DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Envioulles este domingo unha carta para polos ao día sobre as diferentes medidas adoptadas

O reitor reafírmalle ao alumnado a intención de sacar adiante o curso “con éxito” nas datas marcadas

Reigosa garante unha solución técnica para que ninguén quede fóra da reprogramación da docencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 05/04/2020

Se este sábado o reitor se dirixía ao persoal docente e investigador para explicarlles as diferentes medidas que a institución deberá acometer nas próximas semanas ante a posibilidade de que se prorrogue o estado de alarma e non poida retomarse a docencia presencial no que resta de curso, este domingo fixo o propio co alumnado. Manuel Reigosa envioulles unha misiva na que lles reafirma a todas as alumnas e alumnos da Universidade de Vigo que a intención é sacar adiante o curso “con éxito” nas datas marcadas.

Para lograr este obxectivo o reitor lembra que toda a comunidade universitaria está a realizar un grande esforzo para adaptarse nun tempo récord a un novo modo de ensinanza, derivado da situación inesperada que nos tocou vivir por mor da expansión da COVID-19. Neste sentido, salienta que se ben “aínda non é posible afirmar con seguridade que non vaiamos ter clases presenciais na segunda quincena de maio”, esta posibilidade semella a día de hoxe “altamente improbable”, polo que, para que o cuadrimestre remate do mellor xeito posible, desde o equipo de goberno están a traballar para ter organizada a docencia non presencial á volta de Semana Santa.

En breve, novas medidas dirixidas a superar a fenda dixital 

Segundo se indica na misiva, este traballo organízase en dez liñas de actuación prioritarias. A primeira delas vai dirixida a solucionar os problemas derivados da fenda dixital. Neste senso, o reitor indica que os centros xa lle comunicaron os datos do estudantado con dificultades para seguir as clases ou utilizar Faitic desde as súas vivendas, polo que durante a Semana Santa se porá en marcha unha solución técnica que permitirá que ninguén quede fóra da reprogramación do curso académico.

A posta en marcha das aulas virtuais de Campus Remoto e o reforzamento da plataforma Faitic son outras dúas actuacións básicas que lembra o reitor na súa misiva. “Estas aulas representan un punto de encontro entre o profesorado e o alumnado para seguir cunha docencia o máis semellante posible á docencia presencial”, recalca Reigosa nunha misiva na que tamén adianta que está previsto que se graven as clases en Campus Remoto. “A través desta opción, aquelas persoas que teñan dificultades de conexión ou que non poidan utilizar o ordenador nas horas das clases poderán seguilas despois da súa realización”, indica o reitor, quen tamén lles explica aos estudantes que desde o equipo de goberno se lle recomendou ao profesorado non cargalos con máis traballo do que terían na modalidade presencial, “senón procurar que se acaden as competencias das materias”.

Avaliación a distancia e flexibilización das lecturas de TFG e TFM

Na súa misiva, o reitor tamén afonda nun dos aspectos que máis lle preocupa ao alumnado e que se refire ao sistema de avaliación que se lles vai aplicar, indicándolles que se están a analizar distintos medios tecnolóxicos para realizar exames a distancia coas suficientes garantías. “Non está claro que non vaiamos poder realizar exames presenciais, pero estamos tentando cubrir todas as posibilidades”, subliña Reigosa, quen neste sentido deixa claro que aínda é cedo para que poida dicirse que non se fará a avaliación tal e coma estaba previsto, pero, por se fose necesario, tentarase contar con distintas alternativas, xa que a intención é “sacar adiante o curso nas datas marcadas”.

De cara a tranquilizar ao alumnado, o principal responsable da UVigo tamén garante que se facilitará o máximo posible os procedementos de lectura dos traballos de fin de grao e de fin de mestrado, así como as prácticas en empresa. A regorganización das guías docentes para adaptalas á situación actual; a organización de grupos de traballo específicos para coordinar todos os temas docentes e a publicación de distintas instrucións para a organización do teletraballo do persoal, son outros aspectos nos que o reitor tamén fai fincapé.

Cada alumno/a recibirá instrucións precisas de cada materia

Reigosa remata a súa misiva agradecéndolle ao alumnado un esforzo que, coordinado co do profesorado, permitirá “finalizar o curso con éxito”. Nesta liña, indícalles que nos vindeiros días recibirán instrucións precisas de cada un dos seus docentes sobre como se vai desenvolver cada materia, incluíndo os procedementos da avaliación. Ao tempo, o reitor insístelles tamén ás alumnas e alumnos que, se ben deben ter paciencia ante os problemas que poidan xurdir, é importante que de detectarse algunha cuestión que quedase sen resolver, por favor, o comuniquen.