DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A banda da loba; Yllana e Mofa e Befa completan as actuacións no Teatro Vidal Bolaño

Recycled J. subirá o mércores o pano da programación cultural do primeiro cuadrimestre

A Semana de Cine Submarino e o ciclo Cine e Lingua acadan a 28ª e 9ª edición, respectivamente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
Mª del Camen Echevarría DUVI 22/10/2018

O artista madrileño Recycled J. abrirá, o vindeiro mércores, 24 de outubro, no Teatro Vidal Bolaño do centro comercial de Cidade Universitaria, a programación cultural do primeiro cuadrimestre, na que conflúen música, teatro e cine. Durante os meses de outubro, novembro e decembro sucederanse, tanto no campus de Vigo, como no centro da cidade, actuacións musicais e teatrais e proxeccións de cine, destinadas tanto ao público universitario, como a calquera persoa allea á comunidade universitaria, que poderá gozar gratuitamente de calquera destes eventos e co único límite da capacidade dos locais onde se van desenvolver. Así, Recycled J. e A banda da loba serán os encargados de poñer a música no teatro Vidal Bolaño, nunha nova edición da programación cultural organizada pola Vicerreitoría de Extensión, que se completa coas actuacións teatrais de Yllana e Mofa e Befa e coas proxeccións no teatro AFundación da 28ª Semana de Cine Submarino e as da 9ª edición do ciclo Cine e Lingua no auditorio do Edificio Cambón.

“Resúltame difícil destacar algo concreto, toda programación é moi apetecible por distintos motivos, pero quizais, a variedade da oferta, desde a xa plenamente consolidada Semana de Cine e o ciclo Cine e Lingua, ata un artista de moda entre os máis novos, que conecta coa universidade e a cultura urbana e un grupo novo feminino que entrou con moita forza no panorama musical galego e sen esquecer a Yllana e Mofa e Befa, que hai anos nos visitaron e deixaron un grato recordo no campus”, explica Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

Bases urbanas e música de autoras 

Jorge Escorial, coñecido como Recycled J., encargarase o vindeiro mércores, a partir das 18.30 horas, de volver facer soar a música no Vidal Bolaño. Autor do fenómeno viral Valga la pena, Escorial publicou o ano pasado o seu primeiro traballo de longa duración, Oro Rosa, un album ecléctico con base urbana, que explora sons que van dende a electrónica máis bailable, pasando por aires flamencos, ata chegar a ritmos tan diversos como o pop, R&B ou rap. O artista madrileño, coñecido antes por Cool, ten no mercado varios traballos e colaboracións con numerosos artistas como Prefijo 91, Natos&Waor ou Ezzeme e é dos poucos artistas españois no seu xénero, que sen un LP no mercado, esgotou as entradas para as actuacións que ofreceu no ano 2017 en Barcelona e Madrid.

A versatilidade de Recycled J. dará paso o 12 de decembro ao eclecticismo de A banda da loba. Sobre o escenario do Vidal Bolaño as cinco integrantes do grupo gañador do Premio Ari(T)mar 2018 e finalista na categoría de música de autor nos premios Martin Codax, presentarán o seu primeiro traballo discográfico Bailando as rúas. Cun repertorio de seu, baseado en letras da súa autoría e musicalizacións de poetas célebres ou textos tomados de poemas de escritoras contemporáneas, A banda da loba despregará ante o público que se dea cita no campus o seu estilo heteroxéneo que bebe do rock, do pop e do folk.

Gastronomía e diálogo filosófico en clave de humor sobre as táboas

Cunha mirada divertida sobre o fascinante mundo da gastronomía, Chefs, a compañía Yllana subirá o 7 de novembro o pano das actuacións teatrais da programación cultural do primeiro cuadrimestre. César Maroto, Susana Cortés, Rubén Hernández e Carlos Álvarez “Jano”, darán vida á historia dun chef de gran prestixio que perdeu a inspiración e ten que confiar nun disparatado equipo de cociñeiros para crear unha receita novidosa e espectacular que lle permita manter as estrelas do seu restaurante. 

As risas continuarán a resoar no Vidal Bolaño o 21 de novembro coa representación de Cranios privilexiados…ou crítica da razón perralleira a cargo de Mofa e Befa. Desta volta, Josito Porto e Víctor Mosqueira somerxerán ás e aos espectadores no diálogo filosófico, fornecendo toda unha galería de personaxes susceptibles de ser conxurados sobre o palco, desde históricos pensadores como Sócrates, Pitágoras ou Kant, ata outros totalmente descoñecidos como Polemón, o "máis grande filósofo galego de todos os tempos". A obra que foi estreada no Festival Internacional de Teatro de Ourense foi escrita po Pepe Sendón e Carlos Santiago.

Tanto no caso das propostas musicais, como no das representacións teatrais, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria sinala que os criterios á hora de escoller as e os artistas que actuarán na programación do primeiro cuadrimestre poderían resumirse en tres “completar e ampliar a oferta cultural existente en Vigo; que sexan propostas novidosas e de calidade na súa dobre vertente, de innovación e formación e que poñendo en valor a artistas galegos se inclúan outros de fóra, xa sexan noveis ou máis consagrados”.

Cine, cine, cine…máis cine, por favor!

A 9ª edición do ciclo Cine e Lingua, Vigo, let’s go to the flicks, arrancará o 31 de outubrop coa proxección de The Rocky Horror Picture Show de Jim Sharman e continuará o 7 de novembro con Get Out de Jordan Peel; o 21 de novembro con Frank de Lenny Abrahamson; 28 de novembro Her de Spike Jonze; o 5 de decembro con Paterson de Jim Jarmusch e rematará o 12 de decembro con Ex Machina de Alex Garland. O ciclo que se desenvolverá coa colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Xunta de Galicia e o Centro de Linguas da Universidade de Vigo, volverá celebrase no auditorio do Edificio Cambón, onde as proxeccións, que serán presentadas polos docentes do Centro de Linguas Keith Payne e Jeff Beasley, comezarán ás 20.00 horas. As películas proxectaranse en versión orixinal en inglés con subtítulos en español.

Pola súa banda, a Semana de Cine Submarino, que este ano acada a 28ª edición desenvolverase entre os días 13 ao 15 de novembro no Teatro AFundación.

Natalia Caparrini anima á comunidade universitaria e ao público en xeral a participar da proposta cultural, dado que “a extensión universitaria se entende como todo aquilo que contribúe a unha formación integral do estudante, e inclúe, por tanto, entre moitas máis cousas, a cultura, e é por tanto, un dos obxectivos da universidade, que tanto o noso alumnado, como a sociedade en xeral entendan, aprecien e gocen da cultura en todas as súas manifestacións”, sinala a vicerreitora.