DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acordo permitirá ata 2026 implantar unha ducia de novos graos e 15 mestrados 

Reigosa destaca o traballo e a negociación entre Xunta e universidades para sentar as bases do novo mapa de titulacións do SUG 

O conselleiro de Educación e os tres reitores asinaron hoxe o acordo marco en Santiago

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 16/06/2021

De “bo acordo” cualifica o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o consenso acadado entre a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas para sentar as bases do novo mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que estará vixente ata o ano 2026, e que se traducirá na implantación nos sete campus galegos dunha ducia de novos títulos de grao e unha quincena de mestrados. O acordo marco, que rexerá os próximos cinco anos, dá continuidade ao primeiro consenso acadado sobre o mapa de títulos en 2017 e que remata este ano 2021. Esta nova folla de ruta, que ten o obxectivo de completar o sistema público de titulacións de grao para que ningún estudante teña que saír de Galicia, foi asinado hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, nun acto celebrado esta mañá en Santiago de Compostela. 

“É un bo acordo para ó Sistema Universitario de Galicia e introduce criterios de racionalidade que serán positivos para o desenvolvemento harmónico dos nosos tres campus”, asegura o reitor da UVigo sobre a que será a nova folla de ruta das titulacións universitarias do sistema público galego para o período 2022-2026. Tanto para a implantación dos graos, coma dos mestrados, o acordo asinado hoxe establece unha serie de prioridades, como a proposta de títulos que non existan neste intre no SUG, manter un equilibrio entre institucións, as capacidades do profesorado dispoñible e a garantía de calidade das titulacións, ademais de que afonden na estratexia de especializacións dos campus. Neste sentido, atendendo a estes criterios, terán preferencia os campus acreditados ou en proceso de acreditación, cuxas liñas principais docentes e de investigación coincidan ou encaixen de forma maioritaria coa temática dos títulos que se oferten. Tamén se fará fincapé nas titulacións de carácter interuniversitario, internacional ou modalidade dual, cunha orientación práctica e aplicada dos estudos.

En todo caso, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade especificou que “non se trata dun catálogo pechado, senón todo o contrario, está aberto ao enriquecemento e perfeccionamento constante a través das achegas que fagan as propias universidades”, dixo Román Rodríguez.

Traballando cos centros da UVigo sobre os novos mestrados 

Blindar o reforzo do alumnado, a adaptabilidade ao mercado laboral e a especialización cara un escenario profesional máis diverso, a través dunha diversificación académica atractiva para o estudantado, son os eixos nos que se centra o acordo marco asinada hoxe. A partir desta folla de ruta, Consellería e universidades seguirán a traballar para fixar a distribución e os horizontes temporais da nova oferta en cada campus: dunha banda, entre 10 e 12 novos graos, coa incorporación de titulacións que agora non existen no SUG, relativas a disciplinas relacionadas coas biociencias, enxeñarías avanzadas, sustentabilidade ou humanidades dixitais, e doutra banda, 15 novos mestrados, en consonancia cos perfís profesionais de futuro enmarcados no Plan Galicia 2030 para adaptar a oferta universitaria ás ocupacións estratéxicas da próxima década, en ámbitos como a sustentabilidade, as microciencias ou a interacción 4.0. 

“Non é o momento de falar de titulacións concretas, pero xa estamos a traballar sobre algúns dos 14 novos máster do G2030, despois de consultar aos centros”, avanza Manuel Reigosa, que asegura que “son optimista en canto a que este acordo vai facilitar moito as negociacións. Foi moi traballado e negociado entre a Consellería e ás tres universidades, polo que penso que contén todos os elementos que permitirán facilitar os acordos posteriores”, asegura o reitor da UVigo. 

Pola súa banda, o conselleiro destacou que o acordo “é froito do diálogo a prol da innovación, do talento universitario, do benestar social e do crecemento produtivo, xa que as nosas tres grandes institucións universitarias so o catalizador do futuro de Galicia, que se verá reforzado a través deste novo Mapa de Titulacións para os vindeiros cinco anos”, destacou Román Rodríguez.