DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As charlas arrancan este martes e pecharanse o 27 de abril cunha visita ao Porto de Vigo

Regresa ao campus unha nova edición do ciclo de actividades sobre Dereito Marítimo

De libre acceso e gratuitas para calquera persoa interesada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 07/03/2023

Charlas, conferencias, talleres e unha visita ao Porto de Vigo da man de diferentes profesionais vinculados ao sector marítimo-portuario. Este martes arranca na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo –aula B2- unha nova edición, a décimo segunda, do Ciclo de actividades sobre Dereito Marítimo, toda unha oportunidade para pórse ao día sobre a operativa das empresas do sector marítimo e portuario e os principais problemas xurídicos derivados do exercicio destas profesións.

De libre acceso e gratuitas para calquera persoa interesada, as charlas póñense en marcha coa participación de Luz Baz Abella, coordinadora en España da Federación Internacional dos Traballadores do Transporte, unha profesional moi familiarizada cos problemas pesqueiros e que tamén coñece en detalle as dificultades das mulleres para acceder ao traballo no mar. Inspectora laboral en Galicia e Asturias de buques mercantes e de pesca, impartirá o relatorio Aspectos de traballo marítimo: actividade da ITF e normativa internacional, centrado nos aspectos fundamentais do convenio sobre traballo marítimo, da actividade da ITF e na función inspectora. Será de 17.00 h a 18.30 horas.

O ciclo, dirixido polos profesores Francisco Torres e Carmen Costas, continuará o 21 de marzo, de 17.00 a 18.45 horas, co taller Operativa de consignación de buques, da man de Roi Gómez, xerente de adquisicións do grupo Kaleido Logistics, quen tratará de pór ao día aos asistente sobre os conceptos básicos, funcións e responsabilidades relacionados coas empresas consignatarias. 

Dunha oficial de pesca da FAO a un capitán da Mariña Mercante 

A parte forte das xornadas será no mes de abril, cun total de cinco sesións. A primeira será o 10 de abril e correrá a cargo de Alicia Mosteiro Cabanelas, oficial de Pesca da FAO, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, e centrarase na explicación do marco legal internacional da pesca e os instrumentos da FAO para a Sostenibilidade. Continuarán ao día seguinte, 11 de abril, coa participación do capitán da Mariña Mercante Gumersindo García, que falará sobre Riscos, xestión da navegación e liderado.

O 17 de abril o ciclo centrarase na análise da actualidade do Dereito marítimo en Italia, para o que se contará coa participación das profesoras da Università di Messina Emilia Vermiglio e María Giulia Previta, investigadoras adscritas ao Centro de Estudos Univesitarios do Transporte desta universidade italiana. O último taller, Comercio e transporte internacional de contenedores. Exemplo: exportación madeira pino, será o 25 de abril e correrá a cargo de Francisco Fernández Sasiaín, director de operacións de Progeco Vigo SA.

O ciclo pecharase o 27 de abril cunha visita ao Porto de Vigo, de 07.00 a 11.30 horas. Neste caso contarase coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo e terá prioridade o alumnado de Dereito marítimo e Dereito do comercio internacional e será preciso inscribirse.