Integrada por preto de 230 centros en España, entre os que se atopa CC da Educación e do Deporte
A Rede de Escolas Unesco reivindica no campus o papel da educación para transformar vidas
Nunha conferencia da súa coordinadora estatal
Máis de 12.000 institucións educativas de 182 países forman parte da Rede de Escolas Asociadas á Unesco (PEA), que ten como principais áreas de acción o fomento dun ensino que promova a cidadanía global e a cultura de paz e non violencia, o desenvolvemento sostible e os estilos de vida sostibles e saudables e unha aprendizaxe intercultural que poña en valor a diversidade e o patrimonio cultural, natural e inmaterial. Desde o ano 2016, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo é o único centro universitario de España integrado nesta rede, cuxos principios e obxectivos foron abordados este luns nunha conferencia da coordinadora estatal da rede, María Jesús Pino, promovida pola Comisión PEA-Unesco da facultade, co patrocinio da Vicerreitoría do campus.
“A educación transforma vidas, porque dáse unha difusión dos dereitos humanos, da xustiza social, da inclusión e da diversidade cultural, étnica e lingüística”, salientou Pino Fernández, nunha conferencia que foi presentada polo membro da Comisión PEA-Unesco Carlos Valcárcel e pola coordinadora galega da rede, Elisa Arias. Elixida nova coordinadora estatal o pasado mes de xullo, Pino buscaba con este relatorio dar a coñecer esta rede e os seus principios, co obxectivo de que os futuros e futuras docentes que se forman na facultade “sigan os valores e piares da Unesco” na súa traxectoria profesional, o que á súa vez contribuirá "a mellorar a calidade educativa”.
Integrante do equipo de orientación educativa e psicopedagóxica da zona de Avilés, Pino explicou que na actualidade existen en España preto de 230 de ensino adheridos á unha rede “que abrangue todos os niveis educativos”, contando tanto con centros de educación infantil, primaria, secundaria ou formación profesional, como con facultades de ciencias da educación, escolas de música, colexios de educación especial ou centros de formación informal. “É unha rede na que todos somos diferentes, pero buscamos un obxectivo común”, sinalou dunha iniciativa que, “desde unha metodoloxía innovadora” trata de promover “unha educación de calidade”.
Acción individual a prol dun obxectivo global
Alén de presentar a rede, esta conferencia serviu para afondar no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 4, centrado no impulso dunha educación de calidade, que fixa como unha das metas da Axenda 2030 “que todos os alumnos e alumnas das etapas de primaria e secundaria estean escolarizados dunha maneira gratuíta”, lembrou. Ao mesmo tempo, coa idea de achegar ao alumnado os valores da Unesco, Pino presentou tamén algúns dos resultados dunha “sondaxe internacional” que esta organización promovía en 2019 e na que participaron estudantes, docentes e familias, co obxectivo de abordar “como pode contribuír a educación á creación de sociedades máis xustas, pacíficas e sostibles”. Os resultados desa análise foron recollidos nun documento “sobre os futuros da educación” publicado en 2021, que pon de relevo, lembrou, a importancia dunha educación “cunha visión inclusiva, desde a perspectiva social, e sostible, desde a ambiental”, que atenda “as diversidades e as distintas percepcións do mundo”. Neste punto, a coordinadora da Rede de Escolas Unesco puxo o foco en que as posibilidades do ensino como “o motor das sociedades” dependen de “accións individuais que unidas forman un obxectivo común”, incidindo na importancia dun “compromiso coherente cos dereitos humanos e o ben común” po parte das e docentes. “O que dicimos é que entre todas e todos podemos aprender uns de outros para mellorar a calidade da ensinanza e o mundo no que vivimos para as futuras xeracións”, concluíu.