DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar entre os días 26 e 30 de decembro

As representacións para bebés, gran novidade da IV edición da Mostra de Teatro Infantil

A principal novidade serán as representacións para bebés

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 21/12/2007

Coa chegada das vacacións de Nadal volve a Mostra de Teatro Infantil, MOTI, un referente na vida cultural de Ourense que abarca animación, teatro de rúa, maxia, marionetas e o teatro de autor en diferentes espazos da cidade. O obxectivo desta cuarta edición é non deixar fóra a ninguén pois, aínda que os espectáculos están dirixidos principalmente a nenos e nenas, son aptos para todos os públicos e teñen vocación familiar.
En vista do crecente número de asistentes, nesta edición aumentáronse o número de funcións diferentes e, ademais, repítense algunhas delas. Xunto coa maxia, as marionetas e o teatro tradicional, este ano a animación na rúa cobra máis importancia.

Teatro para bebés

Aínda que os protagonistas absolutos da MOTI son os nenos de todas as idades, a principal novidade desta edición é o teatro para bebés. A través da obra Tondo Redondo os nenos entre cero e tres anos terán o seu primer acercamento ao mundo do espectáculo.
Desta vez os espectáculos non quedarán relegados a un único espazo. Por un lado, as tradicionais dependencias do Teatro Principal e do Auditorio acollerán parte das funcións, pero tamén as do campus universitario e as principais rúas da cidade. Tamén haberá unha función especial para os nenos e nenas ingresados no Complexo Hospitalario de Ourense.
Os prezos para asistir aos diferentes espectáculos oscilan entre os 4 euros, os 2 e a gratuidade total no caso das representacións no campus e na rúa. Dende a organización entenden que son uns prezos facilmente asumibles pero que, á vez, a cultura ten que ter un custo económico para facer viables proxectos desta envergadura. Ademais case a metade da recadación será destinada a Unicef.