DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co libro 'O ollo do observador: Johannes Vermeer, Antoni Van Leeuwenhoek e a reinvención da mirada'

Reseñas.18 convida a reflexionar sobre os avances científicos na Europa do século XVII

A súa autora, Laura J. Snyder, gañou con esta obra o Premio Sally Hacker 2016

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI 10/03/2021

O proxecto Reseñas, impulsado pola Biblioteca de Torrecedeira, ten unha nova proposta de lectura e reflexión para comunidade universitaria. Esta iniciativa, que naceu en 2018 como un espazo de lectura, pensamento e reflexión para estimular o bo uso e o manexo das fontes de información e servizos que ofrece a Biblioteca Universitaria, propón un achegamento aos avances científicos acadados no século XVII europeo. Faino a través da obra O ollo do observador: Johannes Vermeer, Antoni Van Leeuwenhoek e a reinvención da mirada, de Laura J. Snyder. Así, a través deste libro, dende a Biblioteca de Torrecedeira convidan á comunidade universitaria a coñecer como as primeiras observacións e descubrimentos con microscopios da man de Antoni van Leeuwenhoek ou o uso da cámara escura por parte de Johannes Vermeer deron pé a importantes avances nos eidos da física, a astronomía, a química ou a anatomía abrindo paso á ciencia modera. Esta revolución é a que recolle Snyder na súa obra, a busca do coñecemento a través da mirada e a vida destes dous homes.

Aser Ángel Fernández, técnico especialista da Biblioteca Torrecedeira e responsable desta reseña que se corresponde cos meses de febreiro e marzo, explica que o libro de Laura J. Snyder  responde a “unha extraordinaria curiosidade polo posible, polo case invisible, como camiño cara a novos descubrimentos facilitadores dunha revolución científica que sentaría as bases da ciencia moderna”. A obra sitúa ao lector na parte meridional de Países Baixos, cando a burguesía do país “vivía a súa idade de ouro e preséntanos os 20.000 cidadáns da próspera cidade de Delft, inmersos nun armazón axitado de católicos e protestantes, de gremios de comerciantes e mercadores de teas ou de arte, pousadeiros, transportistas, artesáns, ceramistas, médicos absortos nos seus teatros anatómicos ou viaxeiros incansables. Tempos de plasmación dos estudos do interior do corpo, de diseccións anatómicas que permitían a visión do invisible, da historia natural que nutría de gravados e ilustracións os libros circulantes como os de Marcello Malpighi ou Jan Swammerdam”, resume Fernández. 

Premio Sally Hacker 2016 da Sociedade para a Historia da Tecnoloxía

Laura J. Snyder é historiadora, filósofa, escritora e profesora de St. John’ s University en Nova York e escribe habitualmente sobre ciencia e filosofía en The Wall Street Journal. Con O ollo do observador: Johannes Vermeer, Antoni Van Leeuwenhoek e a reinvención da mirada gañou o Premio Sally Hacker 2016 da Sociedade para a Historia da Tecnoloxía sendo contratada en 2019 para elaborar a biografía de Oliver Sacks en base aos seus arquivos persoais. En palabras de Sacks “Laura J. Snyder non é só unha erudita brillante, senón tamén unha magnífica narradora”. 

Aser Ángel Fernández xustifica a escolla desta obra de Snyder porque “mostra os entrecruzamentos das investigacións precedentes e contemporáneas na filosofía, a enxeñería, a física, a astronomía, a química, a medicina ou a anatomía que estaban a cristalizar na transformación da visión do mundo nestes momentos nos que non existían fronteiras claras entre disciplinas que, como no campo da óptica, cos misterios da luz, a súa composición, os seus mecanismos de propagación, o fenómeno da refracción e a natureza das cores fascinaban e interesaban por igual a filósofos e artistas”.

Na busca de Pareidolias

Paralelamente á proposta desta obra para a análise e reflexión, reseñas.18 tamén inclúe a exposición Pareidolias, das profesoras Rosa Álvarez, Encarnación de Miguel e Mª Jesús Iglesias Briones. Trátase dunha mostra de preparacións histolóxicos ao microscopio nas que a autora convida a buscar formas familiares onde non as hai, “como quen busca animais ou rostros nas nubes ou siluetas no pavimento, en árbores, en rochas…”, o que se coñece como pareidolias.  A exposición pode visitarse no edificio anexo da Escola de Enxeñería Industrial, en Torrecedeira.

Reseñas.19

A próxima cita coas reseñas da Biblioteca de Torrecedeira será a dos meses de abril e maio e o volume escollido será La epigenética. Cómo el entorno modifica nuestros genes, de Raúl Delgado-Morales e Carlos Romá Mateo editado por RBA en 2019. A elección desta obra corresponde a Andrés Sanjuan, profesor do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía e investigador do grupo IN1 Inmunoloxía do Cinbio.