DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle a exposición ‘Mondo Trasho’, da egresada de Belas Artes Sabrina Fernández

Unha reflexión sobre a piratería e o acceso a cultura conecta Lima, Xenebra e Pontevedra

A exposición, inaugurada este venres, poderá visitarse ata o 28 de marzo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/03/2019

A compra por parte da artista e exalumna da Facultade de Belas Artes Sabrina Fernández do arquivo de Mondo Trasho, un posto de venda especializado en cinema independente e de serie B emprazado no centro comercial Polvos Azules de Lima constitúe o xerme da exposición que desde este venres pode visitarse na Sala X. Unha exposición na que esta artista residente en Xenebra propón unha reflexión sobre o orixinal e a copia e sobre as canles de acceso aos materiais culturais. Non en van, os máis de 5000 filmes que integraban o catálogo da tenda que dá nome a esta exposición eran copias piratas, que décadas atrás serviron, explica a artista, para “ter acceso a un material de autor moi rebuscado”, un material que “os cambios tecnolóxicos e a globalización converteron nalgo obsoleto, en lixo”, pero que por outra banda “poder ter coa súa materialidade un valor expositivo”, como o que Fernández Casas lle confire nesta exposición.

Ata o 28 de marzo poderá visitarse na Sala X Mondo Trasho, unha mostra que contou co financiamento do municipio de Xenebra e que é a primeira exposición individual en Galicia dunha artista que nos últimos anos exhibiu os seus traballos en Salzburgo, Bremen, Londres ou Madrid. “Este tipo de exposicións enmárcase na intención de visibilizar a traxectoria de ex-alumnos en distintas vías da creación contemporánea”, salienta a decana de Belas Artes e coordinadora da Sala X, Silvia García, quen destaca a traxectoria de Fernández Casas na “edición alternativa de libros de artista”. 

Dun centro comercial peruano á Sala X

Tras visitar Polvos Azules en 2016 e coñecer ao anterior propietario de Mondo Trasho, quen defendía “a ilegalidade como única forma de acceso ao coñecemento”, Fernández atopouse na rede co anuncio de que o último responsable deste posto puña a venda o seu catálogo de cine, “que xa non lle xeraba o suficiente para vivir”, e decidiu mercalo. As conversas que mantivo co propietario nese proceso previo, xunto ao vídeo que este lle enviou amosándolle este arquivo de filmes piratas exhíbense de feito na parte dianteira da Sala X, que no seu espazo central reflexiona sobre as ideas de copia e orixinal a través dunha serie de pezas que fan uso desta colección como un material físico. “Esta exposición realmente fala da accesibilidade e a innaccesibilidade”, apunta a artista, quen explica que se ben o seu traballo “parte dunha experiencia persoal”, este toca tamén “temas universais”, como a idea da “copia orixinal ou o orixinal copia”. Con esa idea, presenta en Mondo Trasho como as que reunían os materiais das tendas, co propósito de espertar dúbidas respecto de “se será realmente o arquivo de Mondo Trasho o que está nestas bolsas”, tendo en conta ademais que se trata duns materiais que “non poden pasar fronteiras”, levando deste xeito á pregunta, sinala, de “se realmente eu estou propoñendo unha versión pirata dese material?”. 

“Interesábame transformalo minimamente, cambiar a súa forma para que de repente se volva legal e poida desprazarse”, engade Fernández que, na parte central da sala, presenta 12 dos 54 libros nos que agrupou, nunha segunda viaxe a Lima, as diferentes portadas que completaban o catálogo de Mondo Trasho, nalgúns casos mesmo asinadas polos propios cineastas. “Era un posto moi coñecido na década de 1990, que tiña acceso á unha calidade de piratería moi elevada e do que se dicía que os propios cineastas lles interesaba deixar as súas películas para que circulasen no país”, explica Fernández, quen nese senso explica como a exposición promover unha reflexión “desde a condición de usuaria” destes produtos culturais. “Son unha artista que traballa coa apropiación, sempre é dedicado traballar con material alleo pero eu concibo o material cultural dispoñible como un espazo de expresión tamén”, apunta esta artista quen completa a exposición cunha serie de pezas que, reproducindo a estética dos subtítulos dun filme, combinan por unha banda fotografías súas de Polvos Azules con frases do primeiro propietario de Mondo Trasho, para logo trasladar tamén a súa propia reflexión sobre copia e orixinal e sobre uns materiais que “poden ter coa súa materialidade un valor expositivo e cos seus contidos un valor cultural”. 

Retorno á facultade

Asentada en Xenebra, Sabrina Fernández fundou en 2015 xunto ao artista arxentino Patricio Gil Flood a editorial e colectivo Macaco Press, que este martes centrou o coloquio que a artista mantivo na Sala X co alumnado de Belas Artes, centrado no seu traballo como creadoras de libros artista, traballos que forman parte a día de hoxe de coleccións como as da The Library of Printed Web e a MoMA Library de Nova Iork ou a da Tate Library de Londres. “Facíame moita ilusión volver aquí, ver a xente que hai moito tempo que non vía e compartir experiencias”, salienta esta ex-alumna, que exerceu tamén como profesora convidada na Universidade de Arte e Deseño Head de Xenebra.