DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alfonso Rueda apelou a un “optimismo tranquilo” para afrontar o futuro

O reitor da USC reivindica na apertura do curso 2022-2023 a universidade pública como “ascensor social esencial” 

Antonio López tamén pediu unha reunión da comisión de seguimento do Plan de Financiamento do SUG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 09/09/2022

A Universidade de Santiago de Compostela acolleu este venres 9 de setembro o acto de inauguración do curso 2022/23 das universidades galegas, cuxo rol como “ascensor social esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria”, reivindicou o reitor compostelán Antonio López, que na súa intervención debullou as novidades e retos de futuro que as tres institucións públicas galegas afrontarán nos próximos meses. Pola súa banda, o titular da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou un “optimismo tranquilo” para afrontar o futuro, xa que Galicia conta con universidades punteiras que son o catalizador do coñecemento, da innovación e do crecemento da Comunidade.

O catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo Barrera foi o encargado de impartir a lección maxistral nun acto, no que participaron, ademais do presidente da Xunta; os reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Julio Abalde; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; os presidentes dos consellos sociais da USC e da UVigo, Cecilia Sierra Rey e Ernesto Pedrosa Silva, entre outros representantes de institucións políticas, económicas, sociais e culturais.

Retos e demandas

A adaptación da universidade á reforma laboral aprobada a fins de 2021, así como aos cambios introducidos pola modificación da Lei da Ciencia, foron dous dos puntos sobre os que profundou o reitor da USC no seu discurso. Antonio López valorou os cambios lexislativos como unha vía para reducir a precariedade laboral e cualificounos como unha “grande oportunidade para introducir racionalidade nas relacións laborais da universidade, e moi particularmente no ámbito da investigación”. O reitor aproveitou a ocasión para defender a “estructuralización da investigación” a través dun “financiamento basal” que se complemente pero que non dependa de subvencións condicionadas.

Outra “notable preocupación” abordada polo reitor foi a relativa ao mercado enerxético e ao seu rol no actual escenario de guerra. O impacto da inflación e o incremento dos prezos neste eido é, a xuízo de Antonio López, unha eiva á que cidadanía e administracións deben facer fronte, sendo o Plan de Financiamento Plurianual asinado en 2021 e que se estenderá ata 2026, a “ferramenta esencial” da que botan man as tres universidades para acometer a situación. “Non nos cansamos de repetir que un escenario plurianual estable é esencial para garantir a autonomía financeira das Universidades e resulta de xustiza poñer en valor o feito de que o sistema universitario galego sexa pioneiro sumando máis de 25 anos continuados de planificación financeira plurianual”, explicou Antonio López. Non obstante, no contexto actual, “as circunstancias excepcionais e posteriores ao plan polas que estamos atravesando, e que se manifestan nun aumento do custos de persoal como consecuencia dos efectos da estruturalización da investigación, e nun incremento absolutamente imprevisible dos gastos correntes por efectos da guerra, require unha reunión da comisión de seguimento do plan de cara a concreción da evolución das diferentes partidas do mesmo neste escenario de excepción”, dixo o reitor.

Nesta mesma liña, Antonio López demandou a concreción dun plan de infraestruturas sobre o que as institucións están a traballar tamén cunha vontade plurianual.

Analise constante do mapa de titulacións

Antonio López salientou este mediodía a capacidade das universidades, de acordo coa Consellaría, para, a pesar dos lexítimos intereses propios, “poder artellar solucións compartidas e colaborativas para ofrecer a mellor alternativa para o que demandan os nosos estudantes, e tamén o tecido produtivo e a sociedade en xeral”. O reitor da USC destacou que esta análise constante do mapa de titulacións “vainos requirir a todos os implicados altura de miras e visión estratéxica como sistema universitario”. Neste senso, tamén apuntou cara a creación de novas modalidades de títulos como é o caso dos duais “que xa teñen demostrado a súa utilidade, tanto dende o punto de vista formativo como de empregabilidade, na formación profesional, a concreción da non presencialidade ou semipresencialidade naqueles títulos definidos como tales, así como o recoñecemento da formación de máis curta duración coñecidos como microcredenciais”.

No capítulo das novidades, tamén deu a benvida á nova Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada de Galicia, á que ofreceu “toda a colaboración institucional precisa”, poñendo o foco na “misión esencial” da universidade pública como garante da “igualdade de oportunidades de todos os cidadáns no acceso á formación superior”.

Catalizador do coñecemento

Na súa intervención, Alfonso Rueda agradeceu o esforzo conxunto que hai detrás da configuración do Sistema Universitario de Galicia no que é hoxe un servizo público, unha plataforma aberta á sociedade galega e unha columna vertebral da prosperidade. Como proba dese compromiso, salientou que, grazas ás achegas da comunidade galega, a súa universidade sexa a máis accesible de España, grazas a unha nova conxelación dos prezos.

O titular da Xunta reivindicou un “optimismo tranquilo” para afrontar o futuro, xa que Galicia conta con universidades punteiras que son o catalizador do coñecemento, da innovación e do crecemento da Comunidade. Ademais, fixo una referencia explícita á mocidade galega que exixe un lugar na sociedade no que cultivar e demostrar o seu talento. “Non cesaremos de traballar polo seu porvir. É nas universidades onde o seu futuro e o noso empeza a trocar en realidade”, manifestou.

Lección maxistral de José Carlos Bermejo

Na conferencia Información, comunicación e historia o catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo Barrera afondou en como dende hai polo menos 300.000 anos, “a humanidade tentou dar conta do seu pasado coa súa linguaxe, os seus ritos, os seus xestos e coa construción de formas de organización social que permitiron dar a cada persoa unha identidade e unha memoria que sempre foi á vez persoal e colectiva”.

Partindo da premisa da unidade do coñecemento, xa que “todos os saberes posúen esa raíz común”, o profesor realizou un percorrido dende o “mundo oral no que teremos a primeira construción das ideas de pasado e memoria e identidade colectiva, que só se verán transformadas cando se xeneralice a escritura, se faga posible a súa difusión, e cando no século XX se creen os medios de comunicación de masas, que serán á vez orais e escritos e que en diferentes soportes están na actualidade facendo posible a vida social e a creación das memorias persoal e colectiva”.