DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poderanse presentar ata este xoves 21

Remata o prazo para solicitar as axudas para a organización de actividades con perspectiva de xénero

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
DUVI 19/06/2018

Este xoves remata o prazo para presentar as solicitudes da convocatoria para a organización de eventos e actividades con perspectiva de xénero. Trátase dunha iniciativa que trata de fomentar entre a comunidade universitaria a celebración de conferencias, xornadas, exposicións ou outro tipo de actividades que teñan como finalidade contribuír á sensibilización en materia de xénero e fomenten a transmisión de valores igualitarios.

A convocatoria ten un orzamento total de 10.000 euros e poderá presentar solicitudes calquera membro da comunidade universitaria que organice actividades dentro deste contexto. As contías subvencionables son unicamente os gastos correntes correspondentes á posta en marcha e desenvolvemento dos programas, e cobren viaxes de conferenciantes, pagamento de conferencias, traslado de obras artísticas, aluguer de equipamentos, etc. Quedan fóra do obxecto da convocatoria as retribucións a persoal vencellado á Universidade, nin gastos protocolarios nin de publicidade. En calquera caso, ningunha solicitude pode acadar unha axuda superior a 3000 euros. No caso das conferencias, a contía máxima a aboar será de 250 euros brutos por conferencia individual e/ou mesa redonda.

A comisión encargada da avaliación valorará especialmente a adecuación da proposta aos obxectivos da convocatoria, a calidade, a viabilidade das propostas e a experiencia en xénero e organizativa da persoa solicitante, así como como exemplo o recoñecemento dos créditos ECTS. Todas as actividades subvencionadas deberán desenvolverse antes do 15 de novembro.

Dez actividades na convocatoria de 2017

A anterior edición desta convocatoria de axudas, a correspondente a 2017, permitiu a subvención dun total de dez actividades de diversa índole. Entre as propostas aprobadas houbo ciclos de cine sobre sexualidade, muller e igualdade, relatorios sobre xénero e tradución ou sobre as mulleres tecnólogas ou exposicións sobre mulleres científicas. O xurado tamén seleccionou xornadas e obradoiros sobre a perspectiva de xénero nos contos, a xestación por substitución, a discriminación sexual na linguaxe ou a muller no contexto da creación artística.