DUVI

Diario da Universidade de Vigo

TransformAr é un H2020 dotado con case 12 millóns de euros e no que colaboran 11 países

Rede e Geoma participan nun proxecto internacional que desenvolverá innovacións transformadoras para enfrontar con éxito o cambio climático 

Xunto a Cetmar e Feuga centraranse na cadea de valor do mexillón e os bancos marisqueiros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/10/2021

Os grupos de investigación Geoma e Rede da UVigo participarán xunto a  Cetmar e Feuga no desenvolvemento do proxecto europeo H2020 TransformAr, coa finalidade de articular e demostrar solucións innovadoras que permitan avanzar na resiliencia fronte aos efectos , presentes e esperados, causados polo cambio climático. Xunto a investigadoras e investigadores de Francia, Bélxica, Italia, Grecia, Malta, Alemaña, República Checa, Noruega, Finlandia e Reino Unido, os grupos de UVigo “pretenden pasar de solucións e accións incrementais a innovacións transformadoras que permitan facer fronte con éxito á magnitude do reto proxectado polas previsións científicas”, detallan Ana Bernabeu e Xosé H. Vázquez, investigadores de Geoma e Rede, respectivamente, que lideran a participación destes dous grupos en TransformAr, que hoxe e mañá celebra a súa reunión de lanzamento en Bélxica.

Cunha subvención de 11,8 millóns de euros, dos que á UVigo lle corresponden 452.000, e coa coordinación da universidade belga de Antwerpen, o proxecto europeo contempla o desenvolvemento dos demostradores en media ducia de rexións denominadas “faro” que teñen en común retos climáticos vinculados á auga: Lapperanta (Finlandia), rexión West Country (Reino Unido), arquipélago de Guadalupe (Francia), Oristano (Italia), Egaleo (Grecia) e Galicia. “O obxectivo é que a implementación dos pilotos poida ser posteriormente replicada noutras rexións con retos similares”, explican Vázquez e Bernabeu, que destacan a variedade da tipoloxía das solucións, que inclúe innovacións tecnolóxicas, financiamento, modelos de gobernanza, solucións baseadas na natureza e sensibilización e cambios de comportamento que, “aplicadas de forma conxunta e coordinada, permitirán acadar os obxectivos esperados”, sinalan.

Do total de 22 socios de 11 países que participarán no proxecto durante os próximos catro anos, no caso de Rede, ademais de Xosé H. Vázquez, tamén tomarán parte o investigador Beatriz Galindo, Antonio Sartal, e a investigadora Andrea Ogando, mentres que no caso de Geoma, participarán o catedrático Daniel Rey e a investigadora posdoutoral Ángela Fontán, baixo a coordinación de Ana Bernabeu. 

Un índice de resiliencia da cadea de valor do mexillón e prevención do cambio climático en bancos marisqueiros

A invitación para participar en TransformAr chegoulle aos grupos de investigación da UVigo a través de Cetmar, mentres que a preparación da proposta foi facilitada por Feuga, que participa como socio no proxecto. Cada un dos dous grupos de investigación da Universidade de Vigo desenvolverá ao abeiro desta iniciativa accións ben diferenciadas e aínda que a súa participación se manterá ao longo de todo o proxecto, nas fases iniciais prevese menos intenso, para que, a partir do mes 12,  co inicio da implementación das solucións nos demostradores, se intensifique a carga de traballo.

O grupo Rede e Geoma desenvolverán dúas solucións dentro do demostrador da rexión de Galicia, liderado por Cetmar. Concretamente, Rede “implementará un índice de resiliencia fronte ao cambio climático da cadea de valor do mexillón. Utilizando unha metodoloxía mixta que compaxina os datos científicos coas achegas de expertos, conséguese crear unha ferramenta que permite, por unha banda, facer unha diagnose do estado actual de vulnerabilidade e, por outro, identificar os ámbitos nos que é necesario actuar para incrementar a resiliencia”, detalla Xosé H. Vázquez, que engade que desde a UVigo tamén se prestará apoio a Cetmar no desenvolvemento de resto de solucións previstas para o demostrador en Galicia. 

Pola súa banda, a solución de Geoma enfocarase no “desenvolvemento dun estudo de caso dentro do proxecto, no campo mariño. O seu obxectivo é estudar certos bancos marisqueiros, analizar a súa evolución no tempo, a xestión destes bancos e, en definitiva, en coordinación coas confrarías e mariscadoras e mariscadores, buscar alternativas transformadoras de xestión eficientes e sostibles que preveñan os efectos do cambio climático”, enumera Ana Bernabeu.

O reto de redefinir a visión do que se pode facer ante o cambio climático

Aínda que parte do traballo que as e os investigadores de Rede e Geoma van desenvolver ao abeiro de TransformAr está en liña coa súa experiencia, Vázquez e Bernabeu recoñecen que este proxecto “supón un reto, xa que imos aplicar coñecementos e técnicas ben coñecidas por nós, cun obxectivo e enfoque completamente novos. Isto significa redefinir a nova visión do que podemos facer ante o cambio climático”, explican os coordinadores, que sinalan que TransformAr ten un enfoque novo e complexo a través dun concepto coñecido como adaptación transformacional. “Nas últimas décadas, os plans de adaptación abordaron esta cuestión en función do estado actual dos sistemas socioecolóxicos. Neste senso, a adaptación preséntase complicada, a curto prazo e cun maior control do resultado”, explican os investigadores, que sinalan que os críticos deste enfoque argumentan que este tipo de adaptación non aborda as causas fundamentais da vulnerabilidade diferencial, que son en gran parte de natureza social e política. Pola contra, a adaptación transformadora vese como un cambio de paradigma que aborda cuestións complexas, desequilibrios de poder e xustiza social e ten unha visión máis ampla de adaptación. “Por todo isto, o enfoque do proxecto supón un novo reto moi motivador no noso traballo”, aseguran.

A colaboración entre Rede e Geoma non é nova, senón que xa se produciu no proxecto MarRisk, no que tamén participaron xunto con Cetmar e no que tomaron parte un total de 13 institucións. Ademais entre ambos grupos, a UVigo estivo representada en proxectos internacionais de diferentes convocatorias como Interreg, Easme ou Euranet