DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CIM-UVigo é o anfitrión do evento que se celebra por primeira vez na cidade olívica

Representantes de nove de países reúnense en Vigo na Asemblea Xeral do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC)

Visitarán a Ecimat, que forma parte do nodo español da infraestrutura europea de investigación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 30/05/2023

O European Marine Biological Resource Centre (EMBRC) é unha rede de infraestruturas de investigación pan-europea que ten como obxectivo poñer a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa. A Universidade de Vigo, a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM-UVIgo, é un dos tres representantes españois neste nodo e ademais é a institución anfitrioa da 14ª Asemblea Xeral que se está a celebrar en Vigo. Dende hoxe e ata mañá mércores representantes dos nove países membros da rede (Francia, Bélxica, España, Grecia, Israel, Italia, Noruega, Portugal e Suecia) participan nesta xuntanza que ten como finalidade debater sobre a estratexia, a gobernanza e o avance científico desta infraestrutura de investigación internacional.

As e os asistentes foron recibidos na mañá deste martes nas instalacións de Citexvi pola vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; polo director do CIM, Daniel Rey; o director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, José Manuel García Estévez, e pola coordinadora de Innovación e Transferencia do CIM, Cristina Quelle. Rubio deulles a benvida e agradeceulles “a honra” que supón para a Universidade de Vigo ter sido escollida para acoller esta décimo cuarta xuntanza da asemblea de EMBRC-ERIC. Ademais, a vicerreitora realizou unha breve presentación da UVigo, dos estudos que oferta e tamén dos seus centros de investigación, como o propio CIM. Precisamente, o seu director, Daniel Rey, fixo fincapé na importancia desta rede, unha infraestrutura de investigación europea que ofrece a investigadores e empresas acceso a organismos mariños e as instalacións para estudalos, incluíndo instalacións experimentais e plataformas tecnolóxicas. O responsable do CIM, do que depende a Ecimat, recalcou que “temos grandes expectativas sobre a achegas da nosa estación á rede”, que non se limita a ser un “provedor de servizos”, senón que pode ser un importante actor na promoción e fomento da ciencia e a investigación. Ademais, subliñou que os servizos que ofrece a Ecimat aos investigadores das ciencias mariñas incrementáronse substancialmente nos últimos anos e lembrou que actualmente está en construción un buque oceanográfico de última xeración de 20 metros de escola e de propulsión híbrida enchufable, así como outras plataformas, que “terán unha dispoñibilidade internacional” para todos os membros do EMBRC. 

Finalmente, Nicolas Pade, director executivo do EMBRC, agradeceu a acollida da UVigo e amosouse encantado de celebrar en Vigo esta xuntanza, na que os membros desta rede establecerán as liñas a seguir para os próximos meses e avanzarán na coordinación de todas as infraestruturas socias. En concreto, o obxectivo da reunión é debater sobre a estratexia, gobernanza e desenvolvemento científico da infraestrutura europea de cara o futuro máis inmediato. O programa, ademais de sesións de traballo, tamén inclúe para mañá mércores a reunión do Comité de Nodos integrantes do EMBRC, unha xuntanza de carácter principalmente científico e técnico sobre as instalacións e estacións mariñas que forman parte da mesma. 

Como peche das xornadas de traballo, ofrecerase unha visita á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) do CIM-UVigo, que xunto coa Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, xestionado pola Fundación Canaria Parque Científico Tecnológico, forman o nodo español de EMBRC.

Unha rede de infraestruturas europeas de apoio

O European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC) é unha infraestrutura de investigación paneuropea que busca ser o principal provedor europeo de recursos biolóxicos, acceso aos ecosistemas mariños, datos, series temporais e servizos asociados para investigación no medio mariño. EMBRC foi incluído no Mapa de Ruta Europeo de Infraestruturas de Investigación do ESFRI en 2008. Tres anos despois as e os promotores do proxecto poñían en marcha o seu primeiro proxecto e en 2014 subscribíase un memorando de entendemento para iniciar o proceso de formalización legal da infraestrutura. En 2017 pasou a formar parte do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación (ERIC) ao ser considerada unha infraestrutura de referencia, reflectindo o seu papel fundamental e único na I+D+i europea no medio mariño. Dende os seus comezos, España tivo un papel fundamental na organización e no establecemento do funcionamento de EMBRC, constituíndose oficialmente o nodo español de en 2017, que na actualidade está formado pola Ecimat, de I+D+i en bioloxía e biotecnoloxía mariñas: a Ecimat, a Estación Mariña de Plentzia da Universidad del País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria.

O obxectivo do EMBRC–ERIC é impulsar o desenvolvemento das denominadas biotecnoloxías azuis, promovendo tanto a investigación básica como a aplicada dedicadas á procura de solucións sostibles nos sectores da alimentación, a saúde e o medioambiente, proporcionando acceso a información e recursos de todos os mares de Europa, de xeito que calquera científica ou científico ou empresa teña a súa disposición os recursos precisos para o seu labor investigador. Na actualidade dá acceso a servizos e plataformas tecnolóxicas en 70 estacións mariñas e institutos  distribuídos en nove países europeos en apoio dunha investigación sólida, rendible e eficiente.