DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión que se alongou ata pasadas as 17.00 horas

O reitor presenta ao Claustro un programa de goberno con dez eixos fundamentais para acadar unha “Universidade máis igualitaria, internacional e galega”

As medidas de aforro enerxético e a mudanza da administración e a xestión centraron o seu informe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 07/10/2022

A primeira sesión do Claustro Universitario deste curso 2022/2023, celebrada este venres, caracterizouse pola súa duración. Para abordar os 16 puntos da orde do día previstos foi preciso realizar unha pausa a mediodía e retomar a xuntanza pola tarde. Nesta reunión, o reitor, Manuel Reigosa, presentou o informe de programación plurianual cunha serie de medidas que teñen como obxectivo acadar “unha Universidade máis igualitaria, máis internacional e máis galega. Unha universidade sostible e investigadora”. 

Ademais, nas case seis horas de reunión aprobáronse, entre outros temas, o informe sobre a creación do Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais, o informe sobre o cambio de denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que pasará a ser Facultade de Comunicación, ou a creación de sendas comisións de traballo sobre o código ético e a normativa de convivencia. Non foi aprobada a normativa de creación dunha escola destinada á xestión dos mestrados. 

Nesta sesión, o reitor tamén avanzou a adxudicación a varios grupos da Universidade de Vigo de proxectos TED, Transición Ecológica y Digital, o que supón a achega de algo máis de 6 millóns de euros. Tamén adiantou a concesión doutros dous proxectos da convocatoria Horizonte Europa, aínda pendentes de asinar, un ao catedrático e investigador do grupo de Filoxenómica do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) David Posada, cun orzamento de 541.000€ e outro á tamén investigadora do Cinbio Carmen Rodríguez-Argüelles, con 190.000€. Para Reigosa “estas novas acreditan a extraordinaria calidade do noso tecido investigador”.

Programa de goberno vertebrado en 10 eixes fundamentais

No seu informe de programación plurianual, Manuel Reigosa lembrou os principios xerais para o seu mandato, catro anos que, ao seu xuízo, se caracterizarán por tratar de tomar as medidas necesarias para acadar “unha universidade sostible e investigadora”. Nesta liña, arrancou a súa intervención facendo unha escolma de distintas cuestións “que son importantes e que forman parte do noso programa de goberno”, entre as que mencionou unha das medidas estrela do seu programa electoral, a redución da docencia despois do permiso de maternidade, “unha medida que xa está en marcha e que se prolongará ao longo de todo o mandato”. Continuou a súa relación de actuacións prioritarias coa redución da docencia ata as 240 horas máximo -270 para o próximo POD, 260 para o seguinte, 250 e 240, respectivamente- e o novo plan de docencia en galego nas aulas, “previsto para finais do mandato”. A listaxe continuou co Plan SUVI de sustentabilidade;  a creación da Oficina da Diversidade, a que se referiu como “algo moi importante”,  e o firme propósito de traballar por lograr avances destacados no incremento da relación coas empresas, “para o que se creou unha vicerreitoría específica e no que, é obvio, eu mesmo vou estar implicado”.

Dentro desta decena de medidas fundamentais incluíu o plan de funcionarización, “do que se agarda que haxa unha pequena ‘repesca’ a finais do 2023”; o establecemento dunha nova Relación de Postos de Traballo axustada ás necesidades presentes e futuras, “cunha fase de negociación que sabemos vai a ser complicada”; o proceso de estabilización e a oferta pública de emprego que, agardan, estea rematada en breve.

O reitor incluíu tamén nesta escolma de eixes básicos de goberno a universidade europea ATHENA. “Finalmente, vaise presentar a candidatura o 31 de decembro e estamos totalmente involucrados e traballando nas 16 tarefas que ten esa solicitude”, explicou Reigosa, quen adiantou que haberá que agardar ata o mes de maio para saber se Vigo é unha das universidades europeas elixidas, “algo que sería moi importante, sobre todo para titulacións como Enxeñaría Eléctrica, outras do ámbito tecnolóxico e para todo o ámbito investigador e da transferencia en xeral”.

