DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador da USC Martín Souto impartiu un relatorio na EE Forestal

As relacións entre fungos e árbores abren o ciclo de conferencias do Campus Crea

A dopaxe no deporte e o programa Copernicus serán o eixo das seguintes citas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/11/2018

Catro conferencias, promovidas pola Vicerreitoría do campus, no marco do Campus Crea, buscan esta semana ampliar a formación do alumnado abordando cuestións como a dopaxe no deporte, a información que en materia de lumes forestais pode achegar o programa Copernicus da Axencia Espacial Europea ou o proceso de acreditación dos investigadores e investigadoras do eido da fisioterapia. Este ciclo de conferencias, abertas a todo o público interesado e ás que a Vicerreitoría proxecta dar continuidade abordando, en próximas edicións, cuestións relativas a outras áreas representadas na oferta formativa do campus, abriuse este martes na Escola de Enxeñaría Forestal cunha conferencia do investigador da Universidade de Santiago de Compostela Martín Souto, quen afondou nos diferentes tipos de relacións, “moitas veces non evidentes”, que se establecen entre os fungos e as masas arbóreas.

Das relacións de simbiose aos parasitos

Preto do 90% dos vexetais no planeta, lembrou Souto, un dos responsables do herbario da USC, “están interrelacionados con fungos micorrícitos”, aqueles cos que árbores e plantas establecen unha relación de simbiose mediante a interrelación entre as raíces e os filamentos do fungo. No eido concreto das masas forestais, eixo central dunha conferencia presentada pola profesora Graciela Paz, estas micorrizas van máis aló da súa “versión máis evidente” que son os cogomelos que medran xunto ás árbores, para darse baixo a terra na maioría dos casos, axudando os fungos a través dos seus “filamentos microscópicos a absorber auga e sales minerais” e obtendo estes das árbores azucres ou hidratos. “É un intercambio, que tamén serve para protexer ás árbores doutras enfermidades”, engadiu Souto, quen sinalou tamén que estudos recentes “indican que varias árbores poden estar comunicadas a través dos filamentos dos fungos”, como se constituíse “unha rede subterránea de filamentos que entrelaza o bosque”.

Máis aló das micorrizas, Souto detívose tamén nos fungos saprófitos, aqueles que para alimentarse degradan a materia orgánica, “madeira, follas, froitos”, de tal xeito que “reciclan todos os nutrientes e devólvenos ao ecosistema”. Mais tamén, lembrou, existen fungos parasitos, que se alimentan de materia orgánica viva e que “dependendo da especie de árbore e da especie de fungo” poden provocar a morte do vexetal na que se hospedan. “A maior parte das enfermidades nas plantas son provocadas por fungos, hai unha pequena parte causada por bacterias e outra por virus, pero a maioría son causadas por fungos que viven nun organismo vivo e vano deteriorando”, explicou Souto, quen achegou ao alumnado da EE Forestal unha serie de exemplos de fungos parasitos que afectan con maior frecuencia a coníferas ou a árbores caducifolias, deténdose  en casos como o da Armillaria merea, “un dos patóxenos forestais máis problemáticos que temos, porque é bastante agresivo” e afecta a diferentes especies arbóreas, explicou, desde piñeiros ou eucaliptos a cipreses ou árbores froiteiras.

Tres conferencias por diante

 

Este ciclo de conferencias do Campus Crea continúa este xoves 22 ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coa conferencia na que Jesús Garrido Escobar, xefe de departamento de educación e investigación científica da Agencia Española de Protección de la Salud en el Deporte (Aepsad) abordará unha serie de conceptos xerais sobre  dopaxe. “A idea é falar dos seus efectos para a saúde, a nivel deportivo e a nivel xeral”, explica José María Cancela, director da Área de Infraestructuras do campus, dunha conferencia que busca pór o foco na dopaxe non só no deporte de elite, senón tamén nos efectos que poden ter na saúde diferentes “produtos de acceso fácil é que a xente pode tomar para mellora o seu rendemento sen ter en conta as consecuencias”.

Ao día seguinte, o venres 23, o ciclo retornará á EE Forestal, grazas á participación do enxeñeiro Celso J. Coco Megía, un dos membros en España da Copernicus Academy, unha rede dirixida a difundir este programa da Axencia Espacial Europea (ESA), que a través da constelación de satélites Sentinel permite obter en tempo real unha serie de información de utilidade para o combate dos incendios forestais. A importancia ou non da difusión de información técnica en redes sociais é de feito o eixo da conferencia, programada tamén para as 12.00 horas, que impartirá no campus este experto en tecnoloxías xeoespaciais. 

A esa mesma hora, Fisioterapia acollerá, tamén dentro deste ciclo, un relatorio do profesor da Universidad Antonio de Nebrija José Ríos Díaz, centrado na investigación nos eidos da fisioterapia e das ciencias da saúde e os requisitos que é preciso cumprir para obter a acreditación da Aneca, nunha actividade orientada principalmente a docentes e investigadores que se completará cun taller sobre publicacións científicas.

Formación para estudantes e profesionais

Este ciclo de conferencias toma, por outra banda, o relevo na EE Forestal á xornada técnica sobre serradoiros móbiles que ao longo do luns se desenvolveu neste centro. Organizada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e financiadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), as xornadas coordinadas polo profesor Óscar González-Prieto reuniron tanto a estudantes da escola como a empresarios do sector, que puideron coñecer o funcionamento de dous modelos de serradoiros móbiles, uns dispositivos, sinala, “moi útiles para a realidade de Galicia” ao facilitar o procesado a pequena escala de madeiras de frondosas ou coníferas. De feito, ao longo da xornada do luns, estes serradoiros permitiron procesar máis de seis troncos, cos que se obtiveron as pezas de madeira necesarias “para fabricar un banco e unha mesa de xardín”, explica González-Prieto, responsable de impartir este taller xunto ao técnico do centro Luis Torres e o director da EE Forestal, Juan Picos. Esta xornada á súa vez tomou o relevo das xornadas de divulgación das novas tecnoloxías aplicadas ao sector forestal e á mobilización da madeira que, da man da Asociación Sectorial Forestal Galega, desenvolveronse a pasada semana neste centro, achegando información sobre diferentes iniciativas que aplican ás TIC ao sector forestal tanto a estudantes como a técnicos ou propietarios forestais.