DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diferentes axentes e colectivos de Pontevedra participan nun proxecto de investigación do grupo Cies

Redes cidadás para atopar respostas innovadoras á exclusión social

Financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/05/2018

Implicar a múltiples axentes nunha reflexión conxunta sobre os diferentes factores que inciden na exclusión social e educativa co proposto de definir, desde unha perspectiva cidadá e comunitaria, solucións innovadoras para realidades concretas como o abandono e o fracaso escolar ou as repercusións da violencia machista na infancia. Esta é a base do proxecto Redes de innovación para la inclusión educativa y social, que o grupo de investigación Cies (Colaboración, Innovación e Investigación para a Equidade Socio-educativa), da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, desenvolve conxuntamente con investigadores e investigadoras das universidades de Cantabria, País Vasco e Sevilla.

Financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade dentro do Plan Nacional de Investigación 2016-2019, o proxecto que lidera a catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Vigo Ángeles Parrilla ten como obxectivo “afrontar os problemas de desigualdade desde as súas orixes”, a través da creación dunha serie de equipos mixtos de traballo “que activen a participación conxunta da sociedade en temas comúns”. Con ese propósito, a iniciativa, que se atopa en fase de desenvolvemento, articúlase no caso de Pontevedra en seis proxectos que aglutinan a máis de 60 investigadores e investigadoras, axentes sociais e educativos e representantes de diferentes colectivos, que abordan, en diferentes grupos e a través dunha metodoloxía participativa, temáticas como as repercusións da violencia machista na infancia e na adolescencia, a inclusión das persoas con discapacidade visual e das persoas maiores, o abandono e os riscos que internet pode supor para os e as menores. “A súa potencialidade é que permite traballar distintos frontes á vez desde unha perspectiva global, de maneira coordinada e conxunta”, salienta Parrilla dunha iniciativa que, ademais dos grupos de traballos vinculados á Pontevedra, abrangue o desenvolvemento de proxectos independentes pero vinculados a estas temáticas nas outras tres universidades participantes no proxecto.

Os propios grupos definen os eixos da investigación

“O proxecto parte da idea de que na sociedade actual hai moitas exclusións, ás que a escola non pode facer fronte soa, senón que precisa traballar de xeito coordinado con outros servizos e institucións”, salienta Parrilla. Partindo desa idea e co propósito de desenvolver “enfoques metodolóxicos e prácticos alternativos”, a investigación abrangueu a creación dunha serie de redes de traballo, que se encargaron tanto de definir o seu ámbito de análise e intervención, como do deseño, desenvolvemento e posterior avaliación dos proxectos e iniciativas. “A idea é responder ás necesidades reais, xerar sinerxías e fomentar a colaboración entre diferentes axentes”, engade a coordinadora desta iniciativa que articulou en Pontevedra seis “micro-proxectos que teñen en común que se centran en colectivos que poden estar en situación de risco ou dunha certa vulnerabilidade”. Seis proxectos nos que, sinala, “logrouse unha participación comunitaria importante”, a través duns grupos de traballo que reúnen a profesionais dos eidos da educación, o traballo social, a socioloxía ou a psicoloxía, xunto representantes de “entidades cívicas, sociais e educativas diversas”, desde o Concello e a Deputación, a centros de educación infantil, primaria ou secundaria. O propósito, engade Parrilla, “é sacar a inclusión á rúa e recoñecer a cidade como unha contorna que pode achegar e favorecer procesos de inclusión”.

Promovendo o diálogo entre colectivos diversos

Neste proxecto insírense iniciativas como Con luz propia, unha actividade desenvolvida o 12 de maio coa colaboración do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE e dirixida a visibilizar a situación das persoas con discapacidade visual. Coordinada pola integrante do grupo Cies Silvia Sierra e a investigadora da USC María Fiuza, esta iniciativa sustentouse na metodoloxía das bibliotecas humanas co propósito de “dar a coñecer estas situacións e permitir sobre todo o diálogo”, explica Parrilla. Promover un diálogo, neste caso entre a mocidade e persoas da terceira idade, é tamén o eixo de O mapa interxeracional de Pontevedra, iniciativa que baixo a coordinación da profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Marivel Doval e coa colaboración do centro para persoas maiores Saraiva traballa con parellas integradas por anciás e adolescentes “nos que o vínculo que se vai establecer para ese diálogo é a experiencia vivida na cidade”. 

Abordar os factores que inflúen no abandono e fracaso escolar é o eixo de Contra todo prognóstico, un proxecto que, baixo a coordinación da catedrática Antonia Blanco, se desenvolve no Centro de Educación para Adultos. “Este grupo intégrano profesorado do centro, o director e a orientadora e varias alumnas e leva meses explorando os motivos que levan ao abandono escolar temperán e os motivos que levan a volver”, explica Parrilla. Así mesmo, identificar barreiras nos centros de secundaria “que dificultan a permanencia” do alumnado é o eixo de En conexión, un proxecto no que Parrilla conta coa colaboración da Universidade de Oxford, da que procede o cuestionario que se realizou nos seis institutos de Pontevedra co propósito de abordar “un dos factores que aparece sempre nas situacións de exclusión, que é o sentimento de desconexión coa institución escolar”. 

Neste proxecto insírese tamén Con sentidiño na rede, iniciativa que coordinan as profesoras Manuela Raposo e Esther Martínez e que conta coa participación de profesorado de primaria, orientadores e representantes dos corpos e forzas de seguridade e da FANPA, a Federación de Asociación de Nais e Pais de Pontevedra. Trátase, explica Parrilla, dun grupo que traballa no desenvolvemento de orientacións que axuden ás familias á hora de que seus fillos e fillas poidan facer un uso máis seguro de internet. 

A cara oculta da violencia de xénero

Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero é o título do proxecto  que coordina á profesora María Álvarez Lires e no que se insire a xornada do mesmo nome que este sábado 26 terá lugar no Pazo da Cultura. Organizada pola Universidade, o Concello e a Deputación e enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals, ten como obxectivo afondar en diferentes aspectos dos efectos que a violencia machista ten sobre a infancia e a mocidade. Coas súas 150 prazas xa completas, a xornada inserida no convenio de colaboración entre a Universidade e a Deputación servirá así mesmo para dar a coñecer o traballo que as investigadoras e investigadores da Universidade veñen desenvolvendo coa  colaboración de sociólogas, traballadoras sociais, docentes de primaria e secundaria e representantes do Centro de Información a Muller e de diferentes colectivos.

A presentación deste proxecto por parte de Azuzena arias, Daisy Alcalde e Iria Vázquez, verase complementada pola conferencia que a psicóloga clínica Sonia Váccaro centrará nas fillas e fillos como vítimas da violencia de xénero, así como por catro obradoiros; A coeducación, o camiño para a prevención da violencia de xénero, a cargo de Mariví Fernández, asesora do Berritzegune de Irún; Crianzas maltratadas: detección e abordaxe no ámbito sanitario; a cargo da experta en xénero e saúde Lola Ferreiro; Menores e violencia de xénero, tratamento interdisciplinario, a cargo da titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, Paz Filgueira; e Desmontando mitos contra nenas, nenos e adolescentes desde o eido asociativo, dirixido pola presidenta de Agamme, Estrela Gómez.