DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O coronel Miguel Constantino Cortés Calvo tomou posesión do cargo en decembro

O reitor recibe o novo subdelegado de Defensa en Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Visitas
M. Del Río DUVI 20/04/2021

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, reuniuse este luns co subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés Calvo, no cargo dende o pasado mes de decembro. O coronel Cortés, que ata agora exercía como xefe da Unidad de Servicios da base Base General Morillo, en Figueirido, dende onde opera a Brilat, explicou que o obxectivo desta xuntanza era presentarse oficialmente “como novo subdelegado de Defensa en Pontevedra e poñerme a disposición da Universidade para calquera tipo de colaboración que poidamos ter”. Cortés avanzou que xa mantivo tamén un primeiro contacto con Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra, e amosou o seu interese por estreitar lazos entre ambas institucións. Unha das vías de traballo está a ser un futuro acordo coa vicerreitoría de Pontevedra para potenciar ensinanzas e titulacións complementarias abertas a toda a cidadanía. 

Pola súa banda, o reitor remarcou a boa relación existente entre a Universidade de Vigo e o Centro Universitario da Defensa, centro adscrito con sede na Escola Naval Militar de Marín, e tamén a través da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, “coa que levamos moitos anos colaborando”. Reigosa engadía que “todo o que poida ser fortalecer ese mutuo apoio e prestarnos axuda, vennos moi ben a ambas institucións”.

Unha longa traxectoria profesional

Cortés Calvo é natural de Madrid e durante a súa traxectoria militar estivo destinado no Grupo de Artillería da Brigada de Infantería Ligera Aerotransportable; no Regimiento de Artillería de Campaña número 11; no Centro Geográfico del Ejército; no Regimiento de Infantería ‘Inmemorial del Rey’; no Cuartel General OTAN de Madrid e no Centro de Inteligencia de las FAS ata o seu regreso á base militar pontevedresa en 2018. Ao longo da súa carreira tomou parte en diversas misións internacionais na Antártida, Afganistán ou Bosnia-Herzegovina. Tomou posesión das súas novas responsabilidades militares como subdelegado de Defensa en Pontevedra o 18 de decembro en substitución de Ángel de Miguel Campos, que exerceu cargo en Pontevedra na última década.