DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumno de Belas Artes Marcos Covelo exhibe na Zona C de Santiago o seu proxecto O Rapto de Europa'

Unha reflexión sobre a UE que parte da reinterpretación da súa bandeira

Na iniciativa insírese tamén un taller de serigrafía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 27/06/2018

“Cuestionar a concepción e representación da bandeira da Unión Europea, prestando especial atención á situación de Europa ao abeiro do contexto económico, social e político”. Este é un dos propósitos centrais de O Rapto de Europa, o proxecto expositivo que o alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo desenvolveu para a Zona C de Santiago de Compostela tras ser premiado na  categoría de proxectos de intervención artística da convocatoria de apoio á creación en artes visuais que promove este espazo dependente do Concello de Santiago. Ata o 29 de xullo poderá visitarse unha exposición integrada por cinco pezas que, partindo do deseño da bandeira comunitaria, abordan “un problema ou situación específica latente no contexto actual europeo”, explica o artista. Ao abeiro desta iniciativa, que implicaba tamén a proposta de actividades colaborativas que procuren o achegamento cidadán aos procesos de arte contemporánea, Covelo deseñou tamén o taller de serigrafía gratuíto Deseña a túa propia bandeira, que se desenvolverá neste espazo compostelán os días 30 de xuño e 1, 6 e 7 de xullo.

“A partir de 2008, co inicio da crise mundial financeira, entramos nunha etapa onde os alicerces básicos sobre os que se sustentan os principios da Unión Europea comezan a cuestionarse”, sinala Covelo no texto de presentación dunha exposición no que ese “descontento social en Europa” levouno a investigar sobre a creación da UE “e especialmente do emblema que o representa”. A bandeira de fondo azul sobre o que se presenta un círculo formado por doce estrelas douradas, deseñada por Arsène Heitz en 1955 e adoptada pola UE en 1985, converteuse así no punto de partida dun proxecto artístico no que elementos formais da bandeira, como as estrelas, a cor ou a tea, que son reinterpretados para dar forma a unha serie de pezas cunha intención determinada”.

Así, nunha das obras as estrelas da bandeira plásmanse sobre unha manta isotérmico co propósito de incidir no drama que no Mediterráneo están vivindo milleiros de refuxiados, mentres que noutra as estrelas preséntanse unha sobre outra co propósito de representar “o poder económico do euro” e propor unha metáfora “sobre como os efectos da crise acentúan o peso da economía na Unión”. Unha bandeira de tea con fondo branco, pendurada a media hasta, coa idea de incidir “no estado actual no que se atopa a credibilidade” da UE constitúe outra das propostas inseridas nun proxecto na que tamén, a través do estampado das estrelas da bandeira en camisetas de diferente cor, Covelo reflexiona sobre a “vulnerabilidade dunha icona”. 

A exposición complétase cun “gabinete de información” que achega ao espectador ao proceso de creación desta bandeira, que nesta exposición, explica Covelo, “preséntase como un obxecto de estudo e análise teórico-histórico”, á vez que como un elemento co que “poder crear un discurso crítico e de reflexión sobre a situación actual de Europa e o conxunto de países que a compón”. De feito, este proxecto artístico insírese tamén na liña de investigación que Covelo desenvolve para a súa tese de doutoramento, centrada nos movementos do apropiacionismo e a posprodución, que neste caso permiten ao artista “xerar un discurso sobre a situación económica, social e política da UE utilizando a súa propia iconografía”. 

Deseña a túa bandeira

O proxecto polo que Covelo foi seleccionado na convocatoria da Zona C complétase cun taller dirixido a reflexionar sobre a concepción da bandeira”, á vez que para introducir aos e ás participantes na serigrafía e na estampación múltiple. Con inscrición gratuíta, os e as participantes disporán tamén de balde dos medios e materiais, excepto o soporte, para poder neste taller “representar o que eles consideren que é unha bandeira” a partires desa reflexión previa sobre a concepción e complexidade da bandeira comunitaria.