O obxectivo desta actividade é dar a coñecer a institución aos seus socios internacionais
Representantes de universidades de toda Europa e norte de África achéganse á UVigo na súa Semana Internacional
Cun intenso programa de actividades, este mércores recibiunos Manuel Reigosa e Maribel del Pozo
A Universidade de Vigo celebra este días, do 6 ao 9 de maio, a súa Semana Internacional, unha actividade organizada co obxectivo de dar a coñecer a institución académica viguesa aos seus socios internacionais. Participan na xuntanza unha vintena de representantes, tanto persoal académico como técnico, de universidades de distintos países de Europa e do norte de África, desde Cabo Verde a Alemaña, pasando por Grecia, Polonia, Portugal, Turquía ou Montenegro, por citar só algúns exemplos.
Cun intenso programa de actividades, que arrancou xa o luns e que inclúe a visita aos campus de Pontevedra e Ourense, este mércores deulles a benvida á Universidade de Vigo o seu equipo responsable de Internacionalización, encabezado pola vicerreitora Maribel del Pozo, quen lles explicou que lle gustaría telos recibido o propio luns, pero que isto non foi posible debido, precisamente, á celebración en Compostela das XXI Xornadas sobre Internacionalización e Cooperación, organizadas polas tres universidades públicas galegas a petición da CRUE. Así mesmo, tamén se achegou a saudalos, xa na mesa redonda, o reitor Manuel Reigosa, quen non quixo perder esta oportunidade de intercambiar opinións con estes socios da UVigo, en especial, os integrantes da alianza europea Athena, á que pertence á universidade viguesa xunto con outras nove institucións de educación superior.
“Camiñar xuntos para chegar máis lonxe”
Na súa intervención Del Pozo fixo súas as palabras do reitor, Manuel Reigosa, subliñando que lle gustaría que a UVigo sexa cada vez “máis internacional, máis feminista e máis galega”. Nesta liña resaltou a importancia de que a institución académica viguesa consolide os seus vínculos internacionais en docencia, investigación, xestión… “para o que é fundamental coñecernos, compartir experiencias, boas prácticas, etc. e isto é o que buscamos nesta Semana Internacional: brindarvos a oportunidade de que coñezades a UVigo e as persoas coas que tratades no día a día”.
Xunto a Maribel del Pozo participaron neste acto de benvida, celebrado no edificio Miralles, os directores das áreas de Promoción da Internacionalización, Iago Pozo, e Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, xunto coa directora da Oficina de Relacións Internacionais Amelia Rodríguez Piña. “Para nós é moi importante que coñezades as nosas titulacións e a investigación que se fai nos nosos laboratorios e, deste modo, que tamén vos convertades en socios da UVigo”, apuntou Pozo, quen se amosou convencido de que este contacto “poderá converterse en novas investigacións e titulacións conxuntas”.
“Dende a Vicerreitoría de Internacionalización entendemos que a Uvigo precisa de todos e todas vós, colaboradores necesarios, para difundir polo mundo adiante todas as nosas iniciativas”, recalcou Ferreiro, quen tamén desexou “que esta semana internacional sexa frutífera e que de aquí saian alianzas fortalecidas para camiñarmos xuntos e chegar máis lonxe”.
Múltiples actividades nos tres campus
Tras o acto de benvida, ao que tamén asistiu a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, tivo lugar unha mesa redonda sobre as alianzas das universidades europeas na que acompañaron a Maribel del Pozo Konstantinos Petridis, da Hellenic Mediterranean University de Grecia, universidade da alianza Athena; Meritxell Chaves, en representación da alianza Charm-EU e do grupo de universidades españolas participantes na iniciativa Universidades Europeas, e Andrés Lois, en nome do alumnado participante en Athena.
Concibida como unha actividade coa que promover o diálogo internacional, o programa da Semana Internacional 2024 na UVigo inclúe diferentes eventos cos que facilitar o intercambio de ideas e de puntos de vista entre as persoas participantes. Onte martes tiveron a oportunidade de coñecer de preto o campus de Pontevedra, onde foron recibidos pola vicerreitora Eva Lantarón; mañá xoves trasladaranse a Ourense, onde fará o propio o vicerreitor Javier Rodríguez Rajo, e o venres visitarán a Ecimat.
Entre tanto, o xantar deste mércores en Vigo, ao que tamén se convidou ao alumnado internacional, estivo amenizado por unha sesión de música galega e completouse cun roteiro polo campus guiado por persoal da Oficina de Medio Ambiente.