Arranca este mércores coa proxección de 'O Corno' e a presenza de Jaione Camborda
Regresa o ciclo ‘A lingua galega no cinema’ tras o éxito acadado na pasada primavera
Con entrada de balde, a programación estenderase ata decembro no edificio Cambón
A Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Pontevedra e do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, presenta a segunda parte do ciclo A lingua galega no cinema, que arranca este mércores 23 de outubro, ás 19.00 horas, no auditorio do edificio Cambón coa proxección de O corno e a presenza da directora Jaione Camborda. Este evento, que ofrece entrada de balde ata completar a capacidade, consolidouse como unha cita importante para os e as amantes do audiovisual e da cultura galega.
A primeira parte do ciclo, organizada en abril e en maio, contou cunha notable acollida, e nesta etapa promete seguir sorprendendo coa proxección de películas, documentais e curtametraxes que exemplifican o gran momento que está a vivir o cinema galego. Filmes como O corno de Jaione Camborda, que acadou a Concha de Oro no Festival de San Sebastián e superou os 50.000 espectadores e espectadoras, será a encargada de abrir o ciclo este mércores, e Unicorn Wars de Alberto Vázquez, Premio Goya á Mellor película de animación, son só algúns exemplos do éxito do cinema galego no ámbito internacional.
Este ciclo, coordinado polo director e crítico de cinema Simone Saibene, non só será unha ocasión para ver obras audiovisuais de alta calidade, senón tamén para reflexionar sobre a lingua galega no ámbito do cinema cunha serie de charlas-coloquio que seguirán as proxeccións e que contarán coa presenza de recoñecidos directores e guionistas, moitos deles establecidos na provincia de Pontevedra, como son Álvaro Gago, Xisela Franco, Nani Matos ou Anxos Fazáns.
De outubro a decembro
A programación, que se estenderá de outubro a decembro, inclúe un total de cinco proxeccións, enmarcadas nos ámbitos da literatura, da animación e da historia do cinema en lingua galega. Tras a proxección de O Corno, este mércores, a vindeira semana, mércores 30, o filme elixido é Unicorn Wars, neste caso comentada polo seu guionista e director, Alberto Vázquez.
Xa en novembro, a primeira proxección será o mércores 6 co documental Julio Camba, o home que non quería ser nada, para o que se contará coa participación do seu director e produtor Aser Álvarez. A seguinte sesión será o mércores 13 e estará dedicada á lingua galega nas curtametraxes, para o que se contará coa participación de Álvaro Gago, por Matria; Xisela Franco, por Atalaia/Piueiro; Borja Santomé, por Alguén me chamou Serpe Negra; Anxos Fazáns, por Habitar, e Nani Matos, por Antes de que se poña o sol. Será unha mesa redonda na que exercerán como moderadores o coordinador do ciclo, Simone Saibene, e o programador Severiano Casalderrey.
As proxeccións rematarán o 4 de decembro co documental A muller romana na Gallaecia, dirixido pola profesora da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch, unha obra minuciosa e coidada das condicións de vida das mulleres á chegada dos romanos á Gallaecia, na que se inclúe a comarca do Bierzo, e a súa evolución posterior durante o imperio. Neste caso, a autora estará acompañada no coloquio pola vicerreitora de Extensión Universitaria Susana Reboreda, asesora científica do documental.