A renovación das diferentes aplicacións informáticas e a creación da Facultade de Enfermaría foron outros temas aos que tamén fixo mención o reitor. “En principio a negociación coas dúas consellerías implicadas está desbloqueada e a miña ilusión sería que no vindeiro curso xa se poida facer matrícula desta facultade como escola propia nos tres campus a través dos nosos tres complexos hospitalarios de Ourense, Pontevedra e Vigo”, salientou o reitor, quen se referiu ao feito de ter catro escolas adscritas como “unha anomalía” . O Plan de internacionalización e a captación de talento internacional forman tamén, segundo expuxo o reitor, parte fundamental da folla de ruta para os vindeiros catro anos, así como a posta en marcha dun Plan de captación 2022-2026, a aprobación de diferentes normativas relativas ao estudantado, a posta en marcha dun Plan integral para as asociacións de estudantes e a posta en marcha de diferentes actividades conxuntas entre as áreas de Cultura, Deportes e Normalización Lingüística.

Cara un proceso de modernización da administración e a xestión da UVigo

Como vén sendo habitual, o reitor presentou un informe no que fixo un repaso dos temas más relevantes da actualidade universitaria en diferentes aspectos. Reigosa explicou, como xa fixo hai dúas semanas no Consello de Goberno, a nova estrutura xerencial da Universidade, encabezada pola xerenta Yolanda Lesmes e que completan dúas vicexerentas: Cristina Gallego (responsable de Coordinación académica) e Mercedes Carracedo (Asuntos Económicos) e os vicexerentes de Investigación, Anxo Moreira, e de Persoal, Ángel Nieto, sen descartar  a incorporación dun novo vicexerente para a modernización tecnolóxica. Precisamente esta estrutura, que se completa con tres adxuntos ao reitor, será na que se apoie o equipo de goberno para abordar o reto da mudanza da administración e a xestión, que implica o cambio de Xescampus a Sigma, a reorganización dos procedementos, a realización dunha modernización administrativa e o desenvolvemento da nova RPT. Neste sentido, o reitor recoñeceu que o cadro de persoal do PAS é “insuficiente” e sinalou a necesidade de realizar unha análise para reestruturar e realizar novas contratacións para obter “unha Universidade máis moderna pensando no futuro”.

A folla de ruta para a modernización administrativa que presentou o reitor contempla no 2022 un concurso para que unha empresa externa estude os 200 procesos máis importantes; o establecemento dun procedemento de medida das cargas de traballo e un acordo sobre teletraballo. Para o 2023 traballarase nunha listaxe de novos servizos e nun estudo pormenorizado de carga de traballo real e, para 2024, prevese o establecemento dunha primeira proposta para negociación da RPT e presentación dunha listaxe de prazas a extinguir, de reordenación das áreas de apoio, de novos servizos, etc.

Outro tema destacado do informe foron as medidas urxentes aforro enerxético, aprobadas no Consello de Goberno do 28 de setembro, e que xa están sendo aplicadas na procura de reducir entre un 25 e un 30% o consumo enerxético actual. Este plan contempla sete accións básicas como a xestión da calefacción e da climatizacións dos edificios, prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, apagado de computadores, equipos e maquinaria cando no se utilicen, así como axuste da iluminación interior e exterior. O reitor tamén se referiu a outras medidas a medio prazo que pasan por seguir apostando polo aforro enerxético, a racionalización de horarios, a mellora da conciliación ou a adaptación ao horario europeo. 

Na súa intervención tamén presentou un informe de contratación de investigadores derivadas do RD 32/2021 de medidas urxentes para a reforma laboral. Recoñeceu os múltiples atrancos que se deron neste proceso, pola eliminación dos contratos por obra e servizo ou a limitación dos contratos temporais a seis meses. Despois do traballo feito nestes meses “a situación vai ser mellor”, explicaba, cunha aposta pola contratación indefinida. En concreto, o reitor explicou que nos cinco meses que pasaron dende a entrada en vigor do decreto “sacáronse un total de cinco concursos de prazas, dous deles con resolución definitiva, que permitiron a realización de “máis de 100 contratos, algúns novos e outros de transformación”. A este respecto, Breogán Riobóo, en representación da Asociación do Persoal Investigador, demandou seguir avanzando no recoñecemento e estabilización do persoal técnico e de apoio á investigación, que “non está aínda recoñecido a todos os niveis e non dispón dun marco laboral e de participación específico dentro da Universidade de Vigo” nin como PAS nin como PDI. Demandou que se aborde “dun xeito urxente” a contratación indefinida deste persoal, que en moitos casos “se está indo á rúa”.

