Crearanse listas de agarda de PAS que participou en promoción interna e non acadou praza
Reitor e presidente da Xunta de Persoal asinan un acordo para o nomeamento provisional do PAS funcionario nun grupo ou subgrupo superior
O reitor e o presidente do Xunta de Persoal de PAS funcionario da Universidade de Vigo asinaron este mediodía un acordo para o nomeamento provisional do PAS funcionario nun grupo ou subgrupo superior. Tras analizar a situación actual da RPT de PAS funcionario implantada o pasado ano 2017, as e os responsables xerenciais e sindicais detectaron algúns postos vacantes que non foi posible cubrir ao non contar a universidade con suficiente persoal que posuíse os requisitos necesarios para a pertenza a un determinado grupo ou subgrupo de clasificación dos corpos ou escalas de PAS funcionario.
O acordo asinado este mediodía entre Manuel Reigosa e Xan Cebro, concrétase na creación de listas de agarda de PAS funcionario que participou en procesos de promoción interna e que non acadou praza, para que poidan optar a postos do grupo ou subgrupo de titulación superior ao de pertenza do persoal, coa particularidade da reserva do seu posto orixinal.
A sinatura deste acordo, consideran tanto as e o responsables xerenciais como o sindical, constitúe un importante avance que permitirá á Universidade de Vigo “aproveitar en toda a súa extensión as facultades e capacitacións do seu cadro de persoal PAS funcionario e cubrir as vacantes actuais ou que poidan xerarse no futuro”. Ao mesmo tempo, esta opción redundará, aseguran, nun importante incremento na eficacia, eficiencia e calidade na prestación de servizos do persoal encargado da xestión, actividades técnicas e administrativas, apoio e asistencia na Universidade de Vigo.