DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola Aula Castelao, coa colaboración da Vicerreitoría e do Concello

Reflexións na fronteira centrarán a XXXVI Semana Galega de Filosofía

A Vicerreitoría explora tamén vías de colaboración do CSIC en Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/03/2019

Que entendemos por fronteira? E por estranxeiro? Que nos define e que nos fai diferentes? Son as fronteiras algo que nos comunica ou algo que separa e enfronta ás persoas? Estas son algunhas das preguntas que porá sobre a mesa, entre o 22 e o 26 de abril, a XXXVI Semana Galega da Filosofía, que a Aula Castelao organiza coa colaboración da Vicerreitoría do campus e do Concello. 15 conferencias integran o programa dunhas xornadasque levan por título Filosofía e Fronteira. “No momento actual pareceunos un tema que é fundamental tratar porque moitos dos conflitos de hoxe están relacionados coas fronteiras”, salientou Ana Regueira, presidenta da Aula Castelao de Filosofía, na presentación que tivo lugar este venres e na que estivo acompañada polas integrantes da Aula Castelao Diana Vilas e Mercedes Moreno e que contou tamén coa presenza do director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho.

Segundo explicou Regueira, ás conferencias que terán lugar no Teatro Principal veranse complementadas pola presentación dun libro do profesor da Universidade de Coímbra Boaventura de Sousa, o mércores 24, na sede da Vicerreitoría, e pola organización de conferencias, “aínda pendentes de definir”, no campus, de acordo co previsto no acordo de colaboración entre a Aula Castelao de Filosofía e a Universidade de Vigo.

15 conferencias en tres bloques

Baixo o título de Pensar a fronteira, cada mañá desenvolverase unha serie de relatorios, a partir das 10.30 horas, que o luns 22 abrirá a catedrática de Socioloxía da universidade estadounidense de Columbia Saskia Sassen, premio Príncipe de Asturias en 2013 “polas súa contribucións ao estudo da globalización", explicou Vilas. O martes, a catedrática de Filosofía da Universidade de Roma III Emanuela Fornari abordará cuestións como “o feminismo, as migracións, a globalización e o poscolonialismo”, mentres que o mércores intervirá Boaventura de Sousa Santos, participante en varias edicións do Foro Social Mundial. O xoves 25 o catedrático da Universitat de Girona Joan Nogué reflexionará “sobre a idea do límite territorial”, pechando a quenda matinal o catedrático xubilado da Universidad de Zaragoza José Solana.

Polas tardes, a partires das 17.00 horas, desenvolveranse outros cinco relatorios baixo o título de A fronteira na Galiza, o primeiro, a cargo do político e catedrático emérito de ensino medio Francisco Rodríguez, quen abordará “a fronteira galaico-portuguesa ao longo da historia”, explicou Regueira. O martes, Cheik Faye, profesor senegalés que emigrou a Galicia, abordará “a realidade migratoria partindo da súa propia experiencia”, mentres que o mércores o historiador da USC Xosé Manoel Nuñez Seixas reflexionará sobre o que a emigración significa para Galicia. O xoves o catedrático emérito da USC Xosé Luis Barreiro relacionará a idea de fronteira "coa filosofía e a identidade”, e o venres Paula Godinho, antropóloga da Universidade Nova de Lisboa, falará da evolución da fronteira galego-portuguesa.

Retos e trampas da fronteira é o título que engloba ás cinco conferencias programadas para as 20.00 horas, coa participación da catedrática da Universidad Complutense de Madrid Ángeles Díez, quen o luns abordará “a fronteira desde o auxe do discurso xenófobo” ou do profesor da Universidad Autónoma de Puebla (México) John Holloway, que o martes falará doutras “fronteiras que se marcan a un nivel máis sutil”, explicou Moreno. O psiquiatra e profesor da Universitat de Barcelona Joseba Achotegui tratará o mércores os efectos psiquiátricos da migración, mentres que a profesora da Autónoma de Madrid Ángeles Ramírez, centrarase en abordar “as problemáticas da muller ante as migracións” e o venres clausurará a semana o representante da Fronte Polisaria en Alxeria Buchraya Hamudi Bayun, nun acto que a Aula Castelao presentou como unha “homenaxe ao pobo saharauí”.


Explorando vías de colaboración co CSIC

Na súa vontade de abrir liñas de colaboración con diferentes institucións e entidades, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, mantivo unha xuntanza co novo delegado do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, Antonio De Ron, e coa directora da Misión Biolóxica de Galicia, Elena Cartea. “Co CSIC ábrense moitas posibilidades de xuntar esforzos para sacar adiante proxectos interesantes para a comunidade universitaria”, salientou o vicerreitor, mentres que De Ron lembrou que o CSIC mantén unha “estreita relación” coa Universidade de Vigo, coa que ten asinado un convenio, explicou, para a realización de prácticas extracurriculares. O CSIC, engadiu, traballa en Galicia “en  ámbitos que particularmente son fundamentais para a sociedade galega”, como o mariño, a través do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, a cultura e o patrimonio, no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento de Santiago, e o ámbito agrario, na Misión Biolóxica de Galicia, situada en Pontevedra. No relativo a este centro, a súa directora, incidiu en que ademais de contar cunha unidade asociada coa Facultade de Bioloxía e de participar xunto a Vigo e a USC no máster interuniversitario en Xenómica e Xenética, na Misión Biolóxica “estamos abertos a acoller aos estudantes da Universidade que veñen a facer as súas prácticas, así como aqueles que no seu momento poidan querer facer os seus traballos de fin de grao ou máster ou as súas teses con calquera grupo da misión”.