo na práctica educativa e na calidade de vida das nenas e nenos con altas capacidades e das súas familias”, axudando, sinala, “a unha identificación máis axustada e a intervencións educativas máis sensibles ás súas necesidades reais”. 

Participación de máis de cen nenos e nenas

Baixo o título de Funcións cognitivas PASS en nenos e nenas de altas capacidades intelectuais, a súa tese con mención internacional reúne os resultados da investigación realizada con 103 estudantes de primaria das provincias de Pontevedra e A Coruña, “diagnosticados de altas capacidades e cun cociente intelectual igual ou superior a 130”. Estes realizaron unha serie de probas estandarizadas que permiten medir as funcións cognitivas nas que se centra este modelo, co obxectivo, explica, de analizar a súa relación cos “compoñentes das altas capacidades intelectuais”, definidos por unha “capacidade intelectual superior á media, creatividade e innovación”. Nomeadamente, o modelo da intelixencia PASS -siglas de planificación, atención, simultáneo e sucesivo- céntrase nas funcións cognitivas de planificación, que implica “flexibilidade cognitiva e rapidez”; atención, relacionada coa capacidade de focalizarse nun estímulo e “inhibir elementos distratores”; procesamento simultáneo, baseado na lóxica; e procesamento sucesivo, a habilidade para organizar a información nunha orde secuencial.

Os resultados desta investigación indican que o procesamento simultáneo, avaliado a través dunha serie de probas de lóxica, constitúe un preditor das altas capacidades, “tal e como propón a propia teoría PASS”, recoñece Otero. Ao mesmo tempo, “un dos achados máis salientables” é que a planificación e a flexibilidade cognitiva son tamén elementos identificadores das altas capacidades intelectuais. Pola contra, engade, a investigación amosou que os compoñentes ambientais, como a aprendizaxe ou a organización, “non participan directamente nesta caracterización cognitiva, o que subliña a importancia de atender aos procesos mentais internos para comprender mellor as altas capacidades intelectuais”.