DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu último documento de análise da situación económica-financeira municipal

A Rede Localis destaca que os concellos galegos “aínda teñen marxe para elevar o uso da súa capacidade fiscal”

A recadación media en Galicia por habitante foi en 2020 de 319 euros en impostos directos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 24/09/2021

O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a rede xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo destaca que os concellos galegos “aínda teñen marxe para elevar o uso da súa capacidade fiscal”.

Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, o documento, que corresponde á nota número 17 do observatorio, céntrase nesta ocasión no estudo do uso da capacidade fiscal propia dos concellos galegos. Está coordinado por Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ademais de membro do grupo Gen. Na súa análise, os expertos da entidade indican que “a facenda local en Galicia ten capacidade para elevar o uso da súa autonomía tributaria”. Entre os datos recollidos no documento, salientan que a recadación media en Galicia por habitante foi en 2020 de 319 euros en impostos directos e 19 en indirectos e a nivel estatal foi de 456 e 37 euros respectivamente.

Un diferencia “endémica”

Respecto á marxe para mellorar o uso da capacidade fiscal propia dos concellos galegos, desde a Rede Localis sinálase que “nin tan sequera a mellora transitoria de recadación fiscal a nivel local polo crecemento na construción de vivenda antes da última gran recesión, previa á pandemia do covid-19, e o aumento da recadación pola vía das taxas corrixiu esta endémica diferenza”. Segundo indican os expertos da entidade, “tipos máis reducidos e maiores bonificacións parecen estar, polo menos en parte, detrás dos resultados das liquidacións de ingresos nos concellos galegos”.

Na súa análise, o observatorio recolle que 35,7% dos concellos galegos non revisou o valor catastral dos inmobles desde 1990, sendo os municipios de Lugo e Ourense os que presentan medias de revisión catastral máis baixas, afectando á recadación do imposto de bens inmobles e ao imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía municipal). Por outra banda, engaden desde a entidade, os impostos locais potestativos (plusvalía municipal e imposto sobre construcións, instalacións e obras) “non sempre se aplican e cando se opta por eles, os tipos impositivos son reducidos, ao que hai que engadir as importantes bonificacións fiscais aplicadas”.

“Compróbase unha menor esixencia fiscal nos municipios das provincias de Ourense e Lugo. Ademais, a medida que aumenta o número de habitantes do municipio os tipos impositivos e as cotas adoitan ser maiores. A recadación media por habitante en Galicia foi do 69,9% e do 51,4% en relación coa media a nivel estatal para os impostos directos e indirectos respectivamente”, recóllese no documento lanzado este venres.