DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu último documento de análise da situación económica-financeira municipal

A Rede Localis destaca a maior aproximación á realidade do novo sistema de cálculo da plusvalía municipal

Aborda as consecuencias dos cambios aprobados polo Goberno neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 03/12/2021

O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, destaca que o novo sistema de cálculo da plusvalía municipal permite “unha maior aproximación ao valor real da operación”.

Segundo indican en nota de prensa desde rede, o documento, que corresponde á nota número 18 do observatorio, céntrase nesta ocasión no estudo do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (IIVTNU ou plusvalía municipal), co gallo da reforma aprobada recentemente polo Goberno como consecuencia dunha sentencia do Tribunal Supremo que declara inconstitucional o cálculo da base impoñible deste imposto. O documento está coordinado por Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ademais de membro do grupo Gen.

Unha capacidade fiscal non aproveitada

Antes da última reforma do IIVTNU, explican desde a Rede Localis, existía “unha importante capacidade fiscal non aproveitada en Galicia”. Así, detallan, este imposto “unicamente” está implantado no 35,8% dos concellos, unha porcentaxe lixeiramente inferior á de 2016 (36,6%), mentres que a porcentaxe da media estatal de concellos de réxime común é do 49,1% en 2021 (igual que en 2016). Ademais, recolle o documento publicado, o tipo deste imposto en Galicia en función do período de cómputo pode chegar a ser de 1,3 puntos porcentuais inferior ao aplicado nos concellos de réxime común. Igualmente, a análise realizada apunta que as porcentaxes anuais en función do tempo que se computa na transmisión son inferiores en Galicia. Os concellos que aplican un maior tipo impositivo son os de A Coruña e Pontevedra e os que menos, Ourense e Lugo.

“A pesar da modificación deste imposto, aínda non se produciu unha verdadeira reforma”, afirman desde a Rede Localis. Así, sinalan que “o impacto económico e orzamentario da nova redacción dos artigos que regulan o IIVTNU é, canto menos, complexa por un dobre motivo: primeiro pola ampla casuística dos potenciais feitos impoñibles e segundo porque se prevé un dobre sistema de cálculo que dificulta determinar a incidencia final da reforma”. Deste xeito, o documento recolle que “aínda que co cambio normativo a aplicación do IIVNTU téntase achegar a valores reais os derivados da transmisión de elementos patrimoniais -grazas ao sistema “real” de determinación da base impoñible- como se establece a posibilidade de tributar pola plusvalía teórica no caso de que a primeira sexa superior á segunda, este obxectivo non chega a cumprirse”. Sen dúbida, engaden os expertos, “a redacción da modificación normativa tiña presente esta formulación, pero ante o incremento da base impoñible, establécese certo límite fiscal, seguramente para evitar unha cota moito máis elevada que a obtida ata o momento”.

Desde a Rede Localis sublíñase que “cremos que, ao tratarse dunha normativa delegada desde a administración xeral do estado, é necesario articular algunha medida para mitigar o previsible efecto pola perda de recadación sobre os orzamentos municipais, unha vez que obteñan as primeiras cifras de ingresos”. Con todo e aínda que a través da nova redacción avánzase en axustar o IIVTNU a outros tributos como o IRPF (que gravan as plusvalías reais), desde a entidade indícase que “somos da opinión de ir máis aló”. Por exemplo, apuntan, “se se desexa manter este imposto potestativo é necesario seguir mellorando a construción da base impoñible e pensar en se as non suxeccións ao imposto son as axeitadas”. Ambas cuestións, detallan, “poderán permitir ganancias en equidade horizontal e aproximarse moito mellor á capacidade económica do contribuínte, algo que os expertos en fiscalidade local veñen reclamando desde hai moito tempo”. En consecuencia, afirman desde a entidade, “aínda queda traballo por facer en aras a mellorar o funcionamento deste imposto”.