DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio institucional da UVigo no Berbés oferta postos de cotraballo

Redeiras pon a disposición da comunidade universitaria un espazo de reunión, traballo e desenvolvemento de proxectos 

Cómpre realizar reserva previa 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/03/2022

18 postos de traballo individuais, distribuídos en seis mesas de tres postos cada unha, conforman o espazo de cotraballo que a UVigo ofrece á comunidade universitaria no edificio Redeiras de O Berbés. De luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e con reserva previa, alumnado, PDI ou PAS poderá utilizar este novo espazo, “aínda que pensamos que os maiores usuarios será o alumnado, xa que a día de hoxe a súas necesidades cambiaron, a maioría conta cun portátil e un teléfono, pero o que precisan agora é un espazo e unha boa conexión a internet para poder desenvolver a súas actividades”, explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, Natalia Caparrini.

O novo espazo de cotraballo, que se suma ao de Incuvi, localizado no campus de Vigo, está pensado para que as persoas usuarias “poidan colaborar, reunirse, traballar, estudar ou desenvolver os seus proxectos e crear sinerxías e oportunidades no ámbito docente, profesional e incluso persoal”, avanza Caparrini. 

Un espazo dedicado ao emprendemento 

Semanas antes da posta en servizo do espazo habilitado en Redeiras, abría as súas portas o espazo Incuvi, destinado igualmente a toda a comunidade universitaria “pero dedicado principalmente ao emprendemento. Queremos que se converta no centro neurálxico do emprendemento universitario”, explica a vicerreitora. Situado na praza Miralles do campus de Vigo, o espazo Incuvi dispón dunha sala de formación para 25 persoas, un espazo de cotraballo con oito postos individuais, unha sala de xuntanzas pequena para catro persoas e unha máis ampla para oito. Este espazo está a disposición da comunidade universitaria de luns a venres, de 9.00 a 20.00 horas e previa reserva.