DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvidos no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo 

Un repositorio compila os vídeos contra a desinformación do estudantado da Facultade de Comunicación

Realizados co asesoramento da ONG Ecos do Sur

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/01/2025

Desde o curso 2019/2020, o profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte desenvolve un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) no que o alumnado deste centro elabora unha serie de vídeos divulgativos dirixidos a informar dos efectos da desinformación e das ferramentas existentes para combatela. Co obxectivo de facilitar o acceso a esta serie de contidos, esta iniciativa vese complementada pola posta en marcha dun repositorio dixital que reúne os vídeos realizados nas últimas edicións desta actividade, na que o alumnado conta coa colaboración da ONG Ecos de Sur, que lles achega asesoramento e formación complementaria.

O obxectivo desta iniciativa, enmarcada nas actividades do grupo de innovación docente Dixitais, é permitir que a cidadanía “poida ter acceso, dunha maneira máis ordenada e organizada” a uns “traballos que poden ser moi útiles”, apunta Dafonte. Despois de que nas últimas semanas finalizase a sexta edición dunha actividade seleccionada na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da UVigo, a posta en marcha deste repositorio permite coñecer os vídeos realizados e publicados en diferentes redes sociais nas últimas semanas por 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual, na sexta edición do proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática. Tratábase, como apunta Dafonte, do segundo curso no que o proxecto se desenvolvía no marco da materia Propaganda en medios audiovisuais, o que permite “unha vinculación máis profunda entre a dimensión teórica da materia e o seu desenvolvemento práctico, entrando nunha etapa máis especializada en canto aos contidos abordados no proxecto”.

Nestas dúas últimas edicións, os diferentes grupos debían realizar dez pezas breves centradas en definir esta problemática, presentar os diferentes tipos de desinformación existentes, abordar por que esta funciona e achegar á cidadanía ferramentas e recursos de verificación. Isto motivou que Dafonte optase por pór en marcha este repositorio cos vídeos destas últimas edicións, por tratarse “dun contido máis homoxéneo, no que nos centramos nos principios básicos da desinformación e en como loitar contra ela”, explica. Non obstante, recoñece, a súa intención é incorporar vídeos de edicións previas, así como ir sumando os que se vaian realizando nos próximos anos, facendo medrar un espazo que reúne tamén información sobre a orixe e finalidade dun proxecto centrado en “comprender o fenómeno da desinformación e os seus efectos na sociedade” e identificar os recursos narrativos e “estratexias de distribución”, para logo “crear e compartir materiais audiovisuais divulgativos”, contribuíndo á alfabetización dixital e mediática da cidadanía.

Un proxecto desenvolvido xunto a Ecos do Sur

Neste labor, as e os estudantes contan cada curso co asesoramento de Ecos do Sur, unha ONG que centra o seu labor na loita contra as desigualdades e que desde 2016 traballa na prevención de desinformación e o discurso de odio en internet a través da súa liña CibeRespect. Con esa idea, representantes desta organización ofreceron unha serie de sesións formativas complementarias aos sete grupos de estudantes que participaron no presente curso nesta iniciativa. Esta deu como resultado final unha serie de vídeos que, como abordan Dafonte, abordan aspectos como os diferentes tipos de desinformación existentes, máis aló das fake news, cunha “linguaxe moi propia das redes sociais”, polo que poden resultar acaídas para achegar estas cuestións “a un público máis novo”. No seu conxunto, os vídeos realizados suman preto de 68.000 reproducións en redes sociais, cunha media de 11.000 visualizacións por canle, apunta Dafonte, que destaca a calidade dos traballos realizados.