DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo EPhysLab da UVigo é un dos seus promotores

A Red Iberoamericana de Mujeres para la Acción Climática arranca en Ourense as súas actividades

Reivindica un enfoque de xénero no estudo e toma de decisións respecto ao cambio climático

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 21/10/2022

O fenómeno do cambio climático non é neutral ao xénero. Así o amosan indicadores como as cifras de refuxiadas climáticas ou de incremento da violencia de xénero ante situacións económicas adversas asociadas co impacto de fenómenos como as secas. Co obxectivo de contribuír desde a comunidade científica a loitar contra as inequidades do cambio climático e reivindicar un enfoque de xénero no seu estudo e toma de decisións, creouse recentemente a Red Iberoamericana de Mujeres para la Acción Climática (IBWoClima), que este venres arrancou no campus de Ourense as súas actividades, sendo o grupo EPhysLab-CIM da Universidade de Vigo un dos seus promotores.

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este primeiro evento da rede, que consistiu nunha mesa redonda titulada Inequidades do cambio climático: por que necesitamos un enfoque de xénero?. Na súa inauguración, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, destacou a importancia de visibilizar e traballar fronte ás desigualdades de xénero derivadas do cambio climático. Na mesa participaron expertas internacionais e integrantes de IBWoClima, estando Ana M. Durán, Premio Nacional 2022 de Ciencia do goberno de Costa Rica, coordinadora e co-fundadora de IBWoClima e profesora da Facultade de Física da Universidad de Costa Rica; María Concepción Gimeno, experta en xénero e dereito, profesora de Filosofía do Dereito na Facultade de Dereito da Universidad de León; Paola A. Arias, redactora do IPCC, co-fundadora de IBWoCLima e profesora da Escola de Enxeñaría Ambiental da Universidad de Antioquia (Colombia); Ana Russo, investigadora do Instituto Dom Luiz da Universidad de Lisboa e coordinadora do grupo Climate Change, Amosphere-Land-Ocean Processes and Extremes, e Ana M. Vicedo, redactora do IPCC, investigadora en epidemioloxía ambiental e coordinadora do Grupo de Cambio Climático e Saúde no Instituto de Medicina Social e Preventiva da Universidad de Berna (Suiza).

Once grupos de Iberoamérica e Europa

Ana M. Durán, que realizou a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, explicou que a rede que coordina xurdiu para dar un marco institucional e impulsar actividades que xa viñan realizando as universidade de Costa Rica, Antioquia (Colombia) e EPhysLab neste eido. Con IBWoClima, indicou, quere abordarse a inequidade do cambio climático desde a perspectiva de xénero, como hai impacto diferenciados que afectan máis ás mulleres, e promover e apoiar o liderado de mulleres científicas en ciencias do clima e cambio climático, considerando que esta inequidade tamén existe na academia. Así, a rede ten entre os seus obxectivos “destacar a importancia da integración das mulleres como líderes tanto na investigación como na formulación de políticas climáticas-científico-sociais e da saúde para analizar os impactos do cambio climático en todos os seus aspectos incluíndo a perspectiva de xénero”. Tras constituírse hai arredor dun ano, a rede preséntase como un grupo multidisciplinar que engloba investigadoras (80%) e investigadores das ciencias do clima, o cambio climático, a xurisprudencia, a saúde, a economía, a ecoloxía, etc.

IBWoClima está formada por membros de once grupos de investigación de contrastada experiencia de universidades: sete de Iberoamérica (Costa Rica, Brasil, Colombia, El Salvador, México) e catro de Europa (Portugal, España e Suíza). “O empeño por unha investigación climática, a análise dos seus impactos e a determinación de aspectos lexislativos con perspectiva de xénero levou á unión destas científicas para un intercambio e colaboración activa nas súas investigacións e experiencias docentes e formativas”, sinalan desde a rede. Aínda que conformada por especialistas de América e Europa, subliñan, os resultados do seu traballo queren que sexan extensibles a calquera rexión do mundo.

Grandes ausentes na toma de decisións

Raquel Nieto, organizadora da mesa xunto a Coral Salvador, ambas investigadoras de EPhysLab e membros da rede, destacaron que “o cambio climático antropoxénico é un fenómeno cargado de desigualdades”, pois tal e como se describe en informes da Organización Mundial da Saúde e de Nacións Unidas, “as mulleres son especialmente vulnerables aos seus impactos, dado que soen enfrontarse a maiores riscos e cargas relacionadas con diferencias en roles sociais, control e acceso de recursos, educación e oportunidades laborais e discriminación”. Porén, engadiron, as mulleres teñen sido as grandes ausentes nos procesos de toma de decisión nos órganos de poder en que se planifican as medidas de mitigación e adaptación relacionadas coa crisis climática.

Fronte a esta situación, Raquel Nieto sinalou que “as mulleres poden desempeñar un papel fundamental na investigación, interpretación e defensa de aqueles grupos sociais menos favorecidos, como se está demostrando”. Os informes da ONU, apuntou a investigadora da UVigo, indican que a inclusión das mulleres no nivel de liderado ten levado a mellorar os resultados dos proxectos e políticas relacionados co clima; e polo contrario, se as políticas ou os proxectos se aplican sen a participación significativa das mulleres, poden aumentar as desigualdades existentes". Ademais, engadiu, “a inclusión das mulleres na participación académica é fundamental para garantir que os procesos de investigación científica inclúan unha perspectiva de xénero que integre a problemática que enfrontan as mulleres nas investigacións”.

Neste contexto, o enfoque da rede IBWoClima, subliñaron desde EPhysLab, é dobre. Por unha banda, estudar como o cambio climático afecta ás mulleres e espertar en toda a comunidade a necesidade de ter en valor a perspectiva dos compoñentes diferenciais de xénero. Por outra, ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento das carreiras científicas das novas xeracións de mulleres e o liderado das mulleres nas ciencias do clima. “A rede busca facer chegar á poboación en xeral e á científico-académica o papel das mulleres na investigación climática en todos os seus aspectos, e busca minimizar (ou cambiar de rumbo) a tendencia da investigación liderada por homes, xeralmente do norte global, a descoidar a análise dos impactos da variabilidade e o cambio climático especificamente sobre as mulleres”, afirmaron.