DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun dos actos de campaña que H2040 desenvolveu este xoves no campus de Pontevedra

Reigosa sinala o edificio previsto para a parcela de Tafisa como unha prioridade que achegará a Universidade á cidade

Trataríase dunha “construción modular” que acollería Deseño e Dirección e Xestión Pública

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/04/2022

Os actos da campaña electoral á reitoría da Universidade de Vigo retornaron este xoves ao campus de Pontevedra, onde o actual reitor e único candidato, Manuel Reigosa, abordou, entre outras cuestións, o proxecto de creación dun novo edificio nos terreos que antigamente ocupaba Tafisa. Como sinalou o candidato de H2040, esta construción constitúe unha das súas prioridades nas negociacións do plan de infraestruturas entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas. Segundo explicou nun encontro co profesorado e alumnado da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, trataríase dun “edificio modular” que acollería tanto este centro como a futura Facultade de Deseño e que permitiría, sinalou, “achegarnos máis á cidade”. 

Na segunda semana de campaña, Reigosa presentou o seu programa en dous actos na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acompañado por varias e varios dos integrantes da súa candidatura, entre os que se atopaba a candidata a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, da que destacou a súa experiencia como decana de Fisioterapia. En primeiro termo H2040 mantivo unha xuntanza co profesorado e alumnado de Dirección e Xestión Pública, continuado cun encontro cos membros da futura Facultade de Comunicación, para manter logo esta tarde unha xuntanza en Belas Artes.

Plan de infraestruturas e mapa de titulacións

No inicio da súa intervención, Reigosa lembrou que para ser reelixido, a súa candidatura deberá obter o vindeiro mércores máis votos a favor que en contra, para subliñar logo que sería “importante ter un amplo referendo da comunidade universitaria”, co propósito de afrontar “dúas cuestións moi urxentes”, as negociacións coa Xunta do plan de infraestruturas e do novo mapa de titulacións. Con respecto ao primeiro, explicou que unha das prioridades, tras a futura sede da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense, será o edificio de Tafisa, nunha parcela que será cedida polo Concello, co que “aínda non está asinado o convenio”, pero si xa “claro e traballado”. 

No referido ao mapa de titulacións, prevese que permita a implantación de “entre 12 e 14" novos graos “que non hai en Galicia” e que “o lóxico é que se repartan polos sete campus”, contribuíndo a xerar “sinerxías coas titulacións xa existentes”, sinalou. Neste punto, Reigosa apuntou que se a Pontevedra “vén unha nova titulación” que encaixe nun dos centros xa existentes “irá para esa facultade”. Mais, “se é unha titulación para a que paga a pena facer unha facultade propia”, a idea sería poder “ir facendo máis módulos” na parcela de Tafisa, “un espazo grande que ten ademais moita edificabilidade”. 

Por outra banda, no encontro coa Facultade de Dirección e Xestión Pública, o candidato valorou o labor deste centro como “unha especie de banco de probas” no referido aos estudos virtuais, tras a implantación da modalidade virtual do grao, o primeiro do sistema universitario galego, e a experiencia do máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. “Pensamos que no futuro, cando a curva demográfica galega comece a caer en picado, imos precisar unha importante captación de alumnado estranxeiro utilizando docencia online”, recoñeceu Reigosa, que avogou por aproveitar a experiencia destas titulacións e ferramentas como Campus Remoto “para ser unha universidade pioneira nestas cuestións”.

Balance do realizado e a “folla de ruta” para os próximos anos

O candidato de H2040 iniciou a súa exposición facendo balance do cumprimento do programa electoral no seu primeiro mandato, para logo presentar nos oito “retos” do programa co que concorre a estas eleccións e que “vai a ser a nosa folla de ruta”, sostivo. Entre outras cuestións, abordou as medidas propostas para acometer un “recambio xeracional” na institución, ante a previsión dun elevado número de titulacións, así como o reto da “mellora da xestión de persoal”, con accións como a negociación dunha nova Relacións de Postos de Traballo (RPT). Reigosa destacou tamén o obxectivo de “potenciar a vida universitaria” e avogou por tratar de impulsar “graos duais ou graos abertos”, para logo incidir tamén nas accións previstas en materia de investigación e transferencia e no reto da "reformulación da xestión". Por último, fixo énfase na aposta polas enerxías renovables e por acadar unha “igualdade plena”, con propostas como a “exención docente” durante un ano e a redución ao 50% no seguinte ás investigadoras que se reincorporan tras o permiso de maternidade. 

A campaña continúa en Ourense

No peche da segunda semana de campaña, H2040 traslada a súa campaña ao campus de Ourense, onde ten programados tres actos. O primeiro terá lugar ás 10.00 horas na Escola de Enxeñaría Informática, logo outro será ás 12.00 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o terceiro na Facultade de Ciencias ás 13.30 horas. Xa pola tarde, H2040 programou en Vigo un encontro co sector PAS interino da Universidade, previsto para ás 17.00 horas no Paraninfo do Edificio Ernestina Otero.