DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderada pola UVigo, nela participan tamén docentes da UDC, UAB e UOC

Unha rede de investigación analizará os efectos da covid-19 na organización e comunicación de eventos deportivos

O seu obxectivo é definir unha serie de “propostas creativas” que poidan axudar ás federacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/09/2021

A irrupción da covid-19 trouxo consigo o pasado ano a suspensión de numerosos eventos deportivos, incluídos os propios Xogos Olímpicos de Tokio, para ver posteriormente como diferentes competicións ían retomando a súa actividade con torneos a porta pechada ou con aforos limitados. Analizar como as diferentes federacións deportivas españolas fixeron fronte a este escenario á hora de organizar e dar difusión aos diferentes torneos e competicións que promoven é o obxectivo da rede Organización y creatividad en eventos deportivos durante el covid, seleccionada na convocatoria de axudas do Consejo Superior de Deportes (CSD) para a creación de Redes de Investigación en Ciencias do Deporte. Coordinado pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto, neste proxecto participan investigadores e investigadoras das universidades de Vigo, A Coruña, Autónoma de Barcelona e Oberta de Catalunya. O seu propósito, como explica Fernández Souto, é realizar unha “radiografía de como as diferentes federacións afrontaron a organización de eventos deportivos” durante a pandemia para, a partir desta análise, definir unha serie de “propostas creativas” que poidan ser de utilidade a diferentes organizacións.

Con ese obxectivo, o equipo de traballo realizará entrevistas aos e ás responsables de comunicación de 66 federacións deportivas recoñecidas polo CSD, co propósito de analizar “que tipoloxía de eventos desenvolvían antes do xurdimento da pandemia e como esta situación sanitaria afectou a súa planificación comunicativa”. Nese senso, Fernández Souto pon de relevo que, máis aló de análises sobre deportes concretos, “non existe un estudo similar a este” que proxecte realizar “unha radiografía de como xestionan a comunicación todas as federacións”, poñendo o foco á súa vez en “como afrontaron” a organización dos eventos deportivos neste período e en como estes se viron afectados pola covid-19. 

Para iso, a rede reúne unha serie de expertos e expertas en comunicación “de diferentes perfís”, o que permitirá ao estudo pór o foco en cuestións como a medición de audiencias, a xestión das redes sociais ou a organización de eventos. Nese senso, xunto a Fernández Souto, forman parte da rede os tamén integrantes do grupo CP2, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Montse Vázquez, Iván Puentes, Xosé Rúas e Mónica Valderrama; as investigadoras Natalia Quintas e Ana González Neira, da UDC; María Luz Barbeito e Juan José Perona, da UAB, e Elisenda Estanyol da UOC. 

“Propostas creativas” para múltiples escenarios

O estudo abrangue a análise dun total de 66 federacións, que comprenden desde deportes maioritarios, como o fútbol, a disciplinas como a petanca, a pesca ou a espeleoloxía. Todas elas, máis aló da súa participación en competicións internacionais, “son as organizadoras dos campionatos de España” dos diferentes deportes, lembra Fernández Souto, que incide nese senso en que, durante a pandemia, “cada federación tivo a súa propia formar de enfocar” a organización de competicións. Deste xeito, tras a paralización de todas as actividades deportivas durante o confinamento, algunhas “optaron rapidamente” por celebrar os seus torneos de “forma híbrida”, coa participación presencial de deportistas, adestradores e árbitros, “para logo emitilos por streaming a través de redes sociais ou dos medios de comunicación, no caso dos máis potentes”. Mais tamén houbo casos de federacións que converteron os seus eventos en virtuais, outras que “organizaron os seus campionatos igual, sen darlles difusión”, máis aló de comunicar os resultados, á vez que, lembra, "outros campionatos, sobre todo de categorías inferiores, seguen sen celebrarse”. 

Nese senso, a memoria do proxecto pon de relevo que a organización de eventos é “unha das ferramentas de relacións públicas máis utilizadas” e que estes constitúen unha “ferramenta de comunicación” que permite “establecer e afianzar vínculos concretos cos diferentes públicos”. De aí que, ante a variedade de casuísticas e a “indefinición da situación”, esta rede poña de relevo a necesidade de “crear un marco de organización" deste tipo de actos, "que poñen en contacto a empresas, institucións, fundacións, asociacións, clubs...” cos seus públicos. Partindo desta idea, o obxectivo final do proxecto é desenvolver “unha proposta práctica que permita buscar solucións creativas e sostibles para a planificación e execución de eventos deportivos en tempos de restricións sanitarias”. Trátase, como explica Fernández Souto, de “facer propostas creativas”, en materia tanto de organización como de comunicación de eventos, tanto presenciais, como híbridos ou virtuais, “que permitan seguir gozando dos campionatos atendendo as limitacións sociais e sanitarias que haxa en cada momento e que ademais varían en función de onde teña lugar o evento”.