DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun material didáctico para o ensino de soporte vital básico deseñado polo grupo Remoss

‘Rescube’, o cubo co que aprender xogando a salvar vidas

Este recurso foi validado por un grupo de expertos e expertas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 15/01/2021

Rescube. Ese é o nome do cubo despregable deseñado por investigadoras e investigadores do grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, co obxectivo de que sirva como un recurso didáctico dirixido a ensinar a nenos e nenas como actuar no caso de atoparse ante unha vítima dunha posible parada cardíaca. Tomando como punto de partida a iconografía desenvolvida polas investigadoras Cristina Varela, Begoña Paz e Itziar Ezquieta nun proxecto de innovación educativa da facultade, o cubo presenta, a través dunha serie de imaxes protagonizadas por un superheroe infantil, os pasos a seguir no primeiro elo da chamada ‘cadea de supervivencia’: recoñecer que unha persoa pode ter sufrido unha parada cardíaca e a alertar aos servizos de emerxencia.

O propósito desta iniciativa, explica Varela, foi desenvolver un “material didáctico, adaptado en linguaxe e procedemento” aos nenos e nenas, que lles resultase “visualmente atractivo” e co que puidesen “ir interactuando como se fose un xogo”, á vez que coñecen, nas diferentes caras do cubo, os pasos a seguir ante un posible caso de parada cardíaca. Como destaca a docente da Área de Didáctica da Expresión Plástica, trátase dunha “secuencia moi sinxela, pero moi operativa”, que lles ensina en primeiro termo a recoñecer un posible episodio deste tipo, convídaos logo a manter a calma e comprobar a respiración, para finalmente explicarlles que información deben proporcionar ao chamar o 112. 

Validación e posta a proba

O uso de Rescube como ferramenta educativa foi validado por un grupo de once expertos e expertas dos ámbitos da medicina, a enfermaría, a educación, o deseño e os primeiros auxilios no artigo que o grupo de investigación publicou na revista Anales de pediatría. “Trátase dun comité de expertos que valida que o material é adecuado, que a secuencia da cadea de supervivencia sexa a apropiada, que pedagoxicamente estea utilizando unha linguaxe correcta, que a caracterización dos personaxes sexa adecuada á idade á que vai referida, que visualmente teña unha iconografía ben desenvolvida...”, salienta Varela. O coordinador do grupo Remoss, Roberto Barcala; os investigadores do grupo Martín Otero, Marta Casillas e Noemí Castillo; o pediatra e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez; e a investigadora da Universidad de Granada Silvia San Román asinan, xunto a Varela, un artigo que presenta o Rescube como unha ferramenta “válida e capaz de facilitar a aprendizaxe do primeiro paso da cadea de supervivencia” con nenos de entre 5 e 8 anos. Neste aspecto, os seus autores e autoras poñen o acento en que, se ben a esta idade “non teñen a capacidade física” para realizar con calidade a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP), “si son capaces de comprender a cadea de supervivencia e a súa activación”, polo que poden “contribuír a salvar vidas”. 

Neste artigo preséntase, así mesmo, a metodoloxía de investigación dirixida a pór a proba a efectividade deste material, elaborado de acordo coas recomendacións internacionais sobre RCP. Con ese obxectivo, o grupo Remoss levou a cabo un estudo piloto con 120 nenos e nenas, dirixido a avaliar a aprendizaxe e retención a longo prazo desta secuencia, en comparación cunha “formación tradicional” neste eido. Xunto á publicación dos resultados desta análise, nunha revista científica, o grupo proxecta tamén colgar na rede estes materiais, con licencia Creative Commons, para que poidan ser empregados nese labor formativo. Así mesmo, a situación xerada pola covid-19 provocou tamén que nestes intres “esteamos facendo unha adaptación da secuencia”, na que a imaxe na que o protagonista se achega á cara da vítima para comprobar se respira será substituída por unha na que aparece á distancia e con máscara. 

Formar desde as linguaxes de nenas e nenos

O punto de partida deste cubo foi un proxecto para o desenvolvemento dun “dicionario visual de soporte vital básico”, seleccionado nunha convocatoria de innovación educativa da facultade. “Nel elaboramos un banco de imaxes para logo desenvolver diferentes aplicacións didácticas”, apunta Varela, que explica que, ademais do Rescube, tamén deseñaron un “libro sen fin”, enfocado a nenos e nenas de educación infantil, “que presenta a secuencia dunha forma moi directa, en catro pasos baseados en imaxes”. Outros materiais en deseño, como “a maqueta dun pequeno libro de actividades”, forman parte tamén dunha liña de traballo centrada, explica, no “desenvolvemento de materiais didácticos baseados no uso da imaxe e adaptados especificamente” a nenos e nenas de infantil e primaria.