Sobre o mapa de titulacións e as cifras de matrícula, Reigosa amosouse moi satisfeito polos resultados obtidos este curso, datos que se presentarán en público o día 19 deste mes. Tamén se referiu ás titulacións con baixo número de matrícula para tranquilizar aos equipos decanais e de dirección sobre a viabilidade e o futuro dos mesmos. O profesor Juan Carlos Mejuto interveu neste punto para lembrar que, no caso de Enxeñaría Agraria o feito de compartir materias e cursos completos con outros graos permite que o seu custe sexa “o 17% do que custa unha titulación normal”. O mesmo sucede con Filoloxía Aplicada Galega e Española, como lembraban o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera, e a profesora Rosa Pérez, que reivindicaron as “boas” cifras de matrícula para unha titulación “que está arrancando, no seu segundo ano de implantación” e que comparte 90 créditos co grao en Linguas Estranxeiras, o que fai que teñan 85 estudantes en primeiro, por riba dos 50 que eixe o SUG.

Manuel Reigosa tamén fixo un repaso na súa intervención da programación relacionada coas infraestruturas e explicou que UVigo solicitará á Xunta de Galicia algo máis de 53 millóns de euros para o período 2023-2026 para abordar, entre outras actuacións, a planta piloto e o Cacti no edificio do Campus Auga; un novo ximnasio en Ciencias Educación e do Deporte; a nova Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o edificio de Intelixencia Artificial; o edificio modular na parcela de Tafisa; reformas en CC Educación e Deporte; as actuacións nos edificios Faraday, Siemens e Morse da ETEA e un novo edificio para atlanTTic no campus de Vigo. Neste eido, o catedrático da Facultade de Belas Artes Jesús Hernández puxo sobre a mesa unha reivindicación histórica do seu centro, que pasa por abandonar o edificio que ocupan en usufruto e que definiu como “absolutamente inadecuado”. Como resposta, o reitor comprometeuse a estudar, de cara a o futuro, dúas posibles solucións: ou ben habilitar espazos para laboratorios de pintura e escultura no edificio modular que se constrúa en Tafisa, ou ben, a opción de trasladar a facultade ao completo a esa futura edificación. 

O reitor deu conta tamén dos avances para a creación dun instituto agroalimentación en colaboración co IP de Bragança e da aposta da UVigo para poñer en marcha máis dobres graos e algún dobre mestrado e por implantar graos duais, o primeiro, no eido da automoción que previsiblemente arrancará o próximo curso.  

Avance no Instituto Universitario en Física e Ciencias Aeroespaciais

O Claustro tamén aprobou, cunha única abstención, o informe sobre a creación do Instituto Universitario en Física e Ciencias Aeroespaciais, para a súa elevación ao Consello de Goberno. O reitor lembrou que “o ano pasado decidimos que era o momento para a creación de institutos, primeiro porque xa non hai agrupamentos estratéxicos no SUG e segundo porque vai a haber unha convocatoria autonómica para o seu financiamento”. Na actualidade, indicou, “estase traballando en cinco institutos”, sendo este o máis avanzado na súa tramitación. Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, explicou que este centro márcase como eixos prioritarios fomentar unha investigación excelente e recoñecida no seu ámbito; facer unha transferencia de coñecemento á sociedade relevante; captar talento reforzado e divulgar e comunicar, ademais de ter unha gobernanza, organización e xestión axeitada. A vicerreitora detallou que son cinco as liñas de investigación contempladas na axenda científica do Instituto Universitario en Física e Ciencias Aeroespaciais: fluído-dinámica; sistemas ópticos; UAVs; modelización e simulación e física do espazo. Ademais, lembrou que está promovido por 19 investigadoras e investigadores que teñen “un volume de publicacións e proxectos científicos importantes”, citando cifras en conxunto como máis de 50 sexenios, máis de 40 teses de doutoramento, máis de 10 millóns de euros captados en proxectos nos últimos anos, máis de 1000 artigos e dúas EBts. Ubicado no campus de Ourense, onde está a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o centro, indicou por último Belén Rubio, contempla como valores transversais a excelencia, a internacionalización, a responsabilidade social e sostibilidade e a cooperación e integración. O informe aprobado recolle a memoria completa e o plan estratéxico para a proposta deste instituto, que quere ser “núcleo impulsor do ecosistema galego aeronáutico e aeroespacial así como das súas sinerxías coa investigación emerxente baseada na física”.

Rexeitada a normativa de creación dunha Escola de Posgrao

Un dos puntos da orde do día que xerou máis debate foi a proposta de aprobación da normativa de creación da Escola de Posgrao da Universidade de Vigo, un centro que inicialmente tería a súa sede central no edificio Ernestina Otero e cuxa principal misión sería, segundo a normativa que se levou a esta sesión do Claustro, “a dirección, organización, coordinación e difusión dos estudos de máster universitario”. Tratábase, segundo explicou o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, na súa exposición inicial da normativa,  de darlle continuidade á estela que se emprendeu coa creación da Escola Internacional de Doutoramento, centrada nas actividades propias de doutoramento, e da Escola Aberta de Formación Permanente, na que se centraliza toda a oferta de títulos propios. 

Tras a exposición do vicerreitor produciuse a intervención de varios membros do Claustro que, sen manifestarse en ningún caso en contra da posible creación desta escola, solicitaron, “dada a importancia desta cuestión”, unha reflexión máis sosegada antes da súa votación en Claustro. Interviñeron, entre outros, Noelia Rivera, membro da mesa so Claustro, quen, ademais de explicar as súas dúbidas sobre a necesidade de creación desta escola, demandou máis información ao respecto deste proxecto, incluída unha memoria económica sobre os gastos que suporía a súa creación. “Unha normativa deste calado non se pode traer ao Claustro sen consultalo previamente con diferentes servizos e centros”, subliñou, ao tempo que demandou a creación dun grupo de traballo sobre esta cuestión.

Tamén afondaron nas “dúbidas e contradicións” da normativa os profesores Juan Carlos Surís e José Carlos Álvarez Villamarín, así como a docente Coral del Río, quen, en nome de Nós Universidade, solicitou a retirada deste punto da orde do día. Desde a dirección das escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Minas e da Enerxía, Juan Pardo e Elena Alonso, manifestaron tamén a súa inquietude e lamentaron que este tema non fose consultado previamente cos centros.

Tras escoitar as achegas dos diferentes membros do Claustro, o reitor fixo fincapé na importancia da captación de alumnado de mestrado e aclarou que a creación dunha Escola de Posgrao permitiría responder á necesidade dun centro que lle permita á institución ofrecer unha oferta de máster “máis plural, completa e transversal”, pondo sobre a mesa “a dificultade de que títulos transversais saian dunha escola ou facultade concreta, polo que a necesidade deste tipo de centro será cada vez maior”. Segundo expuxo, a curto prazo esta Escola de Posgrao empregaríase para os títulos de mestrados que formen parte do catálogo Galicia 2030.  Feitas estas aclaracións, admitiu a conveniencia de incluír algunha das ideas expostas no debate e propuxo a modificación de certas partes da redacción, no senso de especificar máis os mestrados que se lle encomendarían a este centro, así como engadir a representación do PAS e do PDI ao seu Comité de Dirección.

Finalmente a normativa someteuse a votación, sendo rexeitada polo Claustro cun total de 51 votos en contra, fronte a 35 votos a favor –coas modificacións propostas polo reitor- e 21 abstencións.

Código ético e normativa de convivencia

O Claustro tamén aprobou a creación dunha comisión que se encargará da elaboración dun código ético e dunha normativa de convivencia da Universidade de Vigo, que substituirá a “nefasta lei franquista polo que nos estabamos rexendo”, como indicaba o reitor. 

O código ético, de acordo co plan estratéxico 2021/2026, terá como obxectivo ser unha guía de actuación que oriente e apoie os dereitos e as obrigas da comunidade universitaria no exercicio da súa liberdade e responsabilidade. Pola súa banda, a creación da normativa de convivencia responde á Lei 3/2022, de 24 de febreiro, que dispón que para favorecer o entendemento, a convivencia pacífica e o pleno respecto dos valores democráticos, os dereitos fundamentais e as liberdades públicas no ámbito universitario, as universidades públicas e privadas aprobarán as súas propias Normas de Convivencia. O obxectivo desta normativa será establecer os valores e estándares de conduta que deben ser coñecidos e respectados por todos os membros da comunidade universitaria, para fortalecer colectivamente a responsabilidade, exemplaridade, transparencia e honestidade esixibles na aprendizaxe, na docencia, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión pública encomendada. 

O reitor lembrou que tamén que existe un acordo das tes universidades so SUG para que o cadro de sancións relativas ás distintas faltas sexa equivalentes nas tres institucións, polo que a comisión terá que realizar un traballo de ligazón coas outras dúas universidades. 

73.000 visitas anuais ao Portal de Transparencia

Na presentación do 5º informe anual de transparencia, neste caso correspondente ao ano 2021, a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, salientou o “alto grao de cumprimento” das obrigas de transparencia, destacando que a UVigo é “a universidade galega que mellor compre as obrigas de publicidade activa en materia económica-financeira fixada na lei galega de transparencia e bo goberno”. Nesta liña o informe recolle que dentro da xestión diaria do Portal de Transparencia en 2021 publicáronse un total de 156 actualizacións de ficheiros e informes, 26 máis que no 2020, manténdose as cifras anuais de visitas a este portal en torno ás 72.700.

Con respecto á posición nos ránkings, a vicerreitora lembrou que a Fundación Compromiso e Transparencia, agora denominada Fundación Haz,  colocou á Universidade de Vigo no terceiro posto do seu informe Exame de Transparencia 2019, no que se mide a transparencia voluntaria na web das universidades españolas. No 2021, tal e como lembrou a vicerreitora, esta fundación non fixo a súa habitual avaliación anual, se ben desde a UVigo se publicaron igualmente os dous indicadores que tiña pendentes, polo que, “de terse feito o devandito informe a UVigo cumpriría todos os indicadores demandados e quedaría na posición 1 entre o grupo de universidades transparentes”, subliñou Doval, quen tamén salientou que na clasificación de transparencia da entidade Dyntra “a UVigo tiña en setembro de 2021 a segunda posición, cumprindo 126 dos 137 indicadores”.

Bolsa de recoñecementos docentes

Esta sesión do Claustro foi tamén o escenario elixido para debater sobre a bolsa de recoñecemento docente de centros e mestrados, un conxunto de horas que os decanatos, as direccións de centros e as Comisións Académicas de Máster (CAM) utilizan para recoñecer o esforzo do profesorado no seu apoio á xestión en actividades relacionadas coa coordinación e organización docente, intercambios nacionais e internacionais de estudantes, programas de prácticas curriculares e extracurriculares e, no caso dos centros, tamén en captación de estudantes e xestión da calidade.

Da man do vicerreitor Alfonso Lago, expúxose unha análise da distribución de ditas horas e abriuse un debate sobre si se debe seguir xestionando a bolsa como ata agora, “administrando ditas horas polos criterios internos dos centros e das CAM”, ou se é máis conveniente definir un cadro de recoñecementos con asignación individual de forma semellante a como se fai cos cargos académicos e coordinadores de títulos; buscar unha solución híbrida, na que se mesturan ambas solucións, ou calquera outra proposta de mellora que permita recoñecer o mellor posible o esforzo realizado polo profesorado. Neste senso, aprobouse a creación dunha comisión de traballo cuxo principal obxectivo será “traballar sobre os puntos comentados anteriormente e intentar chegar a una proposta que mellore con maior eficiencia ditas bolsas de horas”, recalcou Lago. Para iso, participarán nesa comisión de traballo, segundo o aprobado no Claustro, unha representación de todos os colectivos universitarios.

Cambio de denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación 

Nesta sesión do Claustro tamén se abordou o cambio de denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, un proceso ligado á creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Os trámites iniciáronse no mes de marzo, coa aprobación en Xunta de Facultade da memoria na que solicita mudar o seu nome polo de Facultade de Comunicación. Agora, o Claustro tamén deu o seu visto bo ao informe sobre este cambio que se xustifica pola “evolución histórica e a realidade actual” do centro, no que só se imparten titulacións relacionadas co eido da comunicación: os graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, os mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e doutoramento en Comunicación, que se leva a cabo xunto coa Facultade de Filoloxía e Tradución. Esta solicitude terá que ser aprobada agora polo Consello de Goberno da Universidade e obter o informe favorable do Consello Social para ser enviada ao Consello Galego de Universidades.

Outro dos puntos que se aprobou foi o cambio de denominación do nome oficial da Universidade de Vigo na versión en castelán dos Estatutos publicado no DOG, onde aparece Universidad de Vigo, e non o nome oficial, Universidade de Vigo, “por un erro na copia ou tradución do texto”.