DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Universidade, terá lugar o venres 27 na Vicerreitoría do campus

Referentes do deporte, a empresa e a arte reuniranse nun coloquio sobre talento e superación 

Participarán a olímpica Ana Montero, o empresario Luis Taboada e o ilustrador Kiko da Silva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/09/2024

A exdeportista olímpica Ana Montero, actualmente directora técnica de natación artística da federación española, o empresario Luis Taboada, que a revista Forbes incluíu na lista dos cen empresarios máis creativos de España; e o autor e editor de banda deseñada Kiko da Silva. Estes serán tres os protagonistas dunha nova edición da mesa de talento e superación Comezar, chegar e continuar, que o vindeiro venres 27 de setembro se desenvolverá na sede da Vicerreitoría do campus. Inserida no programa EmpregoinCampus, promovido pola Área de Emprego e Emprendemento da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, trátase dun evento aberto a toda a cidadanía, que require de inscrición previa. O seu obxectivo é achegar á comunidade universitaria a traxectoria de figuras de referencias nos eidos deportivo, empresarial e artístico co obxectivo de que poidan servirlles como fonte de inspiración e motivación no seu futuro profesional.

“A idea da mesa é a de conversar e compartir a experiencia de tres grandes expoñentes de tres perfís diferentes; deportivo, empresarial e artístico”, sinalan desde a organización deste coloquio, que será moderado pola directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. Nesta edición, a actividade servirá ademais como peche das actividades en Pontevedra de EmpregoinCampus, no que se insiren un conxunto de iniciativas vinculadas á mellora da empregabilidade do alumnado e que conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Trabajo y Economía Social, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, . 

Programado para as 20.00 horas, este coloquio centrarase nunha primeira fase nos inicios dos e da conferenciante, para logo deterse nos seus logros e proxectos de futuro, pechándose cun bloque aberto ás preguntas das e dos asistentes. A actividade contará con entrada gratuíta previa inscrición, a través do correo electrónico contacto@clinicason.com e nela terá preferencia o alumnado da Universidade de Vigo.

Exemplos de esforzo, liderado ou creatividade

Directora técnica de natación artística da Real Federación Española de Natación, a titulada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Fisioterapia Ana Montero será unha das protagonistas desta mesa. Presentada pola organización como un “exemplo de esforzo, sacrificio, entrega e constancia”, na traxectoria deportiva de Montero destacan fitos como o subcampionato do mundo acadado en 2003, o título de campioa de Europa que logrou ao ano seguinte ou o diploma olímpico acadado en Atenas 2004. Membro do comité técnico de natación artística de European Aquatics e de World Aquatics e da comisión de Maternidade e Deporte do Comité Olímpico Español, á traxectoria de Montero como nadadora viuse sucedida polos seus logros como adestradora, como o sucampionato do mundo acadado en 2025 ou o quinto posto logrado nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro en 2016.

Como un “exemplo de liderado, visión, emprendemento, creatividade e adaptación” presenta a organización a Luis Taboada, CEO e fundador de Qbitia, unha empresa de software algorítmico para investimento en bolsa, recoñecida cunha decena de premios. Fundador tamén da “boutique corporativa” Tales Venture, desde a que asesora e inviste en startups, Taboada foi incluído nos anos 2017 e 2018 na lista Choiseul dos cen executivos novos máis influentes de España e o pasado ano foi recoñecido pola revista Forbes como un dos cen empresarios máis creativos do país.

Egresado da Facultade de Belas Artes da UVigo, a mesa contará tamén coa participación do autor de banda deseñada, ilustrador e editor Kiko da Silva, director da primeira escola profesional de cómic de Galicia, O Garaxe Hermético. Ao longo da súa traxectoria, da Silva traballou como humorista gráfico para cabeceiras como El Jueves, La Voz de Galicia ou El Correo Gallego e foi recoñecido con galardóns como o Premio Castelao de Banda Deseñada no 2014 ou o Premio Xoán Manuel Pintos pola súa promoción da lingua galega. A isto súmase o seu labor como editor das revistas BD banda ou e Retranca e a publicación de As serpes cegas, de Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí, unha obra recoñecida en 2010 co Premio Nacional de Cómic.