DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha charla do ciclo "Coloquios en tempos de pandemia" da FCEE e a Fundación Mentor 

O regatista Chuny Bermúdez de Castro reivindica os equipos humanos como elemento diferenciador para gañar competicións 

Gañador dunha Volvo Ocean Race, Chuny incidiu na importancia de coñecer e respectar os límites 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/03/2021

Roberto Bermúdez de Castro é enxeñeiro industrial pola Universidade de Vigo. Pero Chuny, como se lle coñece internacionalmente, é, sobre todo, un dos máis recoñecidos regatistas do mundo, que suma sete participacións na Volvo Ocean Race (VOR) e formou parte da tripulación do Abu Dhabi, que gañou a edición de 2014-15. Integrante do equipo Copa América '95 Desafío Español e do Spanish Challenge na Copa América de 2000, Bermúdez de Castro, que tamén competiu co equipo español nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 en clase Star, ofreceu este mércores un relatorio ao abeiro do ciclo Coloquios en tempos de pandemia, organizado pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo e a Fundación Mentor, no que debullou elementos fundamentais da VOR, así como da súa experiencia como regatista de elite.

Despois de ser presentado polo decano da FCEE, Jorge Falagán, Chuny comezou o seu relatorio virtual titulado Máis aló dos límites, lembrando os datos fundamentais da Volvo Ocean Race, unha competición que supera as 38.000 millas náuticas (máis de 71.000 quilómetros), cunha etapa raíña, o cruce de Cabo de Fornos, que normalmente determina o equipo gañador. Bermúdez de Castro detallou algunhas das características fundamentais dos monotipos con quilla pivotante cos que os e as participantes na proba compiten, destacando que “o que marca a diferenza son os equipos humano. A convivencia é fundamental, cómpre saber cada límite e posición de cada un, non só para gañar, senón primeiro, para sobrevivir”, sinalou. 

A bordo de monotipos que percorren ata 600 millas en 24 horas e nos que a tripulación leva a bordo o estritamente necesario, “non levamos auga, senón que temos unha potabilizadora e logo fervémola, e temos comida liofilizada” explicou o regatista, Chuny considera que “nunha elevada porcentaxe a regata, na que se pelexa cada milla, gáñase antes de saír”, explicou. Talento, experiencia e compañerismo son para o navegante coruñés os elementos que deben primar nun equipo, tanto entre a tripulación, como entre o resto de integrantes do grupo que están en terra e que Chuny considera deben ter “empatía, paciencia, perseverancia e sobre todo paixón”.

Por que gañamos a Abu Dhabi Ocean Racing?

A flexibilidade e a capacidade de ver o ben común por riba dos intereses persoais foron para Bermúdez de Castro dous elementos determinantes para que unha tripulación con integrantes de diferentes nacionalidades como coa que participou na Abu Dhabi Ocean Racing acadase a vitoria na edición 2014-2015 da Volvo Ocean Race. “Traballar como un equipo foi que fixemos mellor ca ninguén”, dixo Chuny, que engadiu a este elemento que considera determinante para gañar a proba, contar cun bo plan, prestar atención aos detalles o ter unha visión clara.

O regatista incidiu na importancia da preparación da tripulación para enfrontar as probas, para o que existen numerosos protocolos que abranguen desde coñecementos médicos ata a recollida de tripulantes que caen á auga. Así mesmo, insistiu na importancia de “sempre controlar o horizonte porque estamos nunha contorna cambiante, na que as cousas veñen sen avisar”, e na que non só os fenómenos meteorolóxicos deben ser tidos en conta, senón que tamén hai outras ameazas como os icebergs, animais mariños ou o tráfico marítimo.

Piratas no Índico, a situación máis crítica 

Logo de finalizar o seu relatorio, o navegante respondeu ás preguntas das persoas asistentes ás que explicou que a situación máis crítica que viviu en alta mar foi unha abordaxe de piratas en Sri Lanka. “Vivín moitas situacións críticas, pero a que máis a dos piratas que viñeron cunha metralleta e pararon o barco. Nós saímos a cuberta e eles non estaban organizados e aínda que hai protocolos, non sabes que vai pasar ou se alguén vai apertar o gatillo”, explicou Bermúdez de Castro.

O regatista, que considera que Galicia e España poderían ter un equipo de seu para participan na VOR, pero falta financiamento e “que crean en nós”, avanzou que estaría disposto a participar noutra volta ao mundo “ata que vaia preparado e confiado. Gústame, pero non é algo que haxa que facer ata o final”, sinalou. Sobre o seu paso polas aulas da UVigo, Chuny asegurou que estudar enxeñaría industrial axudoulle moito, “estrutúrache a cabeza, que é prioritario e que non, e iso aplicámolo á construción de barcos e a xestión de equipos”, asegurou, ao tempo que incidiu na importancia da formación e da adquisición de experiencia.