DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso ‘Fugas e Interferencias’ reúne nunha publicación 12 estudos sobre performance

Reflexións sobre unha arte incerta xurdidas no ano da incerteza

No libro de actas dunha edición marcada pola covid-19

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/06/2021

A situación sanitaria xerada pola covid-19 converteu 2020 nun ano marcado polos cambios e as incertezas, no que os responsables do congreso internacional de arte de acción Fugas e Interferencias, decidiron desbotar o desenvolvemento, no seu formato habitual, do único evento académico centrado na performance de España. Mais isto non implicou a suspensión do congreso que, no seu obxectivo de fomentar a investigación en torno á arte de acción, mantivo a súa chamada á presentación de traballos, da que o comité científico seleccionou os doce estudos que agora se reúnen no libro de actas desta edición. Un volume, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade en formato virtual, que se presenta cunha imaxe, pertencente a unha performance de Valeria Martínez Lojo, na que pode lerse ‘sempre pasa algo’. “Parecíamos moi axeitada para os tempos que estabamos vivindo e tamén como algo que describe a incerteza que rodea a práctica da performance”, o seu “carácter continxente e a súa imposibilidade intrínseca de planificación”, salienta o profesor da Facultade de Belas Artes, Carlos Tejo, codirector xunto coa investigadora e crítica de arte Marta Pol deste congreso internacional.

Organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Fugas e Interferencias naceu co obxectivo de “crear unha masa crítica arredor da performance”, algo que, sinala Tejo, “conseguimos un ano máis” grazas á edición dun libro de actas que reúne as achegas de 14 investigadores e investigadoras de España, Portugal, México e Estados Unidos. Como sinala este docente, a pesares de que como práctica artística esta performance ten hoxe unha maior visibilidade, “aínda queda moito por facer no ámbito da reflexión teórica, imprescindible para que esta disciplina non quede estancada ou sexa simplemente unha copia mimética do que está a suceder noutras latitudes”. De aí que decidisen manter en 2020 o proceso de selección, por parte dun comité científico integrado por expertos e expertas de diferentes países, dos traballos que conforman en cada edición os libros de actas do congreso.

Acción máis aló do presencial

O libro ábrese co texto introdutorio no que o doutor en Belas Artes Manuel Mata pregúntase que aconteceu cos artistas que basean o seu traballo no corpo e na interacción nun ano marcado polo confinamento. Algo que, como salienta Marta Pol, “depende da maneira en que cada artista fose capaz de dar respostas á situación de crise”. A codirectora do congreso lembra que “a relevancia dunha obra de arte non ven soamente determinada polo soporte que utilice o artista, senón pola forza conceptual” da proposta e polo que “queira comunicar”. Nese senso, varios do estudos reunidos nesta publicación afondan no desenvolvemento e difusión de performances a través da rede, o que leva a Pol a recoñecer, por unha banda, que “a enerxía que se xera a partir da interacción directa do ou da artista e os asistentes non é a mesma que a que se poida captar do soporte dixital”, mais tamén a pór de relevo a “capacidade de adaptarse e cambiar de acordo coas necesidades de cada momento” desta disciplina.

Neste ámbito, a publicación reúne un artigo do investigador da Universidade de Vigo Berio Molina sobre as prácticas dunha serie de artistas que nos últimos anos difundiron as súas performances a través de Instagram, así como as reflexións do chileno Rodrigo Arenas sobre a relación entre a arte de acción e as redes sociais e un estudo da investigadora da Politécnica de Valencia Giorgia Partesotti sobre os “novos alcances interpretativos” que o streaming pode achegar a performance.

O libro reúne tamén un traballo de Bartolomé Ferrándo, da Politécnica de Valencia, sobre as conexións desta disciplina co cotián; un artigo de Pablo Caldera, da Autónoma de Madrid, sobre a relación entre arte, fronteira e acción; e un estudo semiótico da arte de acción de Gabriela Mendoza, do Centro Morelense de las Artes de Cuernavaca. Así mesmo, tamén foron seleccionados varios artigos de investigadoras da Facultade de Belas Artes, como Carme Lage e Laura Navarrete, que achegan unha “reflexión sobre o irrepresentable a través da danza e da performance contemporánea”; ou Rebeca López Villar, quen revisa o traballo dunha serie de artistas cuxo núcleo conceptual vincula a reivindicación coa figura da bruxa.

Johanna Caplliure, da Politécnica de Valencia, afonda neste libro na traxectoria da artista transxénero Wu Tsang, mentres que Marina Avia, da Columbia University, analiza as “prácticas de reapropiación” de activistas feministas chilenas, e María Josep Balsach, da Universitat de Girona, lembra as accións do Grupo Gallot, consideradas as primeiras performances realizadas en España. O libro complétase co artigo que Fernando Oliveira e Claudia Madeira, das universidades de Coimbra e Nova de Lisboa, dedican ao colectivo portugués Olho e coas reflexións sobre a súa traxectoria como comisaria de arte de acción que a crítica e investigadora Maite Aizpuru suma aos doce estudos seleccionados.

A sexta edición

Se a evolución da pandemia o permite, Fugas e Interferencias desenvolverá entre o 30 de setembro e o 2 de outubro a súa sexta edición na Vicerreitoría do campus e no CGAC. Nela, presentaranse 18 novas comunicacións, “de moi alta calidade científica”, como destaca Pol, seleccionadas na convocatoria aberta no presente ano.