DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este mércores dúas conferencias sobre esta temática

Reivindicando unha perspectiva feminista no patrimonio e museos

Destinadas ao alumnado de Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 19/10/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este mércores a xornada de conferencias Feminismo e representacións socioculturais: antropoloxía e museografías feministas, coordinada polas profesoras do centro Fátima Braña e María Dapía e financiada pola Unidade de Igualdade da UVigo. Nela, Victoria Quintero, profesora de Antropoloxía da Universidad Pablo Olavide de Sevilla, falou de antropoloxía feminista e patrimonio cultural, e Amaria Arriaga, profesora da Universidad Pública de Navarra, fixo, de xeito virtual, unha análise feminista dos museos.

Na inauguración da cita, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, destacou a tradición e “o compromiso de moitos anos” deste centro coa igualdade, sendo este ano, lembrou, unha das facultades premiadas co distinto de Igualdade da Universidade de Vigo. Pola súa banda, Fátima Braña recalcou a importancia de “conectar as aulas coa contorna e neste caso co patrimonio cultural” e o traballo que se realiza na facultade ourensá no eido da igualdade. “O noso empeño está en que nas titulacións en Traballo Social e Educación Social teñades no patrimonio, nos museos, un aliado no futuro desempeño das vosas traxectorias profesionais e neste senso é fundamental aplicar a ollada feminista ao patrimonio”, afirmou a antropóloga.

Nesgos no proceso de patrimonialización   

Victoria Quintero, profesora de Antropoloxía da Universidad Pablo Olavide de Sevilla, fixo na súa intervención “un percorrido sobre como o patrimonio se relaciona coa memoria e sobre por qué o patrimonio si ten xénero”, achegándose aos nesgos no proceso de patrimonialización e que teñen que ver con, por exemplo, “a ausencia de mulleres protagonistas nos patrimonios ou con que cando as mulleres son protagonistas nos patrimonios aparecen naturalizadas e desde posicións subalternas, reiterando esa visión da muller tradicional como muller da súa casa, submisa, etc”. Na súa conferencia tamén falou da falla de participación das mulleres nos procesos de xestión e toma de decisións en patrimonio, definindo patrimonio cultural “como procesos de carácter sociopolítico que o que fan é seleccionar unha serie de elementos, convertelos en símbolos que son representativos das memorias e as identidades dos colectivos”.

Como un exemplo do que é o que non se ve neses patrimonios indicou que na Casa Batlló hai tamén unha zona de servizo, vinculada a mulleres que empezaban a traballar con arredor de 15 anos "e esa clase obreira traballadora é invisible nese patrimonio”. Trátase, apuntou a especialista, dunha narrativa imperante “do patrimonio desde unha visión que dicimos narcisista dos estados, unha visión moi desde as elites” e o reto é tratar “de mirala desde outro enfoque, desde a ollada feminista”. Por último, Victoria Quintero  tamén falou de “como as mulleres, e moitos homes, coidamos os patrimonios nun traballo que é de afecto, de amor, que polo tanto moitas veces non está remunerado, non está recoñecido, a miúdo é precarizado. Considérase unha responsabilidade polo afecto pero os beneficios lévanos outras empresas, sobre todo turísticas, e as persoas que sustentan eses patrimonios non ven recompensado nin moitas veces recoñecido o seu traballo”.