DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Campus abordou o proceso para a futura construción deste equipamento

O reitor agarda que a primeira promoción do Grao en Deseño poida completar os seus estudos no edificio da parcela de Tafisa

Prevé que a titulación bote a andar no curso 2022-2023

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/10/2021

Despois de que o pasado venres dese a coñecer en Consello de Goberno a programación e prioridades do equipo de goberno en relación cos novos espazos que se habilitarán nos tres campus, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, afondou este xoves no proceso para a creación dun novo edificio na parcela da antiga Tafisa, ao que se trasladarían as facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública. Fíxoo nunha sesión ordinaria do Consello de Campus de Pontevedra, na que destacou que “a nosa idea é que o Grao en Deseño comece a funcionar no curso 2022-2023”, tendo como sede o edificio de Benito Corbal. Mais, sinalou, esta solución formulase como algo “temporal”, previa á construción dese novo edificio na parcela que o Concello cederá á institución académica. Nese senso, Reigosa salientou que “intentaremos que, de ser posible”, cando a primeira promoción de estudantes desta nova titulación “cheguen a segundo ou terceiro xa teñan o seu propio edificio e poidan estar todos xuntos e desenvolver a teoría e as prácticas do mellor xeito posible”.

A sede da Vicerreitoría acolleu este xoves a primeira reunión deste órgano no presente curso, que o reitor abriu lembrando a figura do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, falecido este mércores. “É unha gran perda para o país, era unha persoa moi comprometida e leal, ademais de moi próxima. Estamos todos moi afectados”, salientou o reitor nunha xuntanza que combinou a asistencia presencial e virtual e que se completou cos informes do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez.

As prioridades en materia de novos edificios

Como xa fixera no Consello de Goberno, Reigosa trasladou aos e ás asistentes a orde de prioridade das diferentes accións previstas para dotar de novos equipamentos aos tres campus. Nesta relación fíxase como prioridade “cero” a planta piloto e o Cacti que se emprazarán no edificio do Campus da Auga, en Ourense, onde se sitúa tamén a prioridade "un", a creación dun edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “É o máis urxente, porque xa saíron dúas promocións, pero a seguinte prioridade sería esta localización para as dúas facultades, Deseño e Dirección e Xestión Pública”, salientou Reigosa, quen quixo reflectir “o noso agradecemento ao Concello de Pontevedra”, que “nunha negociación moi aberta” amosouse “absolutamente favorable ao apoio da Universidade”. Neste punto, lembrou que este proceso terá como punto de partida a sinatura dun convenio de cesión da parcela na que se situaba antigamente Tafisa, que “xa non estará ligado á devolución” ao Concello do edificio no que se atopa a Facultade de Belas Artes.

O futuro inmoble, sinalou, converterase na sede do futuro Grao en Deseño, que “a nosa idea é que comece a funcionar no curso 2022-2023” nas plantas que a Xunta cederá á institución académica no edificio administrativo de Benito Corbal. Reigosa sinalou que xa foron adxudicadas as dúas licitacións públicas abertas para equipar as tres plantas que se cederán á UVigo. Non obstante, defendeu, unha vez se vaian incorporando novas promocións tras o primeiro curso “non parece unha localización moi lóxica para unha titulación”, dado que se trataría “dunha quinta, sexta e sétima planta, que ademais teñen outros destinos”.

Xunto ao reitor, tamén o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade afondou no seu informe nas previsións en materia de novos equipamentos, á vez que abordou o estado actual dunha serie de obras que se levan a cabo no campus e das actuacións en materia de sostibilidade.

Mapa de titulacións de plan de financiamento

No seu informe, Reigosa detívose tamén no estado no que se atopan os dous procesos de negociación “que máis nos ocupan agora mesmo”, os referidos ao novo mapa de titulacións e ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia. Con respecto a este último, salientou que se trata dun acordo “practicamente rematado”, que suporá unha “mellora para as tres universidades", e que no caso concreto da UVigo, “que desde o punto de vista económico non temos maiores atrancos, vainos permitir coller máis velocidade en moitas cousas que temos que facer”. No referido ao novo mapa de titulacións, Reigosa expresou o seu deseño de que estas negociacións permitan “traer para Pontevedra algún grao adicional”. 

Diferentes iniciativas no campus

O vicerreitor do campus, pola súa banda, fixo balance de diferentes iniciativas impulsadas nos últimos meses, como a sinatura dun convenio de colaboración co Concello para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías, que a Vicerreitoría está a impulsar xunto coa Concellaría de Promoción Económica e Universidade. Soto sinalou así mesmo a recente entrega dos primeiros Premios Campus Crea-Creatividade e Innovación, “cos que esperamos poder continuar” tras a “valoración moi positiva” desta primeira edición, á vez que anunciou a próxima celebración das terceiras Xornadas de Investigación Campus Crea. No referido ao Green Campus, lembrou a participación da UVigo no Urban Mobility Challenge, que se desenvolve nestas semanas e anunciou que, xunto cunha reunión do seu Comité Ambiental, está prevista unha xornada de difusión deste programa e o impulso dunha nova campaña antitabaco no campus. Por último, en materia de infraestruturas, referiuse á licitación das obras da sala de neuromusculación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e da renovación do aparcamento da Escola de Enxeñaría Forestal.