DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo da investigadora da Facultade de Comunicación Beatriz Martínez

As redes sociais non achegan a mocidade á programación cultural de Pontevedra

Inflúen en maior medida as recomendacións das amizades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/02/2025

Analizar o grao de coñecemento e participación da mocidade na programación cultural que se desenvolve en Pontevedra e o papel das redes sociais e influencers neste ámbito. Estes eran os principais obxectivos do estudo desenvolvido pola profesora da Facultade de Comunicación Beatriz Martínez ao abeiro do programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras financiado pola Deputación de Pontevedra, no marco dun convenio de colaboración coa UVigo. A través dunha enquisa e da organización de grupos de discusión, este traballo permitiu constatar que se ben mozos e mozas “si están conectados” coa oferta cultural da cidade “da que parecen participar e din interesarse”, como explica esta investigadora do grupo CS1, non o fan a través das redes sociais das institucións e entidades culturais da localidade. 

Diferentes estudos, lembra Martínez, sinalan que “a programación cultural tradicional non sempre logra captar a atención dos mozos, debido a unha desconexión en termos de linguaxe, formatos e accesibilidade”. Neste contexto, resulta “crucial entender o papel das redes e influencers nos seus intereses”, que se teñen convertido en “ferramentas clave” á hora de achegar a programación cultural ás novas audiencias. Analizar o seu papel na “conexión entre a oferta cultural” de Pontevedra a as novas xeracións era nese senso un dos propósitos do proxecto Conectando culturas: Análisis de la oferta cultural de Pontevedra en redes sociales y su impacto en los jóvenes, con atención también al Camino de Santiago

Unha “fenda” nas redes sociais

A enquisa realizada a 158 mozas e mozos de entre 18 e 27 anos, o 76% mulleres, permitiu constatar o elevado uso que as novas xeracións fan das redes sociais, ás que o 83% dedican cando menos dúas horas ao día e, dentro destes, un 38% máis de catro horas diarias, sendo Instagram e TikTok as maioritariamente utilizadas. Non obstante, o 65% dos mozos e mozas non coñece as contas das institucións e organizacións culturais da cidade e só o 12,7% participa en actividades ou eventos culturais promocionados a través das redes sociais. Isto leva a Martínez a incidir na existencia dunha “fenda” nas redes sociais e unha mocidade que segue “outro tipo de contas” e que “pon en valor o entretemento” por riba de ámbitos culturais concretos. De feito, as e os participantes sinalaban como principal motivación para participar neste tipo de actividades “as recomendacións dos amigos”. Ademais, o 64% das enquisadas e enquisados “non considera adecuadas as estratexias de comunicación das institucións culturais” nas redes sociais, que consideran “pouco atractivas”, o que leva a investigadora a concluír que, se ben “mozos e mozas valoran a cultura local”, tamén “identifican unha desconexión significativa na forma en que se comunica e adapta aos seus intereses”.

Estas cuestións foron abordadas tamén en dous grupos de discusión, un conformado por mozos e mozas e outro por responsables culturais do Concello e a Deputación e de eventos como o festival Surfing the Lérez. Estes grupos permitiron afondar tamén nas demandas da mocidade dunha oferta cultural acorde ás súas preferencias, así como na necesidade por parte dos xestores culturais de “incorporar novas ferramentas e formatos”. Outra das cuestións abordadas foi o papel que poden xogar os influencers á hora de conectar cos novos públicos, mais, como sinala Martínez, a súa efectividade neste eido dependería da “autenticidade e proximidade” das súas mensaxes. Isto faría idóneo que se tratase de figuras “que estean conectadas habitualmente” co público obxectivo e coas institucións culturais da cidade, mais os resultados da enquisa amosan que máis do 80% dos mozos e mozas non coñecen “influencers e activistas culturais de Pontevedra”.

“Desconexión” co Camiño de Santiago

Outro dos aspectos nos que este estudo buscaba pór o foco era na percepción da mocidade do Camiño de Santiago, que a maioría sinala como “unha influencia cultural significativa en Pontevedra”. Mais, ao mesmo tempo, tamén fai alusión as “oportunidades desaproveitadas para conectalo coas xeracións máis novas” e só o 30% das mozas e o 20% dos mozos afirmaba ter participado nalgunha actividade relacionada coa ruta xacobea. 

Nos últimos meses, a metodoloxía e os resultados deste estudo foron presentados en varios congresos, abordando cuestións como as diferencias nos resultados en función do xénero, entre os que destacan que as mulleres “mostran un maior interese en xeral polo que denominaríamos estritamente cultura”, a que vez que son “maioritariamente máis activas” como creadoras de contidos. Por outra banda, Martínez ampliou esta liña de análise na cidade portuguesa de Braga, onde se rexistraron uns “resultados moi similares, en termos xerais”, que serán recollidos, xunto cos de Pontevedra, nun artigo na revista científica El profesional de la Información.