DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes de doutoramento poden presentar as súas propostas ata o día 30 deste mes

Regresa #Hilotesis, o reto de resumir unha investigación en 20 chíos

Ademais da fase nacional, tamén se elixirá o mellor fío das universidades galegas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/04/2022

Co fin de promover a actividade divulgadora entre o estudantado de doutoramento, a Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) de Crue I+D+i lanzan a segunda edición do concurso Tu Tesis Doctoral en un Hilo de Twitter: #HiloTesis, á que se suma a Universidade de Vigo. As persoas participantes deberán divulgar a súa tese de doutoramento nun fío de non máis de 20 chíos coas limitacións e posibilidades que ofrece a rede social Twitter. 

O obxectivo desta iniciativa é promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica entre o estudantado de doutoramento e entre aquelas persoas que presentaron a súa tese nos últimos meses nas universidades que forman parte de CRUE Universidades Españolas.

Poden participar neste concurso todos aqueles estudantes que superasen satisfactoriamente alo menos unha avaliación do Documento de Actividades e Plan de Investigación (RAPI) ou aqueles que defenderán a tese nos seis meses previos ao inicio do certame, o 19 deste mes. As candidaturas deberán contar coa aprobación do director ou directora da tese e garantir que a información proporcionada en Twitter pode facerse pública. Os fíos deben ter un máximo de 20 chíos, en calquera das linguas cooficiais do Estado e, no primeiro deles, deberase citar a @RedDivulga, a @CrueUniversidad, a Universidade de Vigo e, no seu caso, a UCC+i e rematar o chío con 'Abro #HiloTesis'. No caso de que as investigacións estivesen vinculadas a algún acordo de confidencialidade, as e os aspirantes deberán contrastar coas partes implicadas os contidos empregados. 

O xurado elixirá tres gañadores, que deberán ser de tres universidades diferentes, e recibirán un premio en metálico de 300€. Ademais, tamén se outorgará un premio específico para teses relacionadas coa inclusión e a discapacidade, coa mesma dotación económica. Como novidade respecto da pasada edición, desta volta as tres universidades do SUG uniranse para seleccionar o mellor fío galego, que tamén recibirá un galardón autonómico de 200€.

Fases do concurso

Para participar é necesario, unha vez publicado o fío, inscribirse e facilitar a súa ligazón a través deste formulario. O concurso desenvolverase en dúas fases. Na primeira, entre o 19 e o 30 de abril, publicaranse os fíos e cada universidade seleccionará os seus representantes na fase nacional. No caso da UVigo, esta decisión anunciarase entre o 26 deste mes e o 7 de maio e os gañadores e gañadoras recibirán un lote de produtos Universidade de Vigo como agasallo.

A fase galega, que é paralela e non eliminatoria respecto da nacional, terá lugar entre o 15 e o 21 de maio. Finalmente, na fase nacional anunciaranse os gañadores entre o 23 e o 27 de maio. 

Xurados e criterios de valoración

O xurado da Universidade de Vigo que escollerá os tres fíos finalistas que pasarán á fase nacional estará composto por un mínimo cinco persoas de diferentes áreas de coñecemento e unha delas será experta en comunicación. Mentres, o xurado da competición autonómica estará formado por tres persoas do mundo da divulgación en medios sociais e alleas ás universidades galegas. Finalmente, o xurado nacional, proposto por RedDivulga, estará integrado por un mínimo de cinco membros, dos que polo menos un será unha persoa experta en comunicación. 

Os criterios de valoración serán comúns a todas as ramas de coñecemento. A expresión e o contido permitirá obter un máximo 5 puntos, atendendo ao uso de linguaxe sinxela (evitando tecnicismos e xerga científica) e á orientación divulgativa que permita a comprensión do contexto, do tema de investigación e a súa importancia por un público non especializado. Tamén se valorarán as explicacións da metodoloxía, dos resultados máis relevantes e das conclusións utilizando unha estrutura lóxica e atractiva. Por outra banda, a creatividade permitirá obter outros 5 puntos, atendendo ao uso adecuado e atractivo de elementos que enriquezan o contido como emoticonas, imaxes, ligazóns, vídeos ou gif animados e unha presentación que consiga que o público desexe coñecer máis.

Case 400 participantes na primeira edición

En total, na primeira edición participaron 391 personas, entre estudantes de doutoramento e recentes doutores, dos que se seleccionaron 109 de 40 universidades. De entre as propostas presentadas na UVigo, o xurado elixiu para a fase final unha tese sobre o estudo da xeoloxía nas profundidades dos océanos, outra sobre o uso de sistemas UAV ou drones para realizar inspeccións de contacto en grandes infraestruturas e unha terceira sobre as capas finas de fitoplancton e o seu papel nas Rías Baixas.

Finalmente, os gañadores da fase estatal foron Adrià Arbués, da Universitat Pompeu Fabra, cun fío sobre estatísticas e seguimentos de partidos de baloncesto; Natalia García, da Universidade de Burgos, que aborda a súa paixón polos restos arqueolóxicos queimados e Cristo Manuel Jurado, da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, que explica a súa investigación sobre a tecnoloxía que usa a luz para transmitir datos.