DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun documento centrado na análise das actuacións municipais durante a pandemia

A Rede Localis destaca a “excelente saúde financeira” de concellos e deputacións fronte á crise provocada pola covid-19

Os seus expertos recomendan ampliar a suspensión das regras fiscais ata 2022

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 16/04/2021

O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a rede xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo destaca a “excelente saúde financeira” dos concellos fronte á crise provocada pola covid-19 e recomenda ampliar a suspensión das regras fiscais ata 2022.

Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, o documento, que corresponde á nota número 16 do observatorio, céntrase no estudo das medidas fiscais e orzamentarias que teñen tomado os concellos galegos de maior poboación e as deputacións provinciais en Galicia polas repercusións económicas e sociais da pandemia. Está coordinado por Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ademais de membro do grupo Gen.  

Desde a Rede Localis destácase da análise realizada que “os concellos e deputacións galegas contan cunha excelente saúde financeira, o que lles permite xogar un papel moi significativo ante a delicada situación económica e social provocada pola pandemia”. As entidades locais, recalcan os seus expertos, “gozan de capacidade económica-financeira para afrontar gastos e son a administración máis próxima ás necesidades básicas da cidadanía: dúas razóns de peso para cumprir co obxectivo de complementar o papel que deben desempeñar a administración xeral do estado e as comunidades autónomas". Neste sentido, desde o Observatorio Municipal Galego suxiren que, na liña do aprobado polo Ministerio de Facenda, a suspensión das regras fiscais débese ampliar ata o ano 2022. Tamén recomendan que "as axudas fiscais, aínda que necesarias, deben ser conxunturais e complementadas con outras vías, como a redución dos trámites administrativos desde a óptica local".

Medidas no calendario fiscal

O documento publicado este venres recolle “que as entidades locais teñen optado por medidas fiscais e non por axudas directas para facer fronte á crise económica e social, tanto no exercicio fiscal 2020 como neste inicio de 2021”. Durante 2020 e o que leva transcorrido de 2021, sinalan os expertos da Rede Localis, compróbase que "as sete grades cidades galegas aplicaron dúas medidas de calado no calendario fiscal, fundamentalmente baseadas na ampliación dos prazos para o pago de impostos e taxas e na introdución de exencións en aqueles tributos con maior repercusión no comercio, hostalaría e turismo, que foron precisamente as actividades máis castigadas pola covid-19, segundo indican desde a entidade".

Centrándose no comportamento dos concellos, o documento recolle que Ourense, Vigo e Pontevedra son os concellos que menos rebaixas fiscais aplicaron para combater os efectos económicos e sociais da pandemia, tanto en 2020 como en 2021. Pola contra, Ferrol, Santiago e A Coruña son os que máis apostaron pola vía das rebaixas fiscais. Finalmente, o documento da Rede Localis indica que os concellos que máis utilizaron ou teñen previsto aplicar axudas directas son os de Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense.