DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adem Bekteshi participa na Semana Formativa Academia de Excelencia Balcáns 

Reigosa recibe ao seu homólogo da universidade albanesa de Shkodra na procura de novas liñas de colaboración

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 22/06/2018

Co obxectivo de ampliar os lazos de colaboración e procurar novos proxectos nos que participen ambas as dúas institucións, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mantivo un encontro nas últimas horas co seu homólogo da Universidade de Shkodra (Albania), Adem Bekteshi. O reitor albanés participou desde o pasado luns e ata hoxe na Semana Formativa Internacional Academia de Excelencia Balcáns-Universidade de Vigo, que se celebrou na institución académica viguesa e na que tomaron parte 60 docentes de universidades de Albania, Serbia, Bosnia e Hercegovina e Montenegro.

Ao longo dos cinco días do encontro as e os participantes coñeceron as estratexias de internacionalización e proxectos de cooperación educativa que desenvolve a Universidade de Vigo, que dende hai catro anos colabora con varias universidades dos Balcáns, a través de proxectos europeos de mobilidade e de construción de capacidades. Organizada en sete paneis temáticos, aos que se engadiu un curso intensivo de introdución ao español, esta xornada formativa entre docentes e persoal procedente dos Balcáns e local, permitiu intercambiar ideas e boas prácticas, así como fomentar a implementación de novos proxectos de cooperación educativa internacional. 

Neste intre, a relación entre Vigo e as institucións académicas dos Balcáns, materialízase en tres proxectos, dous de mobilidade, nos que a Universidade de Vigo é coordinadora (Erasmus Mundus Green Tech WB Proyect e Erasmus + KA107 Project With The Western Balcans, que prevé preto de 100 mobilidades) e un terceiro de construción de capacidades (Erasmus+ KA2 Capacity Building).