DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esdemga busca modelos para o desfile de final de curso

O requisito é dar a talla

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Lourdes Otero DUVI 02/10/2007

Medir máis de 1.70 centímetros é o único requisito para participar no casting de modelos que a titulación de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda está a organizar para o desfile de final de curso da primeira promoción . A selección terá lugar na Facultade de Belas Artes, o vindeiro día 19 de outubro, ás 17 horas. Búscanse un total de 18 rapaces sen importar o sexo, a beleza ou o peso. “Hai cabida para todos, o único que se pide e unha estatura mínima”, apunta Cristina Varela, subdirectora de Esdemga. O xurado estará composto por Lola Dopico, directora da titulación; Charo Frojan e Alfredo Olmedo, profesores da área de deseño, e un represente do alumnado.
Os modelos seleccionados poderán participar no desfile que terá lugar o próximo 29 de novembro nas pistas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Nesta pasarela, as alumnas da primeira promoción, darán a coñecer o traballo final de curso que están a preparar en colaboración con diversas entidades e empresas. Trátase, como sinala Cristina Varela, “dun proxecto elaborado con moito cariño e no que se está a coidar cada detalle da escenografía, son, iluminación, montaxe, ambientación e estilismo”.

Outras actividades

Ademais do desfile de moda, neste cuadrimestre celebrarase esdemga 2.1, unha nova edición da exposición na que se recolle unha selección de pezas dos proxectos das alumnas de segundo curso. A mostra, que se inaugurará a finais de outubro, na Casa Galega da Cultura, constará dunha montaxe en maniquies co fin de aprezar, de preto, o desenrolo procesual, técnico e conceptual do traballo desta promoción.
Propostas como estas enmárcanse no contexto de actividades que, organizadas dende a dirección da titulación, teñen como obxectivo conectar aos alumnos coa realidade exterior do mundo laboral e o contexto social e estudantil. Entre estas iniciativas, Cristina Varela, destacou a colaboración na realización dos uniformes do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) o curso anterior ou a exposición esdemga 2.0, que tivo lugar o pasado outubro. Tamén cabe sinalar o ciclo que, baixo o título “Xoves de Moda”, reuniu na Casa das Campás a numerosos expertos e profesionais no mundo do deseño e a alta costura.