DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os cursos abertos do campus son impartidos por Sarabela Teatro

Remata a formación en teatro terapéutico, prepárase a de comunicación en público

Na matrícula, que é de balde, ten prioridade a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 21/03/2023

No marco da programación teatral do campus de Ourense, este ano a súa Vicerreitoría, co apoio da Deputación, puxo en marcha un ciclo de cursos abertos destinados a aproveitar as posibilidades das artes escénicas para mellorar a docencia e a aprendizaxe. A programación arrancou en febreiro cun curso centrado na voz, continuou este mes de marzo con outro sobre teatro terapéutico e rematará en abril cun último dedicado á comunicación en público.

Estes cursos desenvólvense no marco das Aulas de Teatro Universitario de Ourense en diferentes instalacións do campus, en horario semanal de 19.00 a 21.00 horas, e a matrícula, que se realiza a través do Campus Activo da Uvigo está aberta ata esgotamento de prazas. As taxas son gratuítas, tendo prioridade na inscrición as persoas pertencentes á comunidade universitaria. A programación foi deseñada por Sarabela Teatro para a comunidade universitaria co propósito de ser unha formación útil para mellorar a docencia e o desenvolvemento académico, abrindo unha parte das técnicas teatrais, aquelas que serven como instrumento para a docencia, á comunidade universitaria.

O curso de Teatro terapéutico vén de rematar a súa formación, na que participaron 15 persoas, de diferentes idades e traxectorias e tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela. Con docencia de Sabela Gago, de Sarabela Teatro, ao longo de tres sesións, as e os inscritos afondaron no xogo dramático e a improvisación como ferramentas de coñecemento persoal. Tendo en conta o contexto educativo no que se impartiu, desde a organización da actividade indícase o seu interese xa que “cada vez hai máis demanda doutros xeitos de facer terapia con persoas que o precisan por diversas causas e o teatro terapéutico pode axudar ao docente (futuro ou actual) a tratar diversos casos nun grupo, nunha aula”.

Proposta para abril

Para pechar esta programación, ofértase para o mes de abril a actividade Expoñer (se) en público, na que se procurará mellorar as capacidades comunicativas das e dos participantes, axudando a coñecer as claves e as técnicas para falar en público. Elena Seijo será a docente desta iniciativa que terá lugar os días 12, 19 e 26 de abril. “As exposicións en público son cada vez máis frecuentes, na etapa discente e na docente estamos e estaremos constantemente tentando comunicar o noso discurso a un grupo determinado. Facelo de xeito claro, conciso, sen ruído na comunicación é un dos obxectivos deste terceiro obradoiro”, apunta Fernando Dacosta, responsable das aulas teatrais do campus de Ourense.