DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado pola UVigo, centrou un acto en Madrid con motivo da Día da Cooperación Interreg

Representantes da Comisión Europea destacan o carácter estratéxico do proxecto Firepoctep+

Na xornada participaron representantes dos ministerios de Hacienda e Transición Ecológica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/09/2024

Identificar zonas clave na prevención dos grandes incendios forestais ao longo da fronteira hispano-portuguesa e definir accións preventivas que poden levarse a cabo coa implicación dos axentes locais son dous dos obxectivos centrais do proxecto europeo Firepoctep+, que coordina a Universidade de Vigo. Cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal 2021-2027 (Poctep), Firepoctep+ foi designado como un proxecto de importancia estratéxica polo comité de seguimento do programa Interreg. Coa participación como socios de 17 institucións e entidades españolas e portuguesas, o carácter estratéxico deste proxecto foi unha das cuestións postas de relevo na xornada promovida este xoves en Madrid, organizada en colaboración coa secretaría conxunta do Poctep, as autoridades de xestión e a Comisión Europea.

Promovido con motivo da conmemoración do Día da Cooperación Interreg, este encontro tivo lugar na Universidad Politécnica de Madrid e contou coa participación do director en funcións da Representación da Comisión Europea en España, Lucas González Ojeda; da directora xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Hacienda, Ana Cristina Peña; e do director da Unidade de Política Rexional da Axencia para o Desenvolvemento e a Cohesión portuguesa, Nuno Romão, así como do subdirector da Escuela de Ingenería de Montes, Forestal y del Medio Natural, Santiago Saura. Representantes do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico participaron tamén nunha xornada na que puideron coñecer os obxectivos e liñas de traballo dun proxecto financiado con preto de 3,3 millóns de euros e que se estenderá ata 2026. De aí que o seu investigador principal, o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo Juan Picos, poña de relevo o positivo de que diferentes institucións apostasen por este proxecto “para celebrar o Día da Cooperación Europa, sinalándoo como un exemplo” neste eido. “Creo que isto ilustra a importancia da fronteira hispano-portuguesa no referido aos incendios forestais e que entenden que a nosa experiencia pode ser válida para outras rexións europeas”, engadiu o investigador da UVigo, quen ve tamén esta escolla como “un recoñecemento ao modelo do proxecto”, que ten como socios sete administracións, cinco universidades, dúas fundacións e un centro tecnolóxico. 

Un proxecto que “a realidade impón” como necesario

“Para a Comisión é absolutamente fundamental estar hoxe aquí”, subliñou González Ojeda, que aludiu en primeiro termo á vaga de lumes que sufre nestes días Portugal, xa que esta traxedia amosa que proxectos como este “son imprescindibles”. O representante da Comisión Europea lembrou que “o 40% da poboación europea vive en territorios fronteirizos” e que "hai determinadas circunstancias que transcenden as fronteiras”, como sería o caso dos incendios, unha problemática, lembrou, que se está a ver agravada polo cambio climático. “Falamos dun enfoque integral e transfronteirizo dos riscos de incendios e isto é moi importante”, engadiu González, mentres que Peña puxo o foco en que Firepoctep+ “é un bo exemplo de como abordar esta problemática común” e de aí que centrase un dos actos “que se organizan en todo o continente para mostrar á sociedade os resultados positivos da cooperación”. A necesidade de que esta problemática sexa abordada non só desde a prevención, senón tamén a través da xestión do territorio, da investigación e do desenvolvemento de “mecanismos de gobernanza” foron algunhas das cuestións salientadas polo representante do goberno luso. Mais Romão sinalou previamente que, no referido á necesidade deste tipo de proxectos, “a realidade imponse”, posto que Portugal está a atravesar “a situación máis crítica do ano, con cinco persoas falecidas” por mor duns incendios,  que nos últimos cinco días queimaron máis hectáreas nestes país que as ardidas no que vai de ano. 

Presentación das liñas de traballo e identificación de necesidades

A xornada serviu tanto para dar a coñecer os obxectivos do actual proxecto como os resultados do previo, Firepoctep, que foron presentados polo director xeral de Emerxencias e Protección Civil da Junta de Andalucía, Alejandro García Hernández. Dando continuidade a un proxecto que tiña como obxectivo o deseño dunha estratexia común de actuacións preventivas a ambos lados da fronteira, Firepoctep+ ten como obxectivos a identificación de zonas estratéxicas de xestión nas áreas piloto establecidas ao longo de toda a fronteira e a definición de actuacións preventivas que contribúan á mobilización de recursos endóxenos. Outros bloques de traballo céntranse na formación e capacitación dos operativos, na xeración de propostas para superar as diferencias lexislativas e estratéxicas de xestión dos incendios entre os dous países e na formación e sensibilización da poboación rural e outros axentes do sector.

Nese senso, tras dúas mesas de debate, a xornada pechouse cun taller centrado na “cocreación” de estratexias innovadoras para prevención de incendios forestais, que, como explica Picos, tiña como reunir “información e suxestións” e que representantes de institucións como o Ministerio de Transición Ecolóxica “puidesen formular cales son as súas necesidades para poder incorporalas ao proxecto”.