DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Sousa centrou a súa tese na abordaxe mediática da crise migratoria siria

Refuxiado, a verba que reflicte unha solidariedade ausente en migrante

Partindo do uso destes termos, analiza o discurso de dous xornais portugueses e dous ingleses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/12/2021

Aínda que existe unha “similitude xeneralizada nas connotacións semánticas” asociadas ás verbas refuxiado e migrante, a elección dun ou outro termo reflicte “importantes variacións discursivas” relacionadas coa “inclusión ou exclusión” destas persoas no “campo da solidariedade”. Esta é unha das principais conclusións da tese de doutoramento de Miguel Sousa, quen realizou unha análise crítica da “construción discursiva” que dous xornais portugueses e outros dous ingleses realizaron da crise migratoria, provocada pola guerra en Siria, nos anos 2015 e 2016. Partindo destas dúas “palabras chave”, a análise de preto de 600 artigos permitiu a Sousa Santos constatar como o termo refuxiados se asocia á “noción de responsabilidade e ao deber de axudar e acoller aos que foxen da guerra e da persecución”, mentres que a verba migrante úsase para pór o foco no tránsito de persoas, en noticias nas que as motivacións do seu desprazamento “adoitan pasarse por alto”.

Dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Benigno Fernández Salgado, a tese A construção discursiva de refugiados e migrantes na crise migratória de 2015-16: Uma análise à luz do conceito de solidariedade em jornais portugueses e ingleses céntrase nas novas publicadas polos xornais británicos Daily Mail e The Guardian e os portugueses Correio da Manhã e Jornal de Notícias en setembro de 2015 e xaneiro de 2016, a raíz de dous sucesos concretos. Por unha banda, a publicación das fotografías do corpo sen vida, nunha praia de Turquía, de Aylan Kurdi, un neno sirio de tres anos que faleceu afogado cando súa familia trataba de cruzar o Mediterráneo. Por outra, as agresións sexuais a mulleres na cidade alemá de Colonia durante a noite de aninovo, perpetradas “por persoas asociadas ao fenómeno migratorio do ano anterior”, como lembra o xa doutor en Comunicación pola Universidade de Vigo e profesor do Departamento de Linguas e Literaturas da Escola Superior de Educação e Ciências Sociais do Politécnico de Leiria.

A solidariedade como fío condutor

Un total de 594 artigos, conformados por preto de 300.000 palabras, foron analizados nunha tese que baseou nos recursos da Análise do Discurso Crítico (ACD) e da Lingüística do Corpus (LC). Deste xeito, a investigación abrangueu tanto a análise das “estratexias referencias, predicativas e argumentativas relevantes para a construción discursiva de migrantes e refuxiados”, como a identificación de “temas, asuntos e actores sociais relevantes para o estudo das dúas palabras chave”. O seu obxectivo, explica Sousa, era “identificar patróns” que permitisen sinalar “tendencias en termos de opcións lingüísticas e observar as relacións que se establecen entre as dúas palabras e os temas e asuntos asociados a elas”. Ao mesmo tempo, Sousa buscou que o concepto de solidariedade fose un “importante fío condutor do estudo”, dada a súa a súa “importante relación” coa “construción ideolóxica” da crise migratoria por parte dos xornais.

Refuxiados, o termo máis empregado

No referido á presenza das dúas palabras chave, refuxiados foi a empregada maioritariamente nos dous períodos analizados. En especial, no que coincide coa publicación das fotografías de Aylan Kurdi, para logo verse “atenuada” no segundo, coincidente coas agresións sexuais de Colonia, cando comezan a “esvaecerse” as “narrativas da solidariedade” e gañan protagonismo os “discursos sobre o control das fronteiras”.

Neste punto, Sousa pon o acento en como a elección dun ou outro termo vese “profundamente relacionada coa construción discursiva da solidariedade”. O estudo amosa como co termo refuxiado proxéctase a idea de “alguén que é vítima da guerra e da violencia e persecución asociadas” e, polo tanto, “a necesidade de exercer a solidariedade”. Pola contra, o uso do termo migrantes “enmárcase preferentemente en asuntos relacionados co tránsito de persoas”, sen incidir nas motivacións deste desprazamento ou, no caso de mencionalas, empregándoas “para diferencialos e distancialos dos refuxiados”, de tal xeito que estes “non se benefician de prácticas lingüísticas que os asocian á solidariedade”. 

Diferentes prácticas discursivas

“Como valor, a solidariedade é indiscutible nos catro xornais”, sostén Sousa. Mais, ao mesmo tempo, a investigación permitiu detectar “diferentes prácticas discursivas que inflúen estruturalmente nos discursos sobre migrantes e refuxiados”. Por exemplo, na análise dos xornais británicos atopa que ambos termos preséntanse en cifras “moi semellantes” no Daily Mail, no que a idea de refuxiado limítase a “aqueles que foxen da guerra de Siria”, mentres que o resto “serían “migrantes económicos, caracterizados frecuentemente como persoas que pretenden tirar proveito da apertura de fronteiras, facéndose pasar por refuxiados sirios”. The Guardian, pola contra, usa pouco o termo migrante e amosa, a través da escolla da verba refuxiados, unha “postura favorable á apertura de fronteiras”, mais, apunta Sousa, nunha “construción semántica pouco inclusiva, fortemente ligada” a que proveñan de Siria. No caso dos xornais portugueses, ambos tenderon a “favorecer o uso” de refuxiados, mais neles detéctase tamén con frecuencia a expresión “refuxiados e migrantes” o que, como apunta Sousa, “dá a entender que hai diferencias entre estas dúas palabras”.

No referido as temáticas, a súa elección e o xeito no que son abordadas preséntase “intimamente relacionada coa axenda informativa específica de cada xornal”, determinada polo seu “posicionamento ideolóxico”. Neste punto, Sousa lembra un “caso especialmente interesante en termos de axenda mediática”, o homicidio de Alexandra Mezher, “que traballaba nun centro de acollemento de refuxiados menores en Suecia”, por parte dun dos residentes, “que sería falsamente menor”. Así, o Daily Mail da unha ampla cobertura ao suceso, “como parte dun importante conxunto narrativo que versa sobre o aumento exponencial do crime en Suecia debido ao que o xornal considera políticas excesivamente liberais de acollemento”. Pola contra, o caso de Mezher é “amplamente ignorado polos restantes xornais”, o que o investigador atribúe a “cuestións ideolóxicas” e, máis en concreto, a idea de “evitar a asociación de refuxiados/migrantes con eventos de contido criminal”. Este caso contrasta á súa vez, lembra, cos relatos do paso por Hungría dos primeiros refuxiados sirios, en setembro de 2015, “que os catro xornais revisten un heroísmo épico”, que se contrapón ás “estratexias negativas” que empregan á hora de abordar a figura e as políticas do primeiro ministro húngaro, Viktor Órban.