DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizados por investigadoras de CC da Educación e do Deporte, nun proxecto da Deputación

Recursos educativos abertos achegarán o 'mar das mulleres' aos centros de ensino

Afondan na importancia dos océanos e o papel da muller na súa conservación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 05/04/2019

Os océanos producen o 50% do osíxeno do planeta, conteñen o 90% da biosfera e xogan un papel fundamental para a estabilidade climática. Afondar na súa importancia e no papel das mulleres na súa conservación e no uso sustentable dos recursos mariños, así como dar visibilidade a oficios e profesións vinculados ao mar e desenvolvidos maioritariamente por mulleres, constitúen os obxectivos de O mar das mulleres, unha serie de infografías e recursos educativos abertos desenvolvidos por investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ao abeiro dun proxecto auspiciado pola Deputación de Pontevedra. Coordinado pola profesora María Álvarez Lires, os contidos elaborados no marco deste proxecto foron presentados este venres no Pazo Provincial e forman parte do programa da V Xornada sobre o bo uso e o mal uso do mar, que o vindeiro xoves 11 acollerá esta facultade.

“O mar é un gran descoñecido”, salientou Álvarez Lires, quen incidiu en que “pese a que Galicia ten 1550 quilómetros de costa hai moi pouco escrito sobre as mulleres do mar” na presentación desta serie de paneis, que abordan as temáticas nas que se centran as propostas didácticas que se poñen á disposición dos centros educativos na web marenfeminino.campusdomar.gal. Como explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, trátase da terceira acción impulsada ao abeiro dun proxecto sobre “o papel das mulleres no mundo do mar”, que a Deputación desenvolve coa Universidade. A primeira acción, explicou, foi a creación da páxina web, trala que chegou a exposición Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, que continúa a día de hoxe o seu percorrido por concellos e centros educativos. Foi de feito a demanda nestes centros de material didáctico a que motivou o desenvolvemento dun proxecto que Silva e Álvarez Lires presentaron xunto á Isaura Abelairas, deputada delegada da Área de Igualdade; os investigadores Xabier Álvarez, responsable do traballo de busca e compilación do material, e María Lorenzo, encargada dos textos das infografías e dos recursos educativos; e a ilustradora Alba Rego.

Océanos sustentables con perspectiva de xénero

Sustentabilidade e perspectiva de xénero son os dous eixos desta serie de paneis que remiten á súa vez a unha proposta didáctica. Cunha rapaza, Emma, como protagonista, esta serie de infografías aborda en primeiro termo a importancia dos océanos para a propia supervivencia do planeta e as principais ameazas ás que se enfronta, como metais pesados, plásticos, hidrocarburos, a acidificación oceánica e a súa sobreexplotación. Os paneis Redeiras, salga e conserva e O mariqueo a pé poñen o foco no papel xogado polas mulleres, e afectado por unha “tripla invisibilidade”, en diferentes oficios e sectores, como a conserva, na que o 90% da man de obra é feminina. Por outra banda, outra das propostas busca dar visibilidade a investigadoras relacionadas cos océanos, como Silvia Earle, Elisabeth Mann Borguese, Josefina Castellví e as galegas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos, co interese tamén “de animar ás rapazas a facer carreiras STEM”, sinalou Lires. Por último, o proxecto complétase coa infografía que aborda o desenvolvemento sostible desde unha perspectiva de xénero.

Xornada bo e mal uso do mar

Esta serie de infografías presentaranse, xunto á exposición Sustentabilidade do mar en feminino, na V Xornada sobre bo uso e mal uso do mar, que o vindeiro xoves 11 se desenvolverá en Ciencias da Educación e do Deporte, e que este centro promove xunto á Deputación, o Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar e o Consello da Cultura Galega. A xornada contará así mesmo coa conferencia da investigadora Ana Morillas, do Centro Oceanográfico de Balares, quen falará do proxecto Oceánicas dirixido a “dar visibilidade ao papel de moitas oceanógrafas”, explicou Lires.