DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na última nota feita pública polo seu Observatorio Municipal Galego

A Rede Localis recomenda “flexibilidade para usar os elevados remanentes de tesouraría dos concellos”

No documento analizan o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 11/09/2020

“Flexibilidade para usar os elevados remanentes de tesouraría dos concellos” ante a situación económica provocada pola covid-19. Esta é unha das recomendacións feitas na súa última nota polo Observatorio Municipal Galego da Rede Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo.

O documento da entidade, coordinada por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e Concepción Campos, secretaria de goberno local, céntrase no estudo do grao de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto por parte dos concellos. Nel destácase que “as administracións locais presentan un comportamento moi cumpridor co Ministerio de Facenda no que respecta á presentación de información, tanto para o obxectivo de estabilidade orzamentaria como para a regra de gasto. A porcentaxe de cumprimento é do 71,8%, 12,5 puntos por riba da media estatal”, recolle o texto.

Grao de cumprimento

Porén, engaden en nota de prensa desde a entidade, “obsérvase un resultado moi distinto cando se analiza o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, ao quedar reducido ao 74,6%, fronte ao 82,6% de media no ámbito estatal”. Os concellos galegos, apúntase desde o observatorio, presentan máis problemas á hora de conseguir unhas contas públicas equilibradas, sobre todo se se trata de concellos de menor tamaño poboacional. “Esta situación verase incrementada ante o previsible aumento do gasto local (para atender ás maiores necesidades da poboación provocadas pola covid-19, en especial nos servizos de atención social) e/ou redución dos ingresos, sobre todo daqueles tributos relacionados coa actividade económica”, engaden. Ademais, apuntan, “haberá que ter en conta as dificultades de moitas familias e empresas para poder facer fronte ás obrigacións tributarias cos concellos, como consecuencia do empeoramento económico”.

Polo que respecta á regra de gasto, desde o Observatorio Municipal Galego sinálase que o grao de cumprimento dos concellos galegos é do 53,8%, apuntando como “isto significa que case a metade destas entidades en Galicia non é capaz de cumprir con este obxectivo”. Comparando este resultado coa media estatal, subliñan, “compróbase que os concellos galegos teñen un índice de cumprimento de 16,2 puntos porcentuais inferior”. “Do mesmo xeito que se sinalou para o obxectivo de estabilidade orzamentaria, haberá que estar moi atentos a como se comportan as contas públicas desde o lado do gasto, polas implicacións económicas da covid-19 sobre os orzamentos públicos”, recalcan os expertos da entidade.

En canto ao grao de cumprimento conxunto dos dous indicadores presentados, desde a Rede Localis apúntase que menos da metade dos concellos galegos compren simultaneamente con ambos os requisitos. Así, comentan, a porcentaxe de cumprimento polos concellos galegos (46,6%) é case 19 puntos porcentuais inferior ao obtido no ámbito nacional. “O incumprimento de calquera dos dous obxectivos anteriores ten importantes repercusións sobre os concellos”, sinálase na nota, recalcando como “a utilidade de ambos indicadores resulta evidente: o de estabilidade orzamentaria para conseguir que os concellos pechen cada exercicio cun equilibrio entre ingresos e gastos (evitando situacións de déficit crónico) e o do teito de gasto para que non aumenten os seus orzamentos en situacións de crecemento económico”.

Na actual situación, indican desde o Observatorio Municipal Galego, “quizais sexa aconsellable flexibilizar a normativa tendo en conta as implicacións orzamentarias que traerá a covid-19”. Neste sentido, desde a entidade lembran que “os concellos galegos teñen un elevado remanente de tesouraría e non é necesario que se axusten ao déficit cero, nin tampouco que estean tan encorsetados en canto ao teito de gasto